27 noviembre 2024


Santiago acolle o cumio de 240 emisoras de radio locais que 
reafirman a súa vontade de cooperar en rede a escala global

A Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA) exerce de
anfitrioa do encontro no que tamén participan representantes de
EMA RTV (Andalucía), RTV Cardedeu La Xarxa (Cataluña) e a
Rede Estatal de Medios Comunitarios
A sesión de traballo, que comezou onte e se prolongará durante
toda a xornada de hoxe na sede do Consello da Cultura Galega,
busca amplificar o impacto da comunicación local a través da
educación e o desenvolvemento sustentable


Santiago, 27 de novembro de 2024 | A sede do Consello da Cultura Galega (CCG)

acolle desde onte e durante toda a xornada de hoxe un encontro histórico con

representantes de 240 emisoras de radio de todo o Estado español co obxectivo de

reafirmar a súa vocación de traballar en rede para ter incidencia a escala global, pero

sen perder as raíces locais; aliñar estratexias conxuntas, intensificar a colaboración e

aproveitar sinerxias.

O encontro, organizado pola Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA),

conta coa participación de EMA RTV (Andalucía), RTV Cardedeu La Xarxa (Cataluña) e

a Rede Estatal de Medios Comunitarios (ReMC), que subliñan a importancia de reforzar

os medios locais como ferramentas para o cambio social e ambiental.


O programa incluíu na tarde de onte un acto no que Henrique Sanfiz, secretario de

EMUGA, destacou a colaboración entre entidades autonómicas e estatais como clave

para lograr un impacto real. “Somos 240 radios, moi pequenas, que, se bailamos soas,

chegamos a poucos sitios, pero, se bailamos todos ao mesmo paso na mesma

dirección, podemos aspirar a poñer un grao de area para cambiar o mundo”, afirmou.


Tamén subliñou a necesidade de combinar enfoques globais e locais no proxecto Onda

ODS, baixo o lema "de medios locais a medios glocais". Insistiu en que esta iniciativa é

“multicultural e multilingüe, defendendo a lingua e a cultura de cada territorio”.

Pola súa parte, Xesús Domínguez, tenente de alcaldesa do Concello de Santiago de

Compostela, deu a benvida aos participantes e salientou a relevancia da comunicación

de proximidade: “Cando viaxamos buscamos descubrir outras culturas, maneiras de

pensar e linguas... Isto é o que verdadeiramente enriquece a experiencia”. Domínguez

agradeceu a presenza dos asistentes e resaltou o papel de Santiago como punto de

encontro e reflexión.


Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, destacou o valor destas

redes como ferramentas de cohesión nun territorio tan fragmentado como Galicia. “O

desenvolvemento sustentable non pode esquecer a cultura; é o motor da sociedade e

debe integrarse en todos os seus aspectos: humanísticos, científicos e tecnolóxicos”.

Ademais, subliñou “a importancia dos dereitos culturais. A cultura é un dereito; poder

desfrutar a cultura da túa comunidade e recibir cultura debe ser un dereito”. Álvarez

animou os presentes a fortalecer a colaboración entre emisoras e asegurou o apoio do

Consello para seguir impulsando esta rede.


Medios locais con impacto global

Este encontro supón tamén o punto de partida para unha nova etapa no proxecto Onda

ODS impulsado pola devandita rede de emisoras de radio locais, que no ano 2025

chegará á súa terceira edición baixo o lema "De medios locais a medios glocais". Esta

iniciativa, desenvolvida en colaboración co Ministerio de Dereitos Sociais no marco da

Axenda 2030, busca amplificar o impacto dos medios locais a través de tres liñas de

acción que combinan a educación, a formación profesional e a sensibilización cidadá.

Estes son os obxectivos:

1. Impulsar a conciencia climática na mocidade:

A primeira acción estará centrada na mocidade de 16 centros educativos de cinco

comunidades autónomas. A través dun concurso radiofónico estatal, os estudantes

reflexionarán sobre o impacto do cambio climático nas súas comunidades, promovendo

un diálogo interxeracional e unha comprensión máis profunda deste desafío global.

2. Formación en municipios rurais e vulnerables:

En 16 localidades de ámbito rural e con maior vulnerabilidade social organizaranse

coloquios radiofónicos destinados a comunicadores e xornalistas. Estes encontros

tratarán temas como a pobreza, a igualdade de xénero e o cambio climático, co

obxectivo de mellorar a calidade e a sensibilidade na cobertura mediática destes temas

fundamentais.

