31 julio 2010

A radiONeria con O Tren da Unha de Laxe no camiño cara á canción do verán


Pasou hoxe sábado por O Ronsel un dos membros do grupo O Tren da Unha de Laxe. Víctor García (na foto, co violonchelo) estivo nos micrófonos da radiONeria para presentarnos o grupo do que forma parte. Frescura nas letras, ritmo musical e unha imaxe impecable son o que nos ofrecen estes laxenses que este ano, ademáis de ir polas verbenas de actuación en actuación, están a loitar por facerse co título da canción do verán a través do concurso da Radio Galega, Vas Sacar Nota? Esta foi a conversa que mantivemos con Víctor.

  • Como se formou O Tren da Unha?
O Tren da Unha formouse por casualidade. Lembro que fora nunha xuntanza que se fixera a raíz de organizar o antroido do ano pasado, aquí en Laxe. Aquí hai xente afeccionada á música, non profesionais, pero hai moita adicación pasional. Entón chegamos a contactar uns cos outros e dixemos, pois facemos a orquestra nós. Xuntámonos catro, Piticas (na foto de pe coa copa), Jesus Mariesquerda), Tom (no centro, sentado) e máis eu, e fixemos unha festiña que saíu bastante ben. A xente respondeu moi ben e fomos moi ben acollidos, o cal nos deu estímulo para seguir adiante ata o día de hoxe.

  • Como xurde esta idea de presentarse a un concurso?
Presentámonos a dous concursos. Un era o Apologhit, do portal Vieiros, no que quedamos de cuartos co tema A Marajota. E agora estamos presentándonos a un concurso da Radio Galega que se chama Vas Sacar Nota. É un concurso no que buscan a canción do verán e nós presentámonos cunha canción que se chama Marylin. Para votar é moi fácil, pero se algún enxeñeiro informático nos escoita, sempre pode botar unha man porque este tipo de concursos que se fan por internet, e quero ser un pouco crítico con eles, dan moito que pensar. Que aos dous días de votacións haxa grupos que teñen mil e pico votos dá moito que pensar…

Menos mal que hai un premio do público e outro onde hai un xurado porque do tema de internet desconfío moito porque xa nos ten pasado noutras ocasións que concursamos, e hai moito chanchullo entre as votacións.

  • En que fase está o concurso agora?
    Está na fase final. Houbo unha fase na que se recolleron todas as cancións que chegaron ao concurso e dese total escolléronse as quince máis votadas. Tivemos a fortuna de estar de quintos nesta primeira fase. Agora estamos na fase final na que hai quince cancións e pódese votar cada día. Haberá un gañador por parte das votacións do público por internet e outro gañador que escollerá un xurado cualificado. Aínda temos todo o mes de agosto para votar e pode facerse unha vez ao día.

    • Fora do concurso, que actuacións ten O Tren da Unha para este verán?
    Mañá domingo imos estar en San Fins amenizando a sobremesa sobre as cinco da tarde. Seguramente voltemos a Corme, aínda non sabemos en Laxe como será. Pero alí onde tocamos a xente nos ve e se hai algunha comisión de festas ou algún local que queira un grupo para amenizarlle unha velada… Vai xurdindo sobre a marcha.


    • Escoitar a entrevista e o Marylin




    • Votar por O Tren da Unha no Vas Sacar Nota? da Radio Galega

      O Tren da Unha en QPC


      O Tren da Unha en Facebook

    28 julio 2010

    Entrevista de José Muiño no programa O Ronsel

    Como vai o proceso da posta en valor do dolmen de Dombate?

    O dolmen de Dombate ten unha gran importancia polo patrimonio cultural, tanto para Cabana como para a bisbarra. Eu creo que vai ser un referente como catedral do megalitismo que a temos definida para toda a Costa da Morte, e xunto con outros como o faro de Fisterra ou o castelo de Vimianzo, o dolmen vai ser un monumento tremendamente importante.

