Pintura e serigrafía ao vivo, obradoiros, documentais, danza, música, escultura ao aire libre, pintura, fotografía, teatro, poesía e outras actividades daranse cita na segunda edición do Festival Artenauta. E tamén radio! O Festival das Artes da Costa da Morte inclúe no seu programa un Espazo Sonoro da man de Miguel Vázquez Freire, creador do programa O Moucho Voa.
A cita, organizada por artistas e produtores culturais vencellados á vila de Corcubión, a través da Asociación Cultural Universidade Cromática das Virtudes, desenvolverase na vila de San Marcos esta fin de semana de 2, 3 4 de xullo, aínda que pode dicirse que comezou xa hai unhas semanas cunha serie de accións previas.
Así, o venres, sábado e domingo entre as 18:00h e as 19:00 poderedes escoitar nas ondas do 107.8 da FM, e en Radio Roncudo, así como na rede, "Os sons de ninguén".