24 noviembre 2010
Xa está disponible o primer programa da terceira tempada do SFNS
O SFNS comezou a sua terceira tempada este pasado venres e xa esta dispoñible para baixar na sección do programa deste blog e a través do Facebook da radiONeria.
Publicado por
radiONeria
03 noviembre 2010
A radiONeria comeza a tempada do XX aniversario
Porque vinte anos non se cumpren todos os días. A radiONeria está a iniciar nestas datas unha nova tempada radiofónica, un periodo no que se cumprirán dúas décadas dende a primeira emisión da radio municipal de Corcubión.
Non son moitas as novidades que presentamos de cara a este ano, pero queremos dar un pasiño máis na consolidación da emisora como referente informativo, de entretemento e de lecer para toda a Costa da Morte. Isto é todo o que vos ofrecemos dende a radiONeria nesta nova tempada: a 2010 – 2011.
- Boletíns de novas.
Cada mañá dende as 08:30h somos os primeiros en abrir o relato informativo na Costa da Morte. E facémolo a través dos boletíns de novas. Información puntual e rápida en clave local, sen rodeos nin cortapisas. Prestamos especial atención ao eido cultural, cun feixe de citas e quefaceres para os tempos de lecer.
E como non podía ser doutro xeito, o máis salientable da información deportiva, coa actualidade e o seguimento dos nosos equipos en todas cantas disciplinas se vexa representada a Costa da Morte.
O boletín chega cada día da man do equipo de http://quepasanacosta.com. Dirixen este tempo de novas Ubaldo Cerqueiro e Óscar Rey, coa axuda puntual de Iván Pereira.
Horario de emisión: de luns a venres ás 08:30h, 09:00h, 09:30h, 10:00h, 15:00h e 19:00h.
- O Ronsel.
Van xa seis anos dende que Óscar Rey comezaba a guiar á Costa da Morte a través do seu Ronsel. Información, reflexión, análise, opinión e entrevistas dan forma a dúas horas de radio que cada semana nos poñen ao tanto de todo canto acontece arredor de nós.
Horario de emisión: os xoves ás 22:00h (en directo) e os sábados ás 12:00h (en diferido).
CULTURAIS E DIVULGATIVOS
- Realidade e Soños.
Manuel Oliveira Gómez “Manolín” presenta o programa decano da radio na Costa da Morte. Tres son as súas paixóns: o fútbol, a poesía e a zarzuela. Nós quedámonos con dúas delas. “As poesías de Realidade e Soños reflicten o que eu sinto durante esa semana.”
De cando en vez podemos disfrutar das súas propias creacións, pero Manolín tamén adoita deleitarnos coas obras de Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Miguel Hernández, Federico García Lorca ou Antonio Machado, entre outros moitos.
Horario de emisión: os mércores ás 23:00h e os venres ás 14:30h.
- Zarzuela.
Como vimos de ver Manolín tamén ten outro espazo radiofónico para outra das súas paixóns: a zarzuela.
COMEZO DA NOVA TEMPADA PRÓXIMAMENTE.
Horario de emisión: os domingos ás 11:00h e os mércores ás 14:00h.
- Escrita
O poeta cormelán Paco Souto presenta un espazo no que pretende facernos soñar e vivir a literatura. Poemas, contos, lecturas, entrevistas, actualidade e vivencias compoñen este tempo de radio para a noite dos martes.
Horario de emisión: os martes ás 23:00h e os xoves ás 14:00h.
- Cienciaes
O achegamento ao eido científico vén da man de Cienciaes. Trátase dun programa semanal de divulgación científica que pretende cumprir o obxectivo de que os oíntes sexan quen de maravillarse ante o mundo científico.
EMISIÓN EN LINGUA CASTELÁ.
Horario de emisión: os venres de 14:00h a 14:30h
- Ecoloxía
Belén Rodríguez conciéncianos cada día de que os recursos naturais son escasos e hai que coidar deles de cara a un desenvolvemento medioambiental, económico e social. Dende temas de actualidade medioambiental ata consellos para un estilo de vida máis ecolóxico, pasando pola divulgación da flora e a fauna autóctona galega, teñen cabida neste programa.
Horario de emisión: de luns a venres ás 12:00h.
VARIEDADES
- La hora del Comején*
Juanito Comején presenta un tempo de radio no que nunca deixa títere con cabeza. Personaxes de eidos tan dispares como a política, a igrexa, a sociedade, ou a cultura poden ser obxecto de crítica nun espazo que non deixará indiferente a ninguén.
Horario de emisión: na medianoite (00:00h) do sábado ao domingo.
MUSICAIS
- Foliada
A cita semanal coas músicas que se fan neste recuncho da terra. Dende grupos da Costa como os fisterráns A Crus de Baixar ata outros consolidados no noso país como A Roda, todos teñen cabida neste espazo. O seu presentador, Paco Mosqueira, o define así: “O melloriño da música tradicional galega”.
Horario de emisión: Os luns ás 23:00h e os mércores ás 20:00h.
- O fantasma accidental
Os sons máis escuros do panorama musical nolos trae Jose Lemur, un amante da música “concreta e industrial”. Papeis como os de Dj e crítico musical en diversas publicacións, fan de Lemur e o seu programa unha interesante proposta para
os nosos oídos.
Horario de emisión: Os mércores ás 21:00h e os luns ás 14:00h.
- No Intro
Os dous benxamíns da radiONeria, Saulo Fernández e Marta Cespón, presentan un dos programas máis veteranos da emisora, con xa cinco tempadas ás súas costas. A lista dos éxitos músicais do momento, unha ollada á actualidade é ao mundo da televisión, cotilleos, e recomendacións cinematográficas, compoñen esta oferta da radiONeria para as mañás dos domingos.