    Despois de moitos anos de espera agora as obras van a bo ritmo e creo que van cumprirse os prazos. Para o ano que vén poderemos ter o dolmen en pleno funcionamento, tanto na recepción de visitantes como o propio dolmen. Eu creo que é algo importante. Estabamos cifrando máis de vintecinco mil visitas cando estaba en estado ruinoso e coido que vai ser un polo de atracción importante para o turismo na bisbarra.

    Estamos tamén buscando inversións para o castro de Borneiro que está moi preto, e que é un BIC (Ben de Interese Cultural). Temos un compromiso da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para facer unha nova sinalización, que estaba en mal estado, e uns mellores accesos para poñer en valor o castro como atractivo turístico.

    Dende o Concello aseguraron que ían ofrecer solo gratis no polígono industrial de Nantón. Como chegan ata este punto?

    Cabana quedou no seu momento sen solo industrial. Unha vez que entramos nós a gobernar vimos que tiñamos aí unha tara importante para o desenvolvemento do concello, polo que iniciamos unha serie de xestións para buscar iniciativa privada, e investir así no noso concello.

    Conseguimos que houbera proxectos en marcha, pero coa crise non hai diñeiro para poder afrontalos. Seguimos pelexando e nestes intres estamos buscando investimentos tanto no estranxeiro como en España, para traer para aquí unha industria. Moita xente non o acaba de ver, pero creo que estamos na boa dirección.

    O dez por cen do solo vai destinarse a empresarios da Costa da Morte coa fin de xerar postos de traballo. Teño moita ilusión con isto porque aínda que é unha idea moi arriscada, podémola desenvolver sempre e cando deamos arrincado co proxecto.

    Esta crise afecta moito á xente da Costa da Morte e queremos que aqueles que teñan problemas de legalización das naves poidan ter o seu solo sen que lles supoña un custe engadido.

    Cal é a postura do Concello sobre a regularización das naves?

    Ser empresario na Costa da Morte é moi complicado. Ainda que a man de obra ten moito potencial, a distancia que temos con certos territorios fai que os empresarios tendan a marcharse aos perímetros das cidades.

    A un empresario hai que axudarlle a regularizar a súa situación porque no seu momento, cando fixo a nave, fíxoa coa mellor intención. Non había desenvolvemento de plans urbanísticos, e por tanto todo o mundo o facía onde lle deixaban ou onde podía. Hai que darlle a posibilidade a esa xente que ten unha empresa asentada para que poida regularizar a súa situación. Naturalmente, éste non é un cheque en branco porque senón daríanse situacións desfavorecedoras. Se eu son un veciño de calquer concello, pago a miña licenza e cedo o meu terreo, o empresario que agora se lle regulariza a situación, que non fixo cesións, que non pagou licenza, que non fixo proxecto, pois necesita estar nas mesmas condicións que outro veciño.

    Eu estou a favor de que se axude pero hai que artellar unhas ferramentas para que esa xente teña que pagar como pagan o resto dos veciños. Os concellos temos que dotar de solo aos empresarios onde a xente se poida asentar.

    Como valora os efectos do Plan de Ordenación do Litoral?

    O POL é unha ferramenta que hai que desenvolver. Nós tivemos a oportunidade de estar sempre en contacto cos técnicos da Xunta para ver como quedaban os territorios. En Cabana hai sete quilómetros de Costa afectada polo POL. Unhas zonas non teñen desenvolvemento urbanístico, por tanto non lles afecta, pero hai outras zonas, as urbanas non consolidadas, onde o POL entra de cheo.

    Notouse o cambio de goberno na Xunta?

    Cando están os gobernos afíns tes mais facilidades á hora dos investimentos. Eu teño sufrido dous anos de espera para que me recibiran ou non me recibiran. Proxectos que estiveron dous anos paseando polos coches oficiais, agora teñen a oportunidade de facer o investimento. Para Cabana é beneficioso. É o que a min me interesa e tentaremos que sexa máis beneficioso aínda. É verdade que é unha crise importante e hai recortes por todos lados. Non estamos a falar doutros anos nos que había moitos máis fondos e témonos que axustar o cinturón.