3. Campaña de sensibilización a nivel estatal:

Lanzarase unha campaña radiofónica e audiovisual dirixida a máis de dous millóns de

persoas en 11 comunidades autónomas. Esta iniciativa buscará dar visibilidade a

políticas públicas, proxectos cidadáns e iniciativas privadas que contribúen ao

cumprimentodos ODS, destacando especialmente os esforzos realizados desde o

ámbito local e rural.


Unha comunicación comprometida coas persoas e co planeta

Os medios locais non son simples transmisores de información; son espellos das súas

comunidades, puntos de encontro para o debate e a reflexión, e ferramentas clave para

promover o cambio social. Desde esta perspectiva, o proxecto Onda ODS e a

colaboración entre redes como EMUGA, EMA RTV, ReMC e XAL apostan por unha

comunicación que respecte a diversidade cultural e lingüística, ao tempo que actúe

como motor de transformación social.

Con esta nova edición de Onda ODS, estas emisoras propoñen dar un paso máis:

converterse en plataformas "glocais" que combinen o alcance global coas raíces locais,

garantindo que ningunha comunidade quede atrás na loita por un futuro máis xusto,

igualitario e sustentable.Santiago de Compostela, que simboliza o encontro de camiños e culturas, é o escenario

perfecto para dar forma a esta nova etapa. Desde aquí, a voz das radios locais e

comunitarias segue a abrir camiños cara unha sociedade máis consciente e

comprometida cos grandes retos que afrontamos como humanidade.

07 noviembre 2024


 A ASOCIACIÓN "ILLA DA ESTRELA" DE CORME, HOXE EN RADIO NERIA.

Arrancamos temporada de CHEGAR A BO PORTO en Radio Neria, no que Luis Corral conversa con Rosa Rodríguez, presidenta da Asociación de Redeiras "Illa da Estrela" de Corme. Será a partir das 12:00, e poderemos escoitala de novo ás 22:00 en www.radioneria.blogspot.com

05 noviembre 2024

 

A PROGRAMACIÓN PARA HOXE EN RADIO NERIA

Martes 5 de novembro. Hoxe voltamos ter na nosa antena a mellor música con MUNDOFONÍAS. E despois, que pracer poder contar de novo con Maruxiña dos Queixos e o seu DISQUE.
Arrancamos ás 11:00 en http://radioneria.blogspot.com
E lembrade que voltamos ás 21:00. E se non tedes oportunidade de escoitarnos, esperámosvos en Ivoox con tódolos contidos da nosa programación

04 noviembre 2024

 

Hoxe arranca a nova tempada en Radio Neria

Empezamos. Imos espertando aos pouquiños, pero imos. Hoxe luns, 4 de novembro, voltamos con nova programación a Radio Neria. Arrancamos con contidos que xa veñen da temporada pasada: CHEGAR A BO PORTO, DISQUE, REALIDADE E SOÑOS, BOOMERS A CONCIENCIA, ÁBRETEDEORELLAS, CARNE CRUDA, MUNDOFONÍAS... e algo máis que temos na cociña e esperamos poder telas listas o máis pronto posible.
Empezamos hoxe ás 11:00 en http://radioneria.blogspot.com

28 octubre 2024

ARRANCAMOS UNHA NOVA TEMPORADA EN RADIO NERIA

Radio Neria arranca e novo as súas emisións coa intención de incorporar novas voces á súa programación

O vindeiro luns 4 de novembro arranca unha nova temporada en Radio Neria. Neste novo arranque, contamos cos programas que xa viñamos facendo a pasada temporada pero que queremos aumentar neste novo arranque. E para iso precisámoste
Tes ganas de entrar en contacto co mundo da radio? Queres facer o teu propio podcast?
Estamos abertos a novas incorporacións. Escríbenos un correo coa túa idea, ponte en contacto con nós para contarnos que che gustaría facer. Nós poñemos tódolos medios á túa disposición para que poidas levar a cabo a túa idea e pasar a formar parte da nosa programación.
Este é o correo ao que nos podes escribir: radioneria@gmail.com
Anímate a formar parte da familia Radio Neria.

21 octubre 2024

 “Empeza por ti” a proposta de EMUGA para acadar os  obxectivos da Axenda 2030.

