29 mayo 2010

Fórmula Neria estivo no I Factory Electronic Festival 24h de Vimianzo

A radiONeria estivo na tarde do pasado sábado, 29 de maio, no I Factory Electronic Festival 24h non stop que se celebra nesta última fin de semana de maio no polígono industrial de Vimianzo. O programa desta casa Fórmula Neria, que dirixe Iván Pereira, desprazouse ata a vila soneirana para pulsar en directo o ambiente no evento. Alí estivo Fran Lago, quen achegou a toda audiencia o que estaban a dar de si os primeiros intres do Festival.

Puidemos escoitar en directo as impresións de Manu López, un dos dj's que se dan cita na sesión. López presentounos polo miúdo a festa e comentounos que tentan ofrecer "unha alternativa para a xente nova máis alá das comisións de festas". López animou aos oíntes de radiONeria a acudir ao evento, no que agardan "unha boa afluencia de xente".

Deste xeito, dende Fórmula Neria queremos amosar o noso apoio á actualidade musical e aos eventos máis salientables que se desenvolven na nosa bisbarra, e que sintonizan coa liña do programa.
  • Fórmula Neria
    • Os sábados: de 17:00h a 19:00h
    • Os xoves: de 20:00h a 22:00h

27 mayo 2010

Non o dubides: namentres traballas... radiONeria

Na radiONeria queremos ofrecerche a compaña máis cordial namentres traballas. Cada mañá no teu día a día, acompañámoste coa información máis cercana e unha gran selección musical sen rodeos.

Entre as 08:00h e as 10:00h dámosche os bos días cunha ollada á actualidade da Costa puntualmente cada trinta minutos. Contámosche e análizamos a vida social, política, cultural e deportiva na nosa bisbarra. Todo como é, sen conservantes nin colorantes desinformativos... e acompañado de músicas que ben seguro che traerán boas lembranzas.

E dende as 09:15h ata as 13:00h poñemos en marcha a meirande oferta musical da FM na Costa da Morte, e sen cortes comerciais. Unha oferta pensada para ti, que traballas na casa, na oficina, na tenda ou nun vehículo de reparto.

Hoxe en día as grandes cadeas de radio musical peléxanse por captar á audiencia co maior número de minutos musicais cada hora. Nós só dicimos isto: Cada hora, namentres traballas, ofrecémosche 57 minutos da mellor música sen interrupcións publicitarias. A ver se hai quen dá máis...

Queremos ser a compaña das túas mañás. Grazas por seguir estando aí!

  • Boletín de novas: dende as 08:00h da mañá.
  • Seleccións musicais para as mañás:
    • Mañás de guateque ás 09h15.
    • Pop nacional ás 11:00h.
    • Jrandes ésitos ás 12:10h

16 mayo 2010

Unha ollada ás Festiletras en O Ronsel


Como non podía ser doutro xeito, as Letras Galegas colleitaron bo protagonismo o pasado xoves en O Ronsel, programa informativo da radiONeria e a Radio Roncudo. Óscar Rey achegounos ao evento máis salientable das nosas Letras na Costa da Morte: o Festiletras. Trátase dunha serie de actos que cada ano organizan dende a Asociación Cultural Monte Branco de O Couto (Ponteceso). Da man do seu presidente, Xosé María Varela (na foto), puidemos coñecer de preto o que ofrecen durante estes días a todos os visitantes. Deixamos aquí a entrevista.

  • Xa van 28 anos. Algo cambiaría dende o principio…
Moitísimas cousas. A celebración antes facíase dun xeito máis humilde. Logo co paso do tempo fóronse engadindo cousas. Reclamos que custan máis cartos, máis esforzo e máis sacrificio, pero durante uns días esta parroquia é o orgullo dun concello.

  • Cóntanos como foron os inicios desta considerada por moitos milagre cultural en Galicia.
Comezamos no ano 82. A primeira celebración foi coa colaboración dun grupo de teatro do centro Alfredo Brañas de Carballo, que daquela presidía o actual xefe territorial de Cultura, Manolo Varela.
Logo fixemos aparte dunha proposta cultural, unha proposta de artesanía. Sinto moitísimo cariño daquela etapa porque había moita ilusión. De súpeto, nun lugar onde nunca se programara un acto atípico como éste foi algo novidoso para a xente. É algo que a min éncheme de satisfacción e de orgullo porque a xente foi feliz naqueles días e segue séndoo ao longo de todos estes anos.

