28 septiembre 2010

Nova tempada do Boletín de Novas


Escoitar o Boletin



Continúa a radiONeria e Radio Roncudo seguindo a actualidade da Costa da Morte gracias ao Boletín de Novas que nos trae o equipo de Quepasanacosta.com.
Un boletín que chega amenizado pola música da banda galega Ulträqäns e dos Cuchufellos.

Cada día, nas ondas do 107.8FM na comarca de Fisterra e Carnota; e no 106.1FM nas Terras de Bergantiños, as novidades chegan puntualmente ás 8:30h, 9:00h, 9:30h, 10:00h, 15:00h e 19:00h.

Xa na rede

Xa podes escoitalo tamén a través da rede. Só tes que darlle a "Me gusta" na paxina de Facebook da radiONeria, onde colgamos todos os boletíns a primeira hora da mañá.


14 septiembre 2010

Zaira Rodríguez na radiONeria: "Malia a crise, o actual goberno de Cee fixo obras importantes"

O pasado venres o PP de Cee presentaba a Zaira Rodríguez como candidata á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de 2011. Horas despois da presentación dende a radiONeria quixemos poñernos en contacto coa popular, que nos transmitiu as súas primeiras impresións. Rodríguez (na foto a carón do seu antecesor, Antonio Domínguez) non amosou un discurso duro co goberno de Cee, adicándolle incluso louvanzas ao actual equipo, formado por independentes e socialistas. Éstas foron as súas verbas.

  • Como se queda un cando recibe este tipo de noticias?
Pois a verdade é que sintes moitas emocións. Sintes orgullo e satisfacción por encabezar a lista do Partido Popular de Cee, e ao mesmo tempo responsabilidade. Son moitas emocións xuntas. É un reto importante.

  • Hai uns días coñeciamos que non quería ser candidata. Cal foi ese detonante que a levou a decidirse a aceptar?
Nunca entrou na miña mente nin o pensara. Vin que había moita xente que apostaba por min e querían que me presentara. Vin que tiña moitos apoios e decidín pensalo. Finalmente dixen “tiro cara diante” e así aconteceu.

  • Vostede xa estivo á fronte dun goberno en Cee baixo a tutela de Antonio Domínguez. Como estaba Cee daquela e como está hoxe?
Eu coido que houbo cambios importantes na vila de Cee. Coido que se converteu nun referente para a Costa da Morte con obras importantes. O cambio foi para mellor.

  • Que valoración fai dos últimos anos de goberno municipal?
Estamos nun momento malo de crise no país e en Galicia pero pouco a pouco andarase. Houbo obras importantes que xa se deixaron feitas e quedan por facerse moitas.

  • Quizáis unha das situacións que máis preocupan na actualidade no concello de Cee é o tema da educación, non si?
Educación, emprego… O emprego é importante, pero estamos nun momento un pouco malo en xeral.

  • No tema económico argumentaban dende o PP que as obras que se fixeron nesta lexislatura poderían facerse con moitos menos cartos, non é así?
É posible, é posible.

  • Os tres contrincantes que vai ter nesa carreira ata chegar ás eleccións do ano que vén repiten. Vostede como debutante, que valoración fai dos candidatos que se presentan polas outras listas?
Parécenme persoas fantásticas, lévome ben con todos, cada un loita polos seus ideais e coido que todos témoslle agarimo a Cee.

  • Bueno, vemos en vostede que non semella que vaia facer unha campaña sucia…
Non, non é o meu estilo. Hai que ser constructivo e tentar facer cousas boas por Cee, pero coido que as críticas destructivas non van a ningún lado.

  • Escoitar a entrevista a Zaira Rodríguez en O Ronsel Descargar



O Ronsel
  • Os sábados de 12:00h a 14:00h (en directo).
  • Os xoves de 22:00h a 00:00h (en diferido).

11 septiembre 2010

Óscar Insua na radiONeria: "Sen prazas suficientes na gardería veranse mermadas as arcas municipais"

Logo do descanso estival, retomamos o pulso informativo a través desta bitácora coas intervencións das personaxes da vida política, social, ou cultural que van pasando pola radiONeria. E voltamos ao tren da actualidade cun asunto que preocupa moito en Corcubión como é a falla de prazas na gardería municipal, un tema do que se fixo eco nos últimos días o BNG local. Da postura dos nacionalistas deunos cumprida conta o voceiro da agrupación, Óscar Insua. Fran Lago falou con el este sábado en O Ronsel.

  • Preocupante a situación da educación na Costa da Morte e neste caso no concello de Corcubión, non si?
Pois a verdade é que si. A nivel comarcal existen unha serie de problemas. Parece ser que no concello veciño de Cee van cara diante coa creación da nova gardería pero aquí en Corcubión temos o mesmo problema.

É significativo que haxa vinte prazas en Corcubión e dezanove quedaran en lista de espera. Eu creo que éste é un problema importante que preocupa aos veciños de Corcubión e hai que resolver.

Nesa medida nós imos poñer este asunto enrriba da mesa no vindeiro pleno ordinario para comezar a falar xa de algo que vén de vello. Ou ampliamos a gardería municipal ou facemos unha nova.

