21 enero 2009

Boletín de novas (21-01-09)


A Mancomunidade de Fisterra quere impulsar a Radio Neria e a Radio Fisterra.
A mancomunidade de Fisterra, con José Manuel Traba como novo presidente, xuntábase o pasado luns e acordaba axuntar esforzos para revitalizar tanto a radio municipal de corcubión como a Radio Fisterra. Aquí estamos a Radio Neria e a Radio Roncudo para o que faga falta, pensando que a incorporación da Radio Fisterra aás ondas da Costa da Morte sería toda unha alegría.

O xerente do Hospital responde ás críticas do Comité
O Comité de Empresa do HVdX de Cee denunciaba onte á Dirección por non informarlles a tempo de varios asuntos de índole sindical. Francisco Pazos, xerente do Hospital, explicaba o retraso como un mero problema de exceso de traballo dos responsables de facer chegar dita información ao Comité. Pazos acusa ao Comité de ter "intencións dirixidas máis a complicar a labor da dirección que a exercer as funcións dun comité".

Xornada de primeiras pedras
Como nos gustan as primeiras pedras. Onte, martes 20 de xaneiro, María José Caride, conselleira de PTOPT, colocaba a primeira pedra para as obras de mellora da AC-433 que vai dende Laxe ata a conexión coa estrada Vimianzo-Camariñas. O proxecto de mellora foi deseñado tendo en conta tanto as características do tráfico que circula por esta estrada como os condicionantes urbanos e paisaxísticos da zona, unha zona moi accidentada.
Caride quedou en Muxía, en compañía de Jacinto Parga, o presidente de Portos de Galicia, para asistir ao inicio das obras de construción das instalacións náutico-deportivas no porto de Muxía. A actuación, que acada un investimento de 2,6 millóns de euros, suporá dotar ao porto de Muxía dun total de 233 prazas de atraque.

A Costa únese á Rede de Comercio Rural
A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitaba onte a Casa Senra, na Picota, Mazaricos, o último establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego. Con esta medida a Consellería de Innovación e Industria pretende revitalizar o rural galego volvendo aos tempos do bar-tenda-ultramarinos de toda a vida. Desta volta os establecimentos veñen algo máis modernizados, engadindo todos aqueles produtos de primeira necesidade, produtos ecolóxicos e de Artesanía de Galicia así como facilitando o acceso ás novas tecnoloxías.
Hoxe, Ana Rúa, visitará Casa Landeira, no lugar de Treos, Vimianzo.

Xornada con asesores de Novas tecnoloxías en Vimianzo
A Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e Comunicación organiza en Vimianzo unha Xornada sobre difusión e dinamización da sociedade da información no mundo rural. A cita terá lugar o 4 de marzo.

Remata o Concurso de Anécdotas de Corcubion.com
5.400 votos serviron para escoller "Solidariedade Galega" como a anécdota máis simpática do Concurso que organizaba a páxina corcubionesa. Eran 15 as presentadas pero nin a famosa chamada da nai inocente nin o listo ligón puideron con esta historia de loros e aduanas.

Deportes

Boa xornada para os pichichis da Costa
Na 1ª Autonómica, o ceense Leo, co gol desta semana en Dumbría, xa sumaa 7 goles e manten aberta a loita co soneirán Vituco, que conta 9 no seu haber. Na Liga da Costa, o cormelán Iago segue de lider malia levar dúas semanas sen mollar, pero Sebas, do Xallas, achégase perigosamente. A 3ª foi a xornada máis goleadora da tempada: nada menos que 45 goles. O pichichi da Costa, incluindo as 3 categorías, é o xogador do Lira Manoliño, que volveu marcar e xa son 17. Cajulo, da Esteirana suma 16, e o dianteiro do Pereiriña, Miguel Poyo, 15.



O Congelados Oso Polar vence ao Cambre
Importante vitoria dos da Costa da Morte ante un rival directo na loita pola 4ª praza do grupo A da primeira división zonal.

Camacho será finalmente o sucesor de Couso no banco do Xallas.
O conxunto xalleiro quixo agradecer publicamente a labor de Couso, pero os resultados mandan. A directiva elixiu a Camacho por ser un home da casa e coñecer perfectamente a categoría e mais a plantilla.

Lembramos que hoxe mércores é a noite máis produtiva da radio corcubionesa. A partir das 22:00 chega Lena Yuman con Música sen fronteiras, unha viaxe polas músicas do mundo. Ás 22:30, Javi Turnes co seu Pensar e soar, onde o blues mestúrase coa filosofía. Cara ás 23:00, Manolín e a súa Realidade e soños, un programa de poesía con moito corazón, e antes do Bloque musical de Músicas do mundo, Inversión Infinita, un programa dos que merece a pena quedarse ata o último segundo.
Fonte e máis información
quepasanacosta.com

No hay comentarios: