24/3/10

Manolín recupera os mellores momentos de Realidade e Soños


ESCOLMAS.
Así denomina Manolín o resumo dos mellores momentos dos 50 programas de Realidade e Soños.
Xa podedes escoitar as primeiras escolmas e irémolas subindo na entrada do seu programa:

- Escoitar Realidade e Soños.


ESCOLMA

Manolín fai unha escolma dos mellores momentos dos máis de 50 programas realizados na radiONeria:

- Escolma I.
- Escolma II.

18/3/10

Hoxe non hai O Ronsel

Están os tempos difíciles tamén no eido da saúde... O director de O Ronsel, Óscar Rey, colleu unha boa catarreira, polo que non está hoxe apto para dirixir o programa.

Deste xeito, nesta véspera de festivo a radiONeria ofrecerá a quen desexe achegarse ata ela un Especial Musical. Serán dúas horas da música máis selecta dos últimos tempos. Pasearémonos durante cento vinte minutos por corenta anos de boa música. 30 das mellores cancións da historia da música para curar as doenzas... Un bo regalo tamén para os pais, non si?

A cita: hoxe en tempo de O Ronsel, ás 22:00h.

16/3/10

A radiONeria estará na Tertulia Radiofónica da Peña Deportivista A Moa do Pindo


Este mércores 17 de marzo de 2010 a Peña Deportivista A´Moa do Pindo celebra o seu 10º aniversario no CEIP San Vicenzo.

Para elo está a organizar unha Tertulia de Medios de Radio, sempre co amor ao Deportivo da Coruña como nexo de unión. Estarán representantes da Radio Galega, da Cadena Ser, da Cope, de Radio Marca, de Onda Cero, e por suposto, un da radiONeria, que non é outro que Xabier González.

Xabi foi membro fundador do programa Neria Deportiva, que este ano non se pode emitir. Esta campaña Xabi acode asiduamente ao estadio de Riazor como corresponsal da emisora municipal de Corcubión.

Como moderador finalmente estará Pepe Formoso, director da Cadena Ser - Radio Nordés e formado tamén na radiONeria. Estaba previsto a participación de Fran Hermida, pero aínda está recuperándose do seu accidente de tráfico.



13/3/10

Un Ronsel de haiku

Aires nipóns chegaron o pasado xoves ata O Ronsel, programa informativo das radios irmandadas da Costa da Morte. E viñeron da man de Luis Carril, un coruñés afincado en Corcubión dende hai catro anos. Ademáis de topógrafo, Carril é poeta. Pero adícase a un xénero orixinario do Xapón e descoñecido na bisbarra: o haiku.

Cabe salientar que a cousa non é únicamente unha pequena afección, pois Luis vén de publicar o libro de haikus El musgo que indica el norte, no que a Costa da Morte é unha das fontes de inspiración. A obra xa foi presentada en cidades como Valencia, Albacete ou A Coruña, pero agora tócalle a quenda á Costa. Será o vindeiro xoves, ás 20:15h no restaurante As Hortensias de Corcubión. Ésta que lles deixamos é a charla que mantiveron Luis Carril e o director de O Ronsel, Óscar Rey.

  • ¿Que é o haiku?
O haiku é un poema que ten dezasete sílabas dispostas en tres versos de cinco, sete e cinco. Trátase dunha poesía que ten unhas particularidades extraliterarias. Para que un terceto sexa considerado un haiku ten que ter unhas características determinadas. Debe tratar da natureza, o haiku vaiche agradecer que o fagas tratar da natureza. Tamén ten que haber unha ausencia do eu, polo que o poeta non debe aparecer como protagonista do poema. Ademáis a linguaxe debe ser sinxela e concisa, sen artificios e recursos como metáforas. Unha cousa curiosa é a cortesía co lector. O poeta non debe dicir todo. Debe suxestionar máis que dicir.

  • O escenario da Costa da Morte resulta idóneo, ¿non si?
A Costa da Morte non a vou descubrir eu como unha fonte fortísima de inspiración. Se algún empeño persoal teño eu no mundo do haiku é borrar esa pantalla de misticismo que pode ser malentendida, para amosarllo á xente con naturalidade. Podo dicir que o haiku está máis preto de Machado, de Novoneyra ou da copla que do budismo zen.