  • De quen é a responsabilidade desta falla de servizos?
Está claro que a responsabilidade primeira é do Concello, aínda que a Xunta teña competencias tanto no regulamento como noutras cousas. Nós cremos que o alcalde, no canto de adicarse ao urbanismo, debe facelo cos problemas sociais básicos, i é que tanto PSOE no Estado como PP na Xunta adícanse a recurtar cada vez máis necesidades sociais básicas.

Nós o que queremos é que o alcalde se poña mans á obra e reclame o que teña que reclamar. Se na Xunta non lle fan caso teremos que asumir nós esa responsabilidade de resolver o problema, como a asumiu por exemplo o concello de Carballo.

  • Lemos na prensa que a concelleira socialista María Delia Lado postúlase a prol da construción dunha nova gardería e instan á Xunta para elo…
Está claro que cada un tira a pelota no tellado do veciño. Evidentemente a nosa moción vai estar aí, a nosa proposta é esa e todo o que sexa bo vaise apoiar. Supoño que o goberno municipal apoiará a nosa proposta. A nós danos igual que o faga a Xunta ou o Concello.

Se se ven mermadas as arcas do Concello en menor medida, aínda pode ser máis positivo porque realmente poderemos facer outras cousas. A Xunta ten competencias en certas cousas pero temos o caso de Carballo tamén, que están pendentes de facer unha gardería municipal pero a Xunta nin arre nin so, e ao final tiveron que ser eles os que lle deron cara diante cunha subvención da Deputación.

Á xente o que lle interesa é que se resolvan os problemas. Neste caso hai moitos veciños de Corcubión que quedaron sen praza na gardería municipal e non saben como van facer este curso para poder conciliar a vida laboral e a vida familiar.

Despois tamén veñen as queixas, porque por un lado fanse políticas activas cos xubilados para que teñan tempo de lecer pero por outro lado son os avós os que teñen que acabar coidando dos meniños. Haberá que estudar o asunto e mirar se a gardería se pode ampliar ou non, e senón ben facer unha gardería nova ou ben darlle uso ás instalacións do colexio de EXB.

Vemos tamén que nos sacaron a ESO de Corcubión para levala para Cee e os rapaces pequenos teñen que ir cos rapaces maiores, algo que os pais non ven moi factible. Ao non termos a secundaria deberiamos mirar se podemos ocupar certas aulas e instalar alí a gardería, obviamente ampliando o número de prazas.

As propostas creo que son varias pero haberá que sentarse con elas enrriba da mesa e estudalas. O que si é certo é que o alcalde de Corcubión non pode andar esperando a que estes asuntos saian na prensa. Esto tiña que estar resolto e non o resolveu porque supoño que non lle interesaría moito. A nós si que non interesa e chega un momento no que tamén é responsabilidade nosa meter este asunto enrriba da mesa, xa que o alcalde nin por activa nin por pasiva o fai.

  • Resúmanos un pouco as medidas que prantexan dende o BNG.
Por un lado hai que estudar as posibilidades que temos de ampliar ou aumentar pero o que está claro é que vinte prazas para Corcubión non chegan, porque isto provoca outra serie de problemas como o éxodo cara outros concellos, polo que merma o censo, merman os ingresos e acabaremos sendo catro veciños. O obxectivo é ampliar o número de prazas na gardería municipal de Corcubión.

  • Coa crise como telón de fondo, non consideran que sexa a educación un eido susceptible de aforro, non?
Efectivamente, dende o BNG temos claro que tanto os servizos sociais como a educación son materias nas que non podemos reducir orzamentos nin esforzos. Para nós a educación é básica. Hai que investir en vez de reducir, pero a verdade é que as políticas que está a facer o Partido Popular na Xunta e o PSOE en Madrid deixan moito que desexar en educación. Reducen bolsas e axudas á educación e logo priman aos centros privados e concertados no canto de primar á ensinanza pública, que debe ser igual e democrática para todos.

Os gobernantes que temos están aproveitando o tema da crise para dicir que hai que recurtar, polo que a esta xente lle vén como anel ao dedo. Dende logo nós non estamos dispostos a que pase eso. Se necesitamos unha gardería municipal e hai que facela ímosllo reclamar á Xunta e se non o fai a Xunta pois ao Concello, pero dende logo temos que priorizar determinados servizos. Para nós a educación e os servizos sociais son básicos, polo que nós non renunciamos a loitar por estas cousas.


  • Fai o BNG algún tipo de chamamento á poboación de mobilización ou protestas?
Nós nun primeiro momento debatiremos o asunto no pleno e despois a partir de aí chamaremos á poboación a que participe para que se vexa que non é unha ocorrencia do BNG. Nós poñemos estas propostas enrriba da mesa porque os veciños achéganse a nós e nolo comentan.

O problema non é só do que non teña fillos ou do que os teña en idade non escolar. O problema é de todos porque nos xogamos moito. Se se nos reduce a poboación e o censo imos ter un problema de recursos económicos, entre outros moitos. Eu quero que a poboación non quede queda porque se quedas quedo fan de ti un pandeiro. Hai que mobilizarse polas cuestións importantes e chamamos a todos os veciños e a todas as veciñas a exercer a presión suficiente sobre os que gobernan para que este asunto non quede en nada.

  • Escoitar a entrevista a Óscar Insua en O Ronsel Descargar



O Ronsel
  • Os sábados de 12:00h a 14:00h (en directo).
  • Os xoves de 22:00h a 00:00h (en diferido).