  • É a festa que esperabades hai 28 anos?
Non. Superáronse as expectativas. Sempre pensabamos en unir actividades culturais, libros e artesanía, e agora case non damos feito. Son moitos días, esíxenos moitísimas horas, moitísima dedicación, e non sei se imos poder seguir medrando, entre outras cousas porque os tempos a nivel económico están como están, pero sempre haberá cousas para encher actividades.
O que si hai é moita máis facilidade que nos primeiros anos por parte da xente que se achega aquí. Hoxe case se nos ofrecen como quen di para estar connosco, e hai anos había que andar detrás da xente e ás veces facendo esforzos grandísimos.

  • Os veciños de O Couto nestas datas síntense moi orgullosos da súa festa e ademáis vólcanse, non si?
Eu creo que é para sentirse. Comentaba con algún compañeiro da directiva que é algo marabilloso o que pasou neste tempo. De haber un case único evento de celebración das Letras Galegas en toda a Costa da Morte, pasou a haber un formigueiro grandísimo de actividades en concellos e entidades. A min paréceme soprendente. É bo que esa idea inicial se contaxiase, que os veciños da Costa tamén poidan facer a súa propia actividade. Honrar aos escritores homenaxedos e facer homenaxes a autores vivos prendeu noutras vilas e noutras parroquias unha intensa actividade arredor do día das Letras.

  • Unha das cousas que ninguén discute é que a festa xa se gañou o respeto dos intelectuais e por suposto de todos os eidos sociais do país. Como se consigue iso?
A receita é sempre traballo, traballo e moitísimo traballo. Sacar horas ao sono e de onde non as hai, realmente polo cariño e aprecio que sentimos cara a nosa literatura, a nosa lingua e o noso país. Tamén é tremendamente reconfortante ver que a xente de moitos lugares acude e desfruta cos actos que celebramos aquí nestes días. Para min dende logo éncheme de satisfacción ver que tanta xente está aí, asistindo a unha representación teatral, participando nun recital poético… Algo impensable hai uns anos.

  • As Festiletras teñen un sitio habilitado en internet, non si?
As xentes máis novas da asociación fan unha aposta decidida polas novas tecnoloxías. Comentábanme que no facebook hai cada vez máis amigos de Monte Branco e a páxina é moi visitada. Nos correos que nos chegan atopamos resposta e sorpresa polo programa e felicitacións que nos chegan todos os días.

  • Non sei se nos queda algo máis que comentar por aí…
Únicamente convidar a toda audiencia a que veña.


+
info:




12 mayo 2010

Manolín rende a súa sentida homenaxe ás Letras Galegas


Este mércores 12 de maio de 2010, comeza na radiONeria e en Radio Roncudo a homenaxe de Manolín ás Letras Galegas. Cunha escolma dos mellores poemas en galego dos últimos 52 programas, Manolín dedicará dous programas de Realidade e Soños á lingua galega.

É unha data moi especial para el, ademais. Precisamente un 17 de maio de hai moitos anos, ocorreu o terrible accidente no fondo do mar que lle cambiou a vida. Un estoupido mentres facía traballos de submarinista case o manda do fondo do mar ao mesmo ceo. 3 meses nunha cama sen apenas moverse, e unha nova visión da vida.

Afortunadamente Manolín sobrevivía e podemos desfrutar da súa experiencia, e en datas coma esta, do seu amor pola nosa lingua.

O vindeiro mércores 19 de abril, a segunda Escolma dos mellores poemas en galego.

Máis información

02 mayo 2010

Chisco: "Co Campo do Rollo eles o que buscan é o vitimismo"


Tamén pasou o pasado xoves por O Ronsel o alcalde de Corcubión, Francisco Javier Lema, Chisco. Logo de coñecer as visións de BNG e PP sobre a reordenación do Campo do Rollo e o proxecto da praia artificial, foi a quenda para o rexedor. Do mesmo xeito que fixemos con edís da oposición, deixamos a entrevista íntegra que lle realizou a Chisco o noso compañeiro Óscar Rey.