    No orzamento de Cabana primarán os investimentos...

    Unha das virtudes que ten o Concello de Cabana é que non se fixo un derroche na contratación de persoal e en gasto corrente. Isto permítenos dotar máis partida para o orzamento. Este ano imos ter unha redución aproximada de 180.000 euros de ingresos do Estado e isto vaino notar a investimento, pero aínda así, un 30 por cento do orzamento irá destinado a isto. É unha cifra moi boa nos concellos da volta pero ao mesmo tempo é moi necesaria. Un dos problemas que ten Cabana é a dispersión. O feito de arranxar estradas, os gastos de alumeado público, instalacións deportivas,… fai que sexan necesarios todos eses cartos e ás veces non cheguen.

    Están de actualidade os soldos dos políticos. Que medidas adoptan dende o Concello nese sentido?

    Hai dous anos tomamos a medida de non incrementar os soldos dos políticos e agora aplicaremos as medidas que está aplicando todo o mundo, que en función dos soldos están dun 3 a un 5 por cen de recurte. É un recurte que se está aplicando ás persoas que traballan nos Concellos.

    Como valora as actividades culturais e deportivas que ofrecen dende o Concello?

    Hai concellos que son eminentemente turísticos e concentran moita actividade no verán. Cabana é todo o contrario. É moi disperso e tentamos, aínda que se faga actividade, facela todo o ano. Sempre tentamos facer moitas cousas con poucos cartos. Para min é mais importante en inverno e outono. No verán hai moita festa e moita actividade en todas partes, sen embargo en inverno hai menos, polo tanto a nós nos interesa máis a actividade no resto do ano.

    Temos máis de 1.200 carnés de actividades deportivas e 800 usuarios da piscina ao longo do ano, polo tanto temos que potenciar esas actividades. No verán a xente utiliza máis as praias doutros concellos e non nos vemos na obriga de potenciar esas ofertas.

    No eido das novas tecnoloxías, a Xunta aseguraba que case a totalidade das parroquias van ter aceso á banda ancha en breve…

    É difícil porque Cabana é tremendamente disperso. Nós prantexámonos hai pouco se faciamos investimentos en redes wimax e wifi a través do Plan E. Tivemos unha reunión coa Xunta porque tiñan un programa de banda ancha no medio rural. E seguimos o consello da Xunta porque pódese dar a circunstancia de facer un plan propio de banda ancha no concello e despois esas redes non sexan homologables ás redes que intente desplegar a Xunta.

    Entón imos esperar a que a Xunta faga a súa propia rede porque o problema non é facer a rede, senón dar o servizo. Nós estamos facendo as xestións para que Cabana, no horizonte 2011-2012, teña aceso a 2 MB no medio rural. Ao cen por cen é imposible pola orografía, pero a maior parte vaino ter. É algo moi positivo para superar esta brecha tecnolóxica.

    Como pinta o panorama de cara ás vindeiras eleccións?

    Aínda queda moito. Os que están gobernando teñen moita vantaxe sempre. Estar na oposición é un camiño polo deserto e ás veces é difícil configurar as listas. Para o que goberna tamén, pero as dificultades son menores. Aínda non temos no horizonte as eleccións i é un tema sobre o que se teñen que pronunciar os veciños.

    20 julio 2010

    A radiONeria estivo na Festa do Percebe do Roncudo

    Non faltaron a radiONeria e a Radio Roncudo a unha das citas por excelencia do verán costeiro: a Festa do Percebe do Roncudo. Foron centos de persoas as que se achegaron ata as inmediacións de porto cormelán para degustar un manxar que é patrimonio desta Costa.

    E como dicimos, alí estiveron a radiONeria e a Radio Roncudo, ao pé da festa. Fran Lago e Iván Pereira dirixiron un especial de O Ronsel dende o porto cormelán. Deste xeito puidemos vivir en directo o ambiente que se respiraba na vila percebeira. Polos micros da radiONeria pasaron organizadores, políticos, e xente anónima, tanto cormeláns como visitantes, pero coa mesma intención: a de probar os percebes.

