- O alcalde de Camariñas falaba nos últimos días que o POL podería traer complicacións para Camariñas. Que opina vostede?
As complicacións de Camariñas non as trae o Plan de Ordenación do Litoral. As complicacións de Camariñas as trae o non facer os deberes hai vinte anos por parte do PSOE. O único que fai o POL é organizar o litoral. É unha demanda lóxica no século XXI porque non se pode construir onde se queira.
Partimos dunha lei que había co bipartito no 2007, que falaba dos cincocentos metros da liña de costa para todos, o que nos afectaba moito en Camariñas. Agora queren organizar o litoral cun plan no que hai vinte metros, cincuenta, cen ou máis pero dependendo da zona. O que non podemos é estar en Red Natura ou edificar alí porque estragariamos a natureza. Ninguén pode dubidar hoxe do POL porque é necesario.
Hoxe está nun procedemento de aprobación inicial. Estamos na fase de alegacións e eu o que non entendo é que se faga tanta demagoxia co POL. O que deben facer os representantes que estean é o Plan Xeral. Sen Plan Xeral os pobos non van adiante.
O POL non urbaniza nada. Eu escoito ao alcalde dicir que “Camelle desaparece”, “os polígonos empresariais non se fan”,… Hai que ser máis serios. Un alcalde non pode andar poñendo este alarmismo cando non estamos facendo os deberes en Camariñas.
Temos que facer nós os deberes e para iso é necesario e imprescindible sacar o PXOM adiante, un PXOM no que cada vez imos ter máis dificultades porque cada vez póñense máis normas e isto dificulta o progreso de Camariñas.
- Se Camariñas carece na actualidade de PXOM, supoñemos que se estará rexindo por unhas normas subsidiarias…
O triste de Camariñas é que non temos nin normas subsidiarias. Nós o que temos é solo delimitado. Ogallá tiveramos normas subsidiarias porque sería unha cousa menos mala da que nos está ocorrendo, pero é que Camariñas é un dos dous concellos galegos que non ten normas subsidiarias.
- O alcalde di que está todo fenomenal. Que opina o Partido Popular?
Ogallá tivera razón porque a min encantaríame darlla ao alcalde pero non é certo. Camariñas ten grandes problemas, non só no tema do urbanismo. Camariñas ten problemas no tema da pesca, na fábrica de conservas,…
Temos que unirnos todos, sen ideoloxía política, e loitar no mesmo sentido. Non é serio o que estamos facendo. Eu pido que non se loite tanto polo voto e se loite máis polos veciños e polos pobos. Cando unha persoa está catro anos ten que ter un obxectivo e uns proxectos, e iso é o que hai que votar. Hai que deixar o sectarismo aparte.
Tampouco temos a autovía. É algo fundamental, a pesar de que non vai pasar por Camariñas senón por Vimianzo, pero é fundamental para comunicarnos co exterior.
- Que lle podemos dicir á xente para que estea tranquila, nese caso de que a autovía se vaia facer?
É evidente. A situación dun país móvea a economía. Hoxe temos que dicir a verdade porque España esta a pasalo fatal no tema económico. Sobre o tema da autovía eu pregunto ao PSOE, ao PP, ao BNG e a todos os veciños: Quen non quixo construir algo na súa casa e non tivo un retraso? E máis agora, que é moi distinto facer unha autovía e dicirlle á empresa “hai que conseguir os cartos do financiamento”. Onde se consiguen eses cartos? Hoxe os bancos non están pasando o mellor momento.
Eu non vou dicir, porque non me parece serio, “mire, os catro anos que estivo gobernando o bipartito, que é o que fixo? Pois meter moitas pedras pero non facer nada”. Do tempo de atrás hai que esquecerse e mirar sempre ao futuro. E temos que mirar positivamente e dicir “señores, temos un retraso e temos que volver sacalo a concurso”.
O outro día díxomo o conselleiro e eu lle dixen “Agustín, tranquilo, esquécete, que retraso ten a autovía?” “Oito meses.” “Por favor, pero ti por oito meses nun proxecto tan enorme, estás preocupado? Pero ti vas facela?” “Non a vou facer eu. Vai facela o pobo galego”.
O pobo galego necesita estar coa Costa da Morte, e a solidariedade na Costa da Morte non se demostrou só coa autovía, senón cando foi do Prestige. Non temos que ser tan pesimistas. Ímola facer. Eu dígovos unha cousa: No 2013 a autovía estará feita, e farémola todos os galegos e todos os da Costa da Morte.
A situación da vida non é ás veces como un queira senón como as circunstancias se dean, e estamos nas peores circunstancias para hoxe meter moitos millóns de euros para facer a autovía. Pero debemos reivindicala, e o Partido Popular da Costa da Morte reivindica, como a reivindica o Partido Socialista, pero non coa demagoxia e con críticas.
Eu fun a Vimianzo convocado polo Sr. Touriño, pero tan pronto gañaron as eleccións non fixeron nada. Fun a Laxe e tampouco fixeron nada. Eu o único que digo é que o Partido Popular ten un compromiso, e no 2013 andaremos todos pola autovía e moi ledos de que todo esto sexa bo para a Costa da Morte, porque o desenvolvemento temos que facelo nós, non esixirlle aos políticos e menos esixirlles que sexan especialistas da política, senón que sexan especialistas da humildade e de facer cousas para os nosos concellos.
- Como se atopa a situación dos diversos proxectos relacionados co Man, o alemán de Camelle?
Paralizados. A min dóeme falar deste tema. O Museo de Man é un punto de atracción turística para Camelle enorme. Man desapareceu, pero nós temos que facer menos política a conta de Man e máis feitos a prol de Man. E para facer feitos a prol de Man temos que restaurar e manter a casa onde vivía el. E iso non o estamos facendo. Estamos enganando á xente dicíndolles que imos facer unha fundación e a Fundación Man, na que utilizamos cunha sinvergüencería e con pouca delicadeza o nome de Man sinxelamente para enganar ao pobo de Camelle.
Hai que unirse e restaurar a casa de Man. A Fundación debe unha pila de cartos, non está funcionando, e o obxectivo (a restauración da casa) non se está cumprindo. Non se está a facer absolutamente nada se non é grazas á asociación dos veciños de Camelle que está no verán traballando voluntariamente. Pero se vostede vai ver a casa onde vivía Man está totalmente deteriorada e abandonada. Que hai que facer? Restaurala, conservala, e mantela.
Hai que facer un proxecto e deixarse de encontros para aproveitarse do nome de Man e sacar réditos políticos.
- Escoitar a entrevista a Daniel Rego en O Ronsel Descargar
- O Ronsel
- Os xoves ás 22:00h e os sábados ás 12:00h.