  • ¿Hai tanta oposición como di a oposición á praia artificial?
Eu creo que non. Quizais hai que pasarse pola rúa e un decátase de que non é tanta a oposición.
  • ¿Por que defende tanto vostede a praia artificial para Corcubión?
Eu defendo o proxecto de rexeneración da praia porque me parece un obxectivo importante para Corcubión. Importante porque cremos que rexeneramos unha zona que realmente se perdeu hai tempo e que lle vai dar outra visión a Corcubión dende o punto de vista turístico e do marisqueo. Estamos encamiñando un proceso importante de saneamento das rúas de Corcubión co embellecemento do seu pavimento e creo que iso vaise complementar co proxecto de rexeneración da praia de Corcubión.

Noutros lugares fixéronse este tipo de proxectos e non houbo tantos problemas, agás certas intromisións, como en todas as obras. Agora estamos a facer unha gran obra en Corcubión na zona norte do casco histórico. Leva tempo e leva os seus inconvenientes. Os veciños que sufren as obras ao final cansan, porque pensan con razón que se podería facer doutro xeito, pero creo que pasado iso, todos nos aledaremos de que Corcubión mude, e o faga deste xeito tan rápido.

  • Decía o voceiro do BNG que vostede non respectara o acordo plenario no que se puxeran dacordo BNG e PP para rexeitar este proxecto...
Eu creo que eles se confunden, porque o único que se levou ao pleno foi o acordo por parte da corporación municipal se o Concello de Corcubión se facía cargo do mantemento, unha vez feito ese proxecto de rexeneración da praia. Que despois entremos nun debate e que a uns si e a outros non lles gusta o proxecto é outro tema, pero o punto que se levaba alí e foi rexeitado pola maioría da oposición foi que o mantemento da praia non o asuma o Concello de Corcubión.

  • ¿De que prazos estamos falando para a posta en marcha desta obra?
Agora non o sabemos. Estamos nunha situación económica bastante crítica dende o punto de vista de como se viña mantendo a economía, non só española senón mundial, de hai uns anos, e entón é certo que as partidas deben distribuirse con moita cautela e por prioridades. Nós estamos facendo toda a forza do mundo para que o proxecto de rexeneración da praia de Corcubión sexa unha prioridade para o Ministerio de Medio Ambiente, e non sei se se executará este ano ou ano que vén. O que si é certo é que unha vez executada, en catro ou cinco meses pode estar concluído o proxecto de rexeneración da praia.

  • Esta semana xurdía o debate sobre as obras que se están a realizar no Campo do Rollo. ¿Que ten que dicir vostede a isto?
A oposición, sobre todo o BNG, está poñendo obstrucións e peros ás obras que fai o actual goberno de Corcubión. Eles estiveron nove meses en maioría absoluta e non fixeron nada de nada e nós, xa o primeiro ano que estivemos en minoría, fixemos máis obras que eles en nove meses e nas dúas lexislaturas anteriores. Coido que iso é o que realmente lles doe a eles. Sempre poñen peros. Pola outra parte do Campo do Rollo, pola obra xeral de pavimento e saneamento na zona norte do casco urbano de Corcubión… Eles sempre teñen que dicir algo, son oposición.

O que non me gusta é o talante insultante e maleducado que ten o voceiro e o grupo do BNG en Corcubión. Eu sempre respectei ás persoas e eles saen cunha terminoloxía que eu creo que non é apropiada entre a educación e o respeto que temos que ter ás institucións e aos representantes políticos, que somos os concelleiros.

  • Un dos principais puntos que amosan quen están en contra desas obras é o tema das árbores. Din que non se debía ter cortado as árbores da praza…
Nós cando entramos no goberno municipal de Corcubión, nun xardín que había na estrada que vai a Fisterra, por cortar unha parte dunha chumbeira, parecía que ao ex alcalde caíalle o mundo e saíu unha gran reportaxe en La Voz, dicindo que mataramos unha especie protexida. Eles o que buscan é o vitimismo de que nós somos uns grandes depredadores vexetais e eu creo que se equivocan. Nós sempre respectamos aquelas árbores e aquela vexetación que haxa que respectar e que encaixe nos proxectos, e se é de respectar porque é unha especie protexida, ímolo facer. Se no proxecto que queremos levar a cabo para darlle unha unidade á execución do proxecto que temos, pois se unha árbore non queda ben, ou unha árbore cuxas raíces cheguen ás casas de enfronte, nós somos consecuentes con iso, aínda que por iso se nos critique.