    Un bo abanico de autoridades compartiron as súas impresións connosco, como Carlos Negreira (ex presidente de Portos de Galicia), Rosa Quintana (Conselleira do Mar), Diego Calvo (delegado na Coruña da Xunta), ou o alcalde de Ponteceso, Jose Luis Fondo Aguiar (na foto).

    Este sábado, no Mercado Medieval de Corcubión

    Pero os directos na rúa non rematan nin moito menos. Este sábado, Óscar Rey, Fran Lago, e Iván Pereira estarán nas rúas de Corcubión co gallo do Mercado Medieval, que se celebra ao longo da fin de semana na vila de San Marcos. Xa saben, non o perdan!

    • O Ronsel: O único magacín da radio costeira nas mañás do sábados (12:00h a 14:00h).

    A fotografía é de Marcos Rodríguez.

    14 julio 2010

    O Ronsel, en directo dende a Festa do Percebe do Roncudo

    Chega a metade de xullo e como cada ano por estas datas, Corme celebra a cita gastronómica por excelencia no verán costeiro: a Festa do Percebe do Roncudo.

    Xa van pola súa XVIII edición e xa que o evento cumpre este ano a maioría de idade, a radiONeria e a Radio Roncudo queremos unirnos á festa. Deste xeito, este sábado, 17 de xullo de 2010, o programa desta casa O Ronsel viaxa ata Corme para vivir en directo a Festa do Percebe. Serán como cada semana 120 minutos de informacións, opinions, entrevistas,... pero desta vez, coa ollada posta fundamentalmente na Festa do Percebe do Roncudo.

    Fran Lago dirixirá O Ronsel esta semana, xa que o compañeiro Óscar Rey tomará parte activamente na organización do festexo. Quen si estará  coma sempre, á fronte dos mandos técnicos, será Iván Pereira.

    Xa saben, o vindeiro sábado, a radio en movemento, en directo dende a Festa do Percebe do Roncudo.

    O Ronsel:
    • Os sábados, de 12:00h a 14:00h en directo.
    • Os xoves, de 22:00h a 00:00h en diferido.

    08 julio 2010

    Novos horarios Verán 2010

    Os programas habituais da RadiONeria e Radio Roncudo cambian de horario no Verán para seguir ofrecendo os seus contidos.

    Formula Neria
    Un dos programas que modifica o seu horario é Formula Neria presentado por Iván Pereira. Este espazo de dúas horas que ofrece a mellor música do momento emítese no tempo estival os Xovés de 20 a 22 horas. Podedes escoitar a repetición os Sábados de 17 a 19 horas.

    Para máis información e descargas podedes consultar o espazo de Fórmula Neria neste blog.

    O Ronsel













    O Ronsel dirixido por Óscar Rey e Fran Lago volve no verán cun novo horario. Información, entrevistas, citas culturais e boa música o podes atopar neste programa. Escoitao:
    • Directo: Os Sábados de 12 a 14 horas
    • Repetición: Os Xoves de 22 a 24 horas
    Ademáis a partir de agora poderás escoitar este espazo no blog. Cada semana colgaremos unha nova edición.

    07 julio 2010

    GRAZAS

    Levamos un par de días colgando nesta bitácora diversas opinións e valoracións sobre a final da Copa da Costa. Xa para pechar o capítulo copeiro, dende o equipo da radiONeria queremos facer públicas as nosas valoracións, que como non podía ser doutro xeito, van máis alá do eido futbolístico.

    Foron xornadas maratonianas de traballo por parte dalgúns membros desta casa. Sacar a radio á rúa non é tarefa doada. Hai que procurar os medios necesarios, probalos, comprobar que se adaptan ao lugar onde se precisan, falar coa organización,... Isto tradúcese en horas e horas de adicación case exclusiva.

