Corcubión é "territorio podcast" segundo se puxo de manifesto na
presentación da guía "Comunicándonos", impulsada polas Emisoras
Municipais Galegas, dentro do proxecto Onda ODS. Máis de vinte entidades
participaron no acto e interviron nun animado coloquio arredor da necesidade de
comunicar máis e mellor coa sociedade. A igualdade de xénero, unha educación de
calidade, o viño, a agricultura ecolóxica e a alerta pola expansión sen
planificación dos muíños eólicos foron algunhas das preocupacións expostas que
se poderán traducir en diferentes pódcast e campañas de sensibilización na
segunda metade deste ano.
Nun prazo de quince días haberá unha nova reunión na que se concretarán as
iniciativas a levar a diante. Tanto Toño Casais (Radio Neria) como Henrique
Sanfiz (Radiofusión) expuxeron a intención de transformar a radio local nun
centro de produción de audio e nun punto dinamizador da comunicación na
comarca. Ao remate do evento repartíronse exemplares de "Comunicándonos.
Guía práctica para a elaboración de contidos audiovisuais e pódcast relacionados
cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel". "Onda Ods Empeza por
ti" é unha iniciativa das Emisoras Municipais de Andalucía en colaboración
coas Emisoras Municipais Galegas, a Xarxa de Catalunya e a Rede de Medios
Comunitarios. Conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
Na xuntanza, celebrada no Clube Marítimo Carrumeiro na tarde do pasado venres
tamén se falou do exitoso pódcast "Lo que tu digas" impulsado polo
mozo natural de Corcubión Alex Fidalgo que xa supera os 10.000.000 de descargas
e que conta con 280.000 seguidores en YouTube, 190.000 en Instagram e 10.000 en
Twitter.
18 junio 2023
PRESENTACIÓN DA GUÍA "COMUNICÁNDONOS" NO CLUB MARÍTIMO CARRUMEIRO
Publicado por
radiONeria
Suscribirse a:
Entradas (Atom)