  • ¿Como dás co haiku?
Foi a partir dunha pretensión errónea. A miña pretensión era procurar respostas na filosofía oriental, e dun xeito erróneo pensaba que o haiku íamas proporcionar dun xeito económico. Pensaba eu nos poemiñas de orixe xaponés como unhas pílulas. Foi un erro porque non se trata diso pero si que me puxo na pista desta modalidade literaria que sentín que se cinguía perfectamente ao que eu quería expresar.
  • Existe un recuncho especializado nesta ferramenta literaria. ¿Sodes moitos os que participades neste recuncho?
Pode haber 500 usuarios rexistrados. Estas páxinas artellan moito a relación entre os afeccionados en todo o mundo. Hai moita afección en zonas de Latinoamérica como México, Arxentina ou Cuba. Permítenos compartir traballos, achádegos e libros, corrixirnos, e mesmo organizar un encontro persoal, como aconteceu o verán pasado nun curso na Universidade de Castela A Mancha, onde tivemos a oportunidade de coñecernos.
  • ¿Que nos vas contar na presentación do libro?
Tratarei de transmitirlles ós asistentes o porqué de tanto interese en facer unha presentaciónn do libro aquí despois de presentalo en Valencia ou en Albacete. A razón é que moitos dos textos incluídos teñen inspiración na Costa da Morte. Eu sentíame en débeda, así que a ver se podo saldala.


Máis información:

8/3/10

Manolín estivo en O Ronsel

Sen dúbida algunha, Manolín foi o empregado da semana das radios comunitarias da Costa da Morte. I é que como xa saben, o máis veterán do equipo de colaboradores da radiONeria vén de estrear un novo programa, Zarzuela.
Pois ben, o noso Manolín foi o convidado estrela o pasado xoves en O Ronsel, programa das radios comunitarias da Costa da Morte que dirixe Óscar Rey. Nel, fixo un percorrido polas que ben seguro son as tres paixóns principais da súa vida: O fútbol, a poesía, e a radio. Ésta que lles achegamos foi a entrevista.
  • ¿Botas de menos o fútbol en activo?
Nestes intres si. Levo práticamente toda a tempada sen el. Necesitaba descansar máis que nada por algunhas cousas que sucederon. Aínda que xa fun a dous ou tres partidos e xa empecei a colocar á xente no sitio que eu penso... Xa me empeza a nostalxia do fútbol. Cando descansas por un tempo, e eu descansei pouco dende que comecei nisto xa fai 37 anos, aprendes moito estando fora e vendo as cousas, pero agora procuro únicamente ver fútbol e non facer a máis mínima crítica.
  • ¿Como ves hoxe o fútbol da Costa?
Realmente está collendo uns cauces que a min non me están a gustar. No fútbol nacional perdeuse o sentimentalismo. Ás veces falta ese espíritu que teñen en Fisterra ou en Corme. Estase a botar en falta, e moito máis eu, que nos meus tempos quizáis non era mellor ou peor fútbol, pero era outra cousa.
  • Cando o fútbol invade demasiado nacen os vinte anos de radio, que tamén están aí, ¿non si?
Si, nace todo. O deporte para min é unha descarga de adrenalina e necesítoa cada vez máis. De feito agora que non adestro a ningún equipo voume case todos os días ao ximnasio para descargar a adrenalina que acumulo por todo o que vexo, pola intolerancia e as malas formas dalgúns, e contra iso, ás veces non podes loitar pero si revelarte.
  • Pois aí estamos con dous programas de radio, un deles de poesía, que invade escoitarte...
Unha das poesías que lle fago a varios lugares da Costa, dende Fisterra, pasando por O Pindo, do cal estou namorado, ata Cee, vén dicindo que as ondas chegan a Cee como descanso de guerreiro. Despois do fútbol necesito a poesía, que é a que me calma. O que si é certo, é que non recito nin recitarei nunca nada por encargo, no sentido de teatrealizar. Todo o que eu recito nestes programas é o que sinto nesa semana.
Se estou guerreiro normalmente busco a Celso Emilio Ferreiro, que realmente me enche. Se estou amoroso hai un abanico moi grande. Se estou ferido por moitas cousas teño a Miguel Hernández.
  • Estes días salta á palestra Miguel Hernández. Hai algúns expertos que din que nalgún intre da súa vida foi un poeta mediocre...
Dirán o que digan pero para min a poesía é unha forma, de sentir, de vivir, e non concibo un poeta que sexa un mentireiro ou un trapalleiro e pouco honesto. Poderá escribir moi ben poesías preciosas que leven premios, pero non é o que eu penso do poeta. O poeta é transmitir o que sinte, mellor ou peor, iso tamén está na forma que ten cada un de ler, e o que necesite ler.
  • E por se non chega a poesía, agora Zarzuela...
Era unha cousa que tiña en mente dende hai seis ou sete meses. Eu recordaba a zarzuela de hai anos en Televisión Española. Para ter todo o seu esplendor necesita un pouco de teatro. É unha combinación de música e teatro. Combina dialogos con cancións, danzas e coros...
Botábao moito de menos. Eu son un namorado de toda a música, pero sobretodo da zarzuela. E o pobo o que canta sendo moi señorito. Eu encontro sentimentos por todas partes. Non sei como Televisión Española, que agora está un pouco renovada, non recupera eses espazos musicais.