    Cubrir 16 horas de programación durante dous domingos consecutivos só cun partido de fútbol non é asunto fácil, pero como sabemos o que significa o fútbol da Costa para moitos de vós, puxemos toda a carne na grella.

    Foi moi duro. Levamos unha semana de verán, e para algúns de nós semella que xa pasou unha eternidade. Pero malia todo pagou a pena. Como non! O equipo da radiONeria amosámonos moi satisfeitos logo do resultado acadado coa cobertura que fixemos do que é se cadra, o evento deportivo máis importante da Costa. Sen dúbida algunha as melloras con respecto a outros anos foron cuantiosas. Pero na nosa mente seguirá o ir mellorando.

    Non despedir esta Copa da Costa sen dar unhas GRAZAS así de grandes a:
    • Principalmente a dous grandes do fútbol como son Nito e Calabanda. Un ano máis, na radiONeria estamos moi agradecidos ante a axuda prestada por dous dos emblemas do fútbol costeiro. É un pracer para nós contar con comentaristas de luxo como os que temos, dos que ademáis salientamos a súa axuda, a súa comprensión e o seu apoio cara nós (Señores, contamos con vós para o vindeiro ano!!)
    • Aos patrocinadores, tanto a UPI Cee como a Vitualla. Tamén facer especial mención ao Concello de Corcubión, que nos facilitou os medios para o desenvolvemento deste proxecto.
    • Como non, agradecer o papel de Adrián Leira, como animador, que deu ese toque de humor que hoxe en día ameniza a maioría das retransmisións futbolísiticas. Sen esquecer tampouco a salientable tarefa de Ubaldo Cerqueiro, quen se ofreceu ao que nos fixera falla dende o primeiro momento.
    • A Guillermo Parga, redactor do diario Dépor Sport e aos amigos de http://piratasdemuxia.es xa que fixéronse eco do traballo que íamos desenvolver.
    • E xa por último, a vós, que seguistes a programación da radiONeria, e que seguimos contando convosco porque isto non fixo máis que comezar.
    Fin do ciclo copeiro, pero o show debe continuar... GRAZAS!! :)

    Equipo radiONeria. 107.8 fm.

    Fran Hermida na radiONeria: "O Dumbría críase superior e o Cee non tivo argumentos"


    Rematamos a rolda de entrevistas do pasado domingo, co gallo da Final da Copa, coas verbas de Fran Hermida, que ademáis de ser corcubionés e compañeiro dos medios, é un sabio do fútbol da Costa. Así foi a conversa co equipo da radiONeria.

    • Fran, ¿como viches o partido?
    Bueno, máis emoción que fútbol. Eu creo que o fútbol no sentido estricto da palabra foi escaso, pero como di ese dito, as finais non son para xogalas senón para gañalas. Vimos se cadra algún que outro partido máis espectacular, ao longo do ano, pero a final sempre é a final. Moitísima xente, dúas afeccións que se portaron de dez, e un equipo xustamente gañador.

    • O fútbol que vimos no campo por parte dos dous equipos deixounos unha pequena decepción, ¿non si?
    Houbo un factor que para min foi clave. O Dumbría se sabía superior. Eu creo que ao Cee faltoulle capacidade de resposta porque tentárono con variantes tácticas e con cambios pero non había máis leña que a que ardía. O Cee quizáis estivo un pouco curto de argumentos e o Dumbría administrou o que traía, ampliouno co 0-1, e despois apareceu Llanero, que non o imos descubrir agora, e matou o partido.

    • ¿Pode ser que Pato tardara en facer cambios para tentar combatir a superioridade do Dumbría?
    Quizais tiña que ter osixenado ao equipo antes. Hai un rapaz como por exemplo Fernandito que lle dá un aire espectacular ao equipo e se botou en falta, e sen embargo xente como Luigi que coido que non respondeu ás expectativas.