Todo coa tua participación en directo vía telefónica e tamén ao longo da semana a través do blog oficial do programa.
Horario de emisión: Os domingos ás 12:00h e os martes ás 20:00h.
- Fórmula Neria
Iván Pereira presenta nas tardes dos sábados un dos programas máis seguidos da radiONeria. A mocidade da Costa xa pode desfrutar do pop, o dance e a música latina máis actual. Todo elo coas tuas peticións e adicatorias musicais a través das habituais vías de participación.
Horario de emisión: Os sábados ás 17:00h e os xoves ás 20:00h.
- Neria Weekend
A única alternativa ao deporte na radio durante a fin de semana vén da man de Fran Lago. Cento vinte minutos cada semana para mergullarnos coas mellores cancións de todos os tempos, dende os anos 70 ata a actualidade. E todo elo acompañado de diversos comentarios de actualidade con especial atención ás novas máis curiosas dos últimos días.
Horario de emisión: Os sábados e os luns ás 20:00h.
- Super Freak Night Show
Nas noites dos venres un par de sinverjuensas chamados Jaky Dj e Dj Alan ofrécennos unha selección musical (xeralmente baseada nun único grupo ou nun determinado xénero) coa compaña dos comentarios máis contrastados e amenizado con grandes doses de humor. Grandes cancións e grandes sorrisos para rematar a semana.
COMEZO DA NOVA TEMPADA PRÓXIMAMENTE.
Horario de emisión: Os venres ás 22:00h e os luns ás 00:00h.
- Intente dedicar su disco
Juanito Comején abre o teléfono para as túas adicatorias. Comején advirte: “abstéñanse horteras pero boa música témola toda”. Para tentalo, basta con marcar o 981738025.
EMISIÓN EN LINGUA CASTELÁ.
Horario de emisión: Os martes e os domingos ás 22:00h.
- Aires Celtas
Un programa para os amantes da música celta. Cada semana son moitos os músicos que pasan polo programa, non só cos seus sons, senón tamén para darse a coñecer máis a fondo a través de entrevistas. Á fronte do programa están Federico Salvador, Juan Armando Salvador, Lola Sánchez e Javier González.
EMISIÓN EN LINGUA CASTELÁ.
Horario de emisión: Os sábados ás 11:00h e os martes ás 14:00h.
- Chill Pop
As noites dos luns na radiONeria danche a oportunidade de tomar un “break”, nada máis comezar a semana. En Chill Pop únense música e imaxinación, cunha coidada selección musical onde manda a relaxación. Ademáis, entre canción e canción, unha historia, formando entre todas o fío condutor do programa.
EMISIÓN EN LINGUA CASTELÁ.
Horario de emisión: Os luns ás 22:00h.
O vigués DJ Charlie dirixe un tempo de radio adicado ao estilo musical que máis sinte: o Italodance. Dúas horas de subidón xunto con multitude de seccións e diversos colaboradores, para facer máis amena a tarde do domingo.
EMISIÓN EN LINGUA CASTELÁ.
Horario de emisión: Os domingos ás 17:00h e os sábados ás 22:00h.
- Siete Pulgadas
EMISIÓN EN LINGUA CASTELÁ.
Horario de emisión: Os domingos e os venres ás 20:00h.
- Funkmanía
EMISIÓN EN LINGUA CASTELÁ.
Horario de emisión: Nas madrugadas dos domingos aos luns ás 00:00h.
Pero como a radio non para, todas as horas das que non falamos arriba non ían estar baleiras. A emisora municipal de Corcubión reinvéntase coa intención de satisfacer a todos. Deste xeito a nova tempada chega cun dobre obxectivo neste eido: Máis e mellor. Para iso, na radiONeria reestructuramos os nosos bloques musicais polo que ofreceremos as seleccións musicais máis coidadas do mercado radiofónico.
As mañás comezan dende ben cedo con Oldies, música dende os anos setenta ata a actualidade con cancións que todos coñecemos. Ás 09:30, e logo da información, chega un clásico: Mañás de guateque.
Pero a novidade da tempada vén arredor das 12:10h coa Sesión Vermú, unha selección musical que obtivo unha extraordinaria resposta da audiencia durante a época estival, polo que decidimos mantela ao longo da tempada invernal.
Xa pola tarde, ás 15:10h chega o compromiso da radiONeria co país a través dos seus sons e a Música Jalleja Dajora. Non paran as seleccións con Jrandes Ésitos dende as 16:00h, Fórmula Pop ás 18:00h e A Hora Indie ás 19:10h.
Na medianoite adicamos un tempo á música con etiqueta. Os luns e os xoves, as mellores bandas sonoras en A Son de Cine, os martes o mellor da música Jazz, Soul e Blues, os mércores unha viaxe polo planeta con Músicas do Mundo e os venres, Metal.
Outra das apostas da radiONeria para a nova tempada e a que chega dende as 01:00h con a edición nocturna da selección de música Oldies. Conscientes da monopolización radiofónica por parte do deporte nese treito horario, poñemos en marcha unha oferta diferente e axeitada para os noctámbulos.
O Reggae e o Ska tamén teñen o seu sitio, os venres dende as 21:30h.
Xa na fin de semana, a noite vén quentiña, co mellor dance dos anos 90 cada venres en Dance Remember, e o mellor dance da época 00 cada sábado en Dance Sen Pausa. Ámbalas dúas citas, dende as 02:00h da madrugada.
O equipo de colaboradores da radiONeria, queremos dar as grazas polo apoio e o seguimento e convidamos a toda a audiencia a que siga aí un ano máis para levar a cabo neste vixésimo aniversario, o proxecto máis ambicioso que unha radio local no noso país poida desenvolver.
A todos, GRAZAS.
Publicado por
radiONeria
Suscribirse a:
Entradas (Atom)