O proxecto “Empeza por ti” liderado por Emisoras Municipais Galegas, EMUGA, co apoio da Deputación da Coruña, botouse a andar. A proposta traballará os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable recollidos na Axenda 2030 a través da programación de programas, pódcasts e “pílulas” radiofónicas que contribuirán á difusión dos ODS entre a poboación, sobre todo entre os máis novos ao propor novos xeitos de facer radio, como o podcast.

A radio local ao servizo da estratexia deseñada para o desenvolvemento deste ODS plantexados por Nacións Unidas no ano 2015 e que o planeta está traballando de xeito global e para que ninguén quede atrás.

O programa especial inaugural do proxecto emitíuse o pasado sábado 19 e contou con entrevistas que amosan proxectos exemplificadores de boas prácticas a nivel local que poden ter un positivo impacto non só nas colectividades que os acollen, senón tamén no conxunto da poboación como espello do que pode facerse a nivel local para traballar a favor da Axenda 2030.

Da man de Antonio Díaz, cociñeiro e propietario do negocio, Autga Autóctonas, que traballa con produtos locais e razas galegas, coñeciamos a experiencia de posta en valor e aproveitamento económico, da produción e difusión das razas de gando e variedades agrícolas autóctonas. Os nosos produtos locais son un valor en alza que compre apoiar e valorizar e que contribúe a fixar poboación e facilitar a posibilidade de que as zonas rurais recuperen o seu atractivo para novos moradores.

O programa para a creación dunha rede veciñal contra as violencias machistas, O Lavadoiro, tivo especial protagonismo no programa. Lucía Ríos e Silvia López, participantes como mulleres facilitadoras neste proxecto, contáronnos como O Lavadoiro, que xurde como unha proposta institucional pero que implica a mulleres e tamén homes para o seu desenvolvemento, está en plena transformación, consolidándose como un recurso imprescindible para a loita contra as violencias contra a muller.

Con este programa inaugural empeza o desenvolvemento do proxecto “Empeza por ti” que será emitido, durante os próximos meses, na programación compartida polas Emisoras Municipais Galegas. 25 emisoras locais que comparten o obxectivo común de contribuír ao desenvolvemento das sociedades nas que están instaladas e ser parte dese Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 17, Tecer Alianzas para poder acadar os ODS, redes de colaboración sen as que sería imposible o desenvolvemento de calquera proxecto de participación cidadá como o que EMUGA ven de iniciar.


18 octubre 2024


ESTE SÁBADO, PROGRAMA ESPECIAL "EMPEZA POR TI", NAS EMISORAS MUNICIPAIS GALEGAS

Galicia tamén ten que coidar a auga. A crise hídrica afecta á metade da produción de alimentos e ao 8% do PIB mundial, segundo conclue a Comisión Global da Auga. Ainda que na nosa comunidade poida parecer que non falta o líquido elemento, os expertos alertan sobre os problemas de calidade. Será un dos elementos a abordar no programa especial “Empeza por ti”, que Emisoras Municipais Galegas emitirá o vindeiro sábado 19 de outubro coa colaboración da Deputación da Coruña. Faráse fincapé tamén na necesidade de optar por produtos de proximidade e pola economía circular.

O programa, que comezará as 13,00 horas do sábado, poderá sintonizarse no 107.7 da Frecuencia Modulada e na web www.radiofusion.gal. Forma parte do proxecto “Empeza por ti”, producido por EMUGA, para achegar á poboación, sobre todo á máis nova, os contidos da Axenda 2030 e os Obxectivos para o Planeta que Nacións Unidas acordou no ano 2015.
O espazo do sábado terá continuidade nun “pódcast” que tamén se poderá escoitar todos os dias ás nove da mañá a partir do luns dia 19 de outubro.
A Axenda 2030 é unha chamada a acción colectiva e como emisoras de radio asociadas queremos asumir o noso papel como comunicadores e achegar os 17 ODS propostos nesta Axenda global acordada por 193 países.
Compre actuar, porque ningún dos aspectos do comportamento humano é inocuo para o planeta, a produción dos nosos alimentos, os nosos hábitos de consumo, a utilización dos plásticos, o saneamento dos nosos refugallos, o noso comportamento ten consecuencias para o planeta e compre que tomemos conciencia.
E esta será a proposta que abordaremos no programa especial do sábado no que escoitaremos a persoas de recoñecido prestixio e con coñecementos máis que acreditables como o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Lois Otero e o presidente da Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula, Xabier Ribeiro. Tamén se falará no programa de accións sobre a igualdade de xénero e arredor dos produtos de proximidade na gastronomía. Escoitaremos ao arquitecto Iago Lestegás abordando o valor patrimonial dos hórreos como elemento de importancia na paisaxe galega. 