  • A un ano das eleccións, ¿como van os preparativos?
Hai quen comezou xa as eleccións cando houbo un cambio de goberno en Corcubión. Con obstuccións, tentando que o goberno municipal fixera o menos posible, boicoteando coa maioría en determinados órganos de decisión, pero eu creo que todas as mañas que tentaron facer saíronlles mal e hoxe en día vese na rúa. O goberno municipal está traballando como goberno municipal e cando chegue o momento das eleccións nós volcarémonos sobre a campaña electoral. Nós agora imos traballar por Corcubión. Aínda quedan cousas por facer e temos que tentar concluílas antes de que comece a nova campaña electoral, porque é a nosa responsabilidade á fronte do goberno de Corcubión.

        01 mayo 2010

        Gema Freire: "A remodelación do Campo do Rollo vai traer crise e empobrecemento a Corcubión"

        Continuamos repasando o que deron de si as intervencións dos tres líderes políticos de Corcubión, o pasado xoves en O Ronsel. Hoxe traemos a visión da concelleira do Partido Popular, Gema Freire (na foto). Os temas a tratar, o proxecto da praia artificial e as obras de reordenación do Campo do Rollo. Ésta foi a entrevista que lle fixo o noso compañeiro Óscar Rey á edila conservadora.
        • ¿Cal é a posición do Partido Popular con respecto ao tema da praia artificial?
        Os anciáns e a xente maior de Corcubión saben que esa praia non era unha zona de baño senón que era unha zona onde se varaban os barcos, onde se marisqueaba, e onde viña desembocar todo o saneamento do pobo. O alcalde dixo nun pleno que aí sempre houbo praia pero se comeu co paseo marítimo. É mentira. Aí houbo sempre unha pequena praia e hai fotos antigas onde se ve, e onde hai incluso baleas varadas.Iso realmente ninguén o utilizaba para o baño. Agora parece ser que hai este macroproxecto que queren realizar en Corcubión e que ao Partido Popular non lle parece o máis axeitado. Nós sempre dixemos que non estabamos dacordo con este proxecto nin con facer unha praia artificial. Sempre pensamos que tirar 47.000 metros cúbicos de area de caolín non era a mellor opción para Corcubión, e de feito votamos en contra. En novembro de 2008 no pleno decidiuse que non queríamos esa obra. Independentemente diso o alcalde saíu coa súa teima e si ou si ía facela.

        Dende o PP pensamos que esa praia o único que vai traer é unha ruina e un gasto para o Concello. Cada certo tempo hai que repoñer a area, cando haxa temporal hai que limpala e iso vai supoñer un custo. Sabemos que Corcubión é un concello pequeno con pouco persoal que traballa na rúa. Iso vai ser unha ruina económica. O Partido Popular non está coa transformación radical do pobo de Corcubión porque gústanos como está. Gústanos ver esas barcas onde están, gústanos ver como a xente pode varar un barco nesa pequena praia. A xente de Santa Isabel sempre foi a Santa Isabel dese xeito. ¿Pode ser que agora teña un pouco menos de area a praia? Iso pasa en todas as cousas. Se se quere desenvolvemento por unha parte hai que minguar pola outra. O que non queremos é ese macroproxecto dunha praia artificial. Nós si queremos obras e proxectos pero que o enfoquen dende outro punto de vista e que saneen a ría, que iso si que é importante.

        • Laiábase o seu compañeiro de corporación , Óscar Insua, de que o PP non tiña a mesma posición no Senado, na Xunta e en Corcubión…
        Temos sempre a mesma opción. No Senado presentamos unha iniciativa por medio da senadora do PP María Jesús Sainz e foi aprobada con maioría e cos votos do BNG. Pedimos que se adicasen eses cartos, 1.200.000 euros, a un proxecto de rexeneración integral desta ría, non para facer esta praia senón para eliminar a contaminación da ría. O que quere o Partido Popular é sempre igual en todas partes. Nós estamos dacordo con proxectos. Pero ese proxecto non nos gusta, e máis cando non están dacordo os que viven do mar, como son as mariscadoras. As mariscadoras non queren ese proxecto porque pola súa experiencia noutras praias artificiais, saben que o marisco vai morrer. Nós estamos con esas 19 mulleres que traballan en Corcubión e co resto da poboación que tampouco quere ese proxecto.