    • Fran Hermida na radiONeria Descargar

    06 julio 2010

    José Manuel Pequeño na radiONeria: "Cada cinco anos unha Copa é un bo récord"

    Como era de agardar, moi ledo amosouse José Manuel Pequeño Castro ao remate do encontro do pasado domingo. Coa Copa no peto, o presidente do clube dumbriés, e a sazón alcalde de Dumbría, quixo felicitar a todo o eido futbolístico da Costa ante un dos meirandes eventos na bisbarra, e este ano cun resultado moi favorable para os intereses de Pequeño. Estas foron as verbas dun emocionado Pequeño na radiONeria.

    • Presidente, noraboa.
    Noraboa a todos, principalmente a todos os xogadores, tanto do Cee como do Dumbría, que deron un espectáculo e isto é moi bo para o fútbol da Costa.

    • Alcalde, moi contento coa vitoria, ¿non si?
    Si, moi contento lóxicamente. Son tres Copas na curta historia que ten o clube. Creo que cada cinco anos unha Copa é un bo récord.

    • Tres goles que anotou o Dumbría. ¿Contaba con algo así?
    Non. Eu crin que ían ser menos goles, pero aí saíu a tolemia de Llanero e como sempre, cando Llanero a colle a enchufa.

    • Haberá máis Copa o ano que vén...
    Nós para o ano que vén tentaremos estar aí, pensando na liga e co obxectivo de sempre, estar o mellor posible na liga.

    • ¿Algunha novidade de cara ao ano que vén?
    Non, en principio imos continuar así e imos tentar que as escolas deportivas e a xente da base teñan saída e facer ese gran equipo que queremos facer na Costa pero coa xente de aquí.

    • José Manuel Pequeño na radiONeria Descargar

    Ramón Vigo na radiONeria: "O Dumbría foi superior pero o Cee é un equipo competitivo e forte que pelexa por estar entre os mellores"

    Seguimos repasando as reaccións ao triunfo do Dumbría o pasado domingo, na Final da Copa da Costa 2010. Desta volta ofrecémosvos ás verbas que recolleu a radiONeria do alcalde de Cee, Ramón Vigo Sambade. Vigo se amosou triste pola derrota do U.C. Cee, pero recoñeceu a superioridade do xogo do Dumbría. Esta foi a entrevista que lle fixemos ao alcalde da vila da Xunqueira.

    • Alcalde, triste, ¿non?
    Foi unha mágoa, pero a verdade é que hai que felicitar ao Dumbría, que amosou no segundo tempo unha superioridade manifesta, dentro dun encontro que se desenvolveu na máxima deportividade posible. É unha festa na Costa da Morte, polo tanto felicitar ao Dumbría, e o Cee a intentalo en vindeiras ocasións. Nos últimos catro anos estivemos en tres finais da Copa da Costa, iso demostra que o Cee é un equipo competitivo e forte, e que pelexa sempre por estar entre os mellores. Hoxe non puido ser pero en calquer caso felicitar aos xogadores por chegar ata aquí e agardar a outras tempadas onde poida ser a cuestión máis favorable.


    • E agora a Copa Neria...
    Si. É un trofeo que fai competir a todos os concellos da bisbarra, e nese senso é unha oportunidade máis de obter un trofeo que comeza a ter unha certa importancia e significación na zona, polo tanto a ver se hai mellor sorte que hoxe.

    • ¿Estes dous equipos son favoritos?
    Eu penso que si. Cando un chega á final da Copa da Costa, un torneo tan competitivo e tan difícil, significa que teñen equipo e solidez para poder chegar tamén na Copa Neria á final ou cando menos ao máis alto posible.


    • ¿Recibirase no Concello aos xogadores, como subcampións?
    Nós tratamos ao Cee como un equipo senlleiro no Concello. É a organización social máis antiga do pobo, e polo tanto, dende o Concello de Cee sempre se ten a mellor disposición para agasallar a un clube como o Cee.

    • ¿Quedou contento co fútbol que fixeron os dous equipos?
    Aínda que non me guste, teño que dicir que me gustou máis o Dumbría, indubidablemente, sobretodo no segundo tempo. Na primeira parte non se viu moito fútbol e houbo moi poucas oportunidades, pero no segundo tempo o Dumbría foi claramente superior, e por suposto disfrutei do fútbol, aínda que non me gustara porque os meus colores son os que son, como non pode ser doutro xeito.