Na imaxe, As Lolas da Cascarilla na Feira da Artesanía de Fene en 2022, agasallos artesáns e de proximidade en San Sadurniño.
Fotografía Xan Xe 

11 junio 2024


Documenta Hórrea” chega a Corcubión da man de Radio Neria. 


Unha exposición arredor dos hórreos inaugurase este venres 14 de xuño ás sete e media da tarde no Centro Recreativo Cultural de Corcubión. Unha iniciativa impulsada por Radio Neria e o Concello de Corcubión, contando coa colaboración de Son Radio-fusión e EMUGA.. As cantareiras As Rinchonas actuarán no acto de inauguración da mostra.  A través das fotografías de Xan Xe, das creacións de Juan Sobrino, Andrea Pena, Verónica Garcia, Alejandro Coedo, Malena Carballo e dos alumnos e alumnas de Laudas Calamity. Coa carpintería de Antonio García, e comisariada por Laura Bouza, a imaxe do hórreo volve ser o centro da arte, a verdadeira realidade.


No Casino poderemos desfrutar dunha exposición froito dun traballo de “descuberta” de hórreos localizados nunha zona de Ferrolterra, dos que un grupo de artistas consagrados, e outros en formación, teñen feito unha reinterpretación artística, a través de diversas técnicas, dunha das construcións máis emblemáticas da xeografía galega. A mostra está organizada por Son Radiofusión e o Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity  coa colaboración do Concello de Corcubión a Deputación de A Coruña e do Centro Recreativo Cultural  de Corcubión. 


Os organizadores indican que “desde o punto de vista arquitectónico, o hórreo foi a dependencia máis importante da casa labrega, a de maior interese espacial e construtivo e na que se manifesta o sentido plástico e mesmo a fantasía. Constitúe, unha das achegas máis significativas á hora de conformar a paisaxe galega e un elemento peculiar da nosa xeografía”. 


Un elemento arquitectónico referencial que recibe, ao igual que a choiva, nomes diferentes segundo as zonas e as súas feituras: cabaceira, cabaceiro, cabazo, canastro, canizo, celeiro, espigueiro, palleira ou piorno. Unha construción, á que, sen embargo, non se lle ten dado a importancia que se merece pero que empeza a ser reivindicado a través dun movemento (Rede Hórrea) que quere que se recoñezan os hórreos como patrimonio cultural inmaterial da humanidade. Ao fin estas singulares edificacións teñen sido protagonistas de lendas, ritos, traballos asociados e mesmo teñen propiciado celebracións musicais como as foliadas son parte da riqueza que rodea estas edificacións. 


O acto de inauguración, cuxo acceso será libre e gratuíto, será a partir das 19,00 horas do venres 14 de xuño, nas instalacións do Casino de Corcubión, e contará coa actuación das Cantareiras As Rinchonas de Corcubión, así como a presenza de organizadores e autoridades.



A escritora Arantza Portabales, hoxe en Radio Neria.

Martes 11 de xuño. Hoxe arrancamos a nosa programación cunha análise sobre os resultados das Eleccións ao Parlamento Europeo celebradas este pasado domingo. Maruxiña dos Queixos fai o seu comentario no programa DISQUE. Despois, O RECUNCHO DO ESTUDANTE. As noas rapazas traen hoxe a unha convidada moi especial: Arantza Portabales. Referente da novela negra actual, autora de títulos como a serie Inspectores Abad y Barroso. E para rematar, MUNDOFONÍAS, hoxe con: Favoritos de junio + A la velocidad de la música.
Escoitámonos a partir das 11:00 e as 21:00 no 107.8 da FM, e na web, en www.radioneria.blogspot.com e www.zeno.fm7radio/radio-neria/

06 junio 2024


 O Conselleiro do Mar, hoxe en Radio Neria.

Hoxe temos unha programación moi especial. Luis Corral entrevista en, CHEGAR A BO PORTO, ao Conselleiro do Mar, Alfonso Villares. Será a partir das 11:00 da mañá. E despois, continuamos como non, coa nosa programación de cada xoves. Manuel Oliveira Gómez "Manolín", tráenos REALIDADE E SOÑOS. E rematamos con MUNDOFONÍAS, hoe con: "Mundos de ida y vuelta"
Esperámosvos a partir das 11:00 e ás 21:00 no 107.8 da fm. E na web, en www.radioneria.blogspot.com e www.zeno.fm/radio/radio-neria/

04 junio 2024

 

Maruxiña dos Queixos volve ás ondas de Radio Neria.