        • ¿Hai moita oposición ao proxecto en Corcubión?
        Si. Pero non sei que pasa en Corcubión porque a xente non quere falar. Hai quen a quere porque din que trae un futuro turísitico. Eu coido que o futuro turístico non está nesa praia artificial. Penso que o futuro turístico de Corcubión e de toda a bisbarra vai por outros camiños e outras infraestruturas e alianzas entre comerciantes e poboacións. En Corcubión non queremos un Riazor. Nós non queremos esas macropraias, porque realmente é unha praia onde tampouco dá o sol. É unha praia onde cos cambios de mareas e con eses temporais, a area non vai perdurar onde está porque vai subir o nivel do mar moito. Esa area vai subir ao paseo marítimo. Vai subir á estrada. Iso vai ter aí un gasto. Eu creo que o desenvolvemento económico de Corcubión non vai tampouco pola instalación de unha praia artificial. No Partido Popular temos outra visión e outra serie de cousas que non van por ese sentido. Corcubión creo que turísticamente xa está onde está. Pódese seguir medrando pero non por unha praia artificial.


        • ¿Cal é a posición do Partido Popular con respecto ás obras do Campo do Rollo?
        O Campo do Rollo precisaba dunha remodelación. Co paso dos anos as cousas vanse deteriorando e van quedando anticuadas. Entón queremos remodelar e cambiar. Eu aí estou dacordo nun proxecto onde se cambie ou se mellore. O que non estou dacordo é en que se faga unha rúa peonil. Eu creo que en Corcubión sabemos convivir peóns con vehículos. Non estamos na cidade da Coruña, onde é un caos circulatorio. Eu creo que en Corcubión, Cee ou calquera pobo da Costa da Morte convivimos tranquilamente vehículos con persoas.

        Din que as árbores que curtan carecen de valor. Eu supoño que para dicir iso terán un informe dun perito agrónomo. Eu creo que nese senso teremos que preguntar no vindeiro pleno por qué din que carecen de valor.

        Por outra banda vai desaparecer unha rúa. É a rúa por onde discurre o Bar Suiza. Nós criticámolo e dixemos que curtar esa rúa vai traer unha perda de aparcadoiros, un declive de moitos dos negocios e dos baixos comerciais e como non, a perda de valor patrimonial de todo o entorno. Por exemplo, dende que se fixo o paseo marítimo, todos eses baixos comerciais que están ao longo da avenida e as casas gañaron valor. De feito dende que hai paseo, os baixos estanse alugando e hai negocios na avenida. E as casas revalorizáronse. Nós o que achacamos non é o proxecto en si. Nós o que achacamos é unha parte do proxecto, que vai traer moita crise e moito empobrecemento a Corcubión. Nós queremos arranxar e mellorar, pero non a costa de perder a nosa idiosincrasia. Queremos convivir. Non queremos facer unha praza de María Pita nin facer grandes cousas que non temos. Nós temos que adaptarnos ao que temos e adaptalo a nosas circunstancias.

        • A un ano vista das eleccións, ¿cales son as expectativas do seu grupo político? ¿Como vai a conformación das listas?
        As listas non as temos conformadas. Estamos barallando aínda o tema. As previsións que temos son moi boas. A menos de catro anos vista, dende que o goberno socialista colleu o mando nove meses despois de comezar a lexislatura, non é o máis fructífero ao noso parecer. O cambio e a transformación non a vemos. O único que se está cambiando é un hormigón por un empedrado. Todos os pobos dos arredores estanse transformando cara o futuro e aquí non vemos futuro nin vemos que o goberno estea a traballar para desenvolver Corcubión. Corcubión precisa de moito traballo e polo traballo e o emprego non están facendo nada. Hai máis parados cada día. Hai moitas mulleres en paro que precisan traballar, porque as economías familiares susténtanse non só co que aporta o home senón co que aportan as mulleres tamén.

        Agora non hai unha guerra na Xunta de Galicia, como hai un ano cando había unha guerra continua entre o BNG e o PSOE por unha cota de poder. Coido que agora goberna un partido serio como é o Partido Popular, e coido que temos moi boas expectativas e moi bo proxecto para dar a coñecer aos habitantes de Corcubión e agardo que confíen no Partido Popular.