Manolín na radiONeria:
  • en Realidade e Soños: Os mércores ás 23:00h e os luns ás 14:00h.
  • en Zarzuela: Os domingos ás 11:00h e os martes ás 14:00h.

6/3/10

Máis información: Nace Neria Semanal

Novo e innovador programa o que poñemos en marcha na radiONeria este domingo, 7 de marzo de 2010. Trátase de Neria Semanal, un espazo de novas ao máis puro estilo das fórmulas informativas.

Esta nova tarefa estará dividida en dúas partes: unha primeira na que se fará un resumo das novas máis salientables da semana na Costa, namentres que na segunda, poderemos coñecer os asuntos máis salientables da actualidade dos últimos sete días en clave de país, nas voces de moitos dos seus protagonistas.

Neria Semanal é un concentrado informativo que nace coa intención de estar sempre acompañado da transparencia no eido das novas, dun xeito conciso e claro. Aproveitamos para reiterar unha vez máis a aposta destas casas, a radiONeria e a Radio Roncudo no eido da información, con espazos xa consolidados como O Ronsel ou os boletíns de información diaria que dende o pasado mes de xullo viron como se ampliaba a súa difusión aos sete días da semana.

Poderás escoitalo:
  • Os domingos, de 14:00h a 14:30h (a redifusión do programa O Embigho pasa aos luns ás 13:00h).

4/3/10

Zarzuela, con Manolín


Ademais do seu programa poético Realidade e Soños, Manolín empeza a súa singradura coa Zarzuela.

Unha hora que comeza coa presentación da obra do día por parte de Manolín, e que recolle a obra completa.

Horarios


  • Domingos de 11:00h a 12:00h;
  • Martes de 14:00h a 15:00h.

Escoitar Programas



- Zarzuela O: Presentación.
- Zarzuela 1: Maruxa.
- Zarzuela 2: La verbena de la Paloma.
- Zarzuela 3: La leyenda del beso.
- Zarzuela 4: El Barberillo de Lavapiés.
- Zarzuela 5: El Huésped del sevillano.
- Zarzuela 6: El Último Romántico.
- Zarzuela 7: Los Gavilanes.
- Zarzuela 8: La del soto del Parral.
- Zarzuela 9: La Corte Del Faraon.
- Zarzuela 10: La pícara Molinera.
- Zarzuela 13: La Linda Tapada.
- Zarzuela 14: La Revoltosa.
- Zarzuela 15: El anillo de hierro.

2/3/10

Nós somos verdes… úneste?

A información máis cercana combinada con coidadas seleccións musicais configuran as mañás da radiONeria. Mais tamén temos outros contidos ben interesantes, e en función da súa temática, un dos espazos máis salientables é Radio CERNA, programa diario de dez minutos de duración que nos achega ao mundo da ecoloxía.

Pouco a pouco imos concienciándonos de que os recursos naturais son escasos e hai que coidar deles para contribuir a un desenvolvemento non só medioambiental, senón tamén económico e social. Radio CERNA é un dos moitos grans de area que aporta á causa a asociación ecoloxista ADEGA. Información, educación e análise, todo elo en clave verde, é o que poderás escoitar a diario neste espazo da radiONeria. Dende temas de actualidade medioambiental ata consellos para un estilo de vida máis ecolóxico, pasando pola divulgación da flora e a fauna autóctona galega, teñen cabida en Radio CERNA.

Podes escoitalo:
  • De luns a venres de 12:00h a 12:10h.