Abrimos a programación de hoxe en Radio Neria coa mellor das novas que puidemos dar nas últimas semanas: xa temos de volta a Maruxiña dos Queixos. Xa está recuperada e disposta a coller de novo o micro e lanzar toda a súa artillería. E despois, continuamos con O RECUNCHO DO ESTUDANTE e MUNDOFONÍAS. Estes últimos tráennos "Transglobal World Music Chart: Junio 2024".
Esperámosvos ás 11:00 e ás 21:00 no 107.8 da FM e na web, en www.radioneria.blogspot.com e www.zeno.fm/radio/radio-neria/

23 mayo 2024


Rubén Prieto hoxe en Radio Neria da man de Luis Corral en Chegar a bo Porto.

Benvidos e benvias a un novo día en Radio Neria. Estamos a xoves 23 de maio. Hoxe arrancamos con CHEGAR A BO PORTO, no programa de hoxe, Luis Corral conversa con Rubén Prieto, propietaria da Escola de Surf Costa da Morte. Despois, como cada xoves, un momento para a poesía con Manuel Oliveira Gómez, "Manolín", en REALIDADE E SOÑOS. E rematamos a programación con MUNDOFONÍAS, hoxe con: "Seis puntos afrocardinales"

Esperámosvos ás 11:00 e ás 21:00 no 107.8 da FM e na web, en www.radioneria.blogspot.com e www.zeno.fm/radio/radio-neria/ 

21 mayo 2024



 "O mellor amigo do home" centra a tertulia de hoxe en Radio Neria.

Comezamos a programación de hoxe coa tertulia de O RECUNCHO DO ESTUDANTE. Aloia, Valeria, Carla e Irene falan hoxe do mellor amigo do home: O Can. E arrancamos con elas, porque temos a Maruxiña dos Queixos pachucha e non podemos contar con ela para hoxe. Desexámoslle desde aquí unha pronta recuperación. Botámoste moito en falta! E rematamos a programación con MUNDOFONÍAS, hoxe cunha recompilacións de grandes éxitos: "músicas esenciais".
Esperámosvos a partir das 11:30 e ás 21:30 no 107.8 da FM e na web, en www.radioneria.blogspot.com e www.zeno.fm/radio/radio-neria/

16 mayo 2024


Anxo Rodríguez, director do programa VIVIR O MAR da Galega, hoxe en Radio Neria

Luis Corral conversa no programa de hoxe con Anxo Rodríguez en CHEGAR A BO PORTO. Despois, teremos o pracer de escoitar a Manuel Oliveira Gómez, Manolín, en REALIDADE E SOÑOS. E para rematar, MUNDOFONÍAS, hoxe con: Ronda Ibérica.
Escoitámonos a partir das 11:00 no 107.8 da FM e na web, en www.radioneria.blogspot.com ou www.zeno.fm/radio/radio-neria/

15 mayo 2024


 A Intelixencia Artificial, hoxe en Radio Neria

Temos dúas propostas para hoxe na nosa emisora. Empezamos cunha nova entrega de ÁBRETEDEORELLAS, no que Pepe Cunha nos trae temas de Uxía con Caamaño e Ameixeiras ou A Banda da Loba. E despois, CARNE CRUDA, hoxe con: IA: El nuevo colonialismo.
Esperámosvos a partir das 11:00 e ás 21:00 no 107.8 da FM ou na web, en www.radioneria.blogspot.com ou www.zeno.fm/radio/radio-neria/

11 mayo 2024

A Tenda-Galería STOUPA visita Falar sen Cancelas.

Sábado 11 de maio. Como cada sábado, Pepe Formoso abre o seu programa FALAR SEN CANCELAS para a nosa audiencia. Hoxe, conversa con Begoña Fernández Paz, xerende de Stoupa, Tenda-Galería de Arte e Artesanía 100% Costa da Morte, ubicada en Cee.

Esperámosvos a partir das 11:00 no 107.8 da FM e na web, en www.radioneria.blogspot.com e www.zeno.fm/radio/radio-neria/
Ademais lembrade que tamén podedes escoitarnos en Ivoox e Spotify.