    • A festa do fútbol quedou aquí manifestada, cos de Cee disgustados pero co Dumbría desfrutando desta grandísima final, ¿non si?
    Por suposto. Xogan dous, un gaña e outro perde. A nós tócanos hoxe perder pero ver este campo cheo e ver o campo do Cee o outro día cheo, nuns momentos de pouca afluencia de xente ao longo da tempada, fai ver que a Copa é unha competición viva e que atrae todavía a todo o mundo para desfrutar do espectáculo do fútbol.

    • O alcalde de Cee na radiONeria Descargar

    Nico: "É un gran premio logo dalgúns obxectivos fallidos"

    Pasou tamén pola radiONeria o pasado domingo outro dos homes do Dumbría C.F., flamante campión da Copa da Costa 2010. Nico amosaba a súa ledicia sobre este título ante as preguntas do equipo da radiONeria.

    • Nico, ¿que sensacións tes?
    É a miña terceira Copa e penso desfrutala o máximo que poida. Dicía que íame retirar cando gañara a terceira pero creo que aínda vou ter que esperar un pouco porque se cadra aínda acado unha ou dúas máis.

    • Supoño que moi contento coa vitoria, ¿non si Nico?
    Si. Este ano foi un pouco raro. Tentabamos ascender a Preferente, non nos saíu ben. Ao final ata o terceiro ascendeu e o único que nos quedaba era a Copa. Saíunos moi ben i é como un gran premio para o ano.

    • Das tres que gañaches, ¿de cal desfrutaches máis?
    Gañei tres, xoguei catro finais, e a que máis desfrutei creo que foi a do Cee. A xente poñíanos de favoritos pero nós sabiamos que o Cee se nos atragantaba. Era como un touro que ías picar e non o dabas picado e devolvíache a espada. Ao final no partido liberámonos un pouco. Fomos quen de meterlles tres goliños, puido caer algún máis pero estiveron moi serios atrás. Desfrutei a do Cee pero estou moi contento de gañar esta polo ano que tivemos, tan raro.

    • Nico na radiONeria Descargar

    Iván Pequeño: "Baseouse todo nun bo traballo de equipo"

    Continuamos repasando as opinións dalgúns dos protagonistas da Final do pasado domingo, na que o Dumbría levaba a 47ª edición da Copa da Costa. Desta volta ofrecémosvos as verbas de Iván Pequeño (na foto), defensor dumbriés que pasaba polos micros da radiONeria para someterse ás preguntas de Iván Pereira, Calabanda e Nito.
    • Iván, ¿como viches o partido?
    Foi un partido moi vibrante, moi tenso. Un derbi e unha final con moito respecto polos dous equipos, pero ao final conseguimos inclinar a balanza ao noso favor.

    • Moi contento coa vitoria, ¿non si?
    Xogar na casa sempre é unha vantaxe, aínda que lle tiñamos bastante respecto ao Cee, que nos tiña collida a medida, e este campo sempre nolo pon moi difícil. Pero ao final coa axuda da afección e dando un 110%, penso eu, acadamos a vitoria e outra Copa máis.

    • É a cuarta Copa que gañas. ¿De cal disfrutaches máis?
    Cada Copa é totalmente diferente. A primeira foi co Lira, cando tiña dezaoito anos, e a verdade é que si, foi algo novo, era a primeira vez, era o primeiro ano que xogaba.

    • Daba a sensación de que esta Copa xa a tiñades gañada de antemán. Non había tensión...
    Non, nin moito menos. Dabádesnos por favoritos dende o principio e eu penso que nos mirabades con outros ollos. Non imos nin de sobraos nin nada polo estilo. Non nos viamos superiores nin moito menos. Eu penso que hoxe baseouse todo nun bo traballo táctico e nun bo traballo de todo o equipo. Se por algo nos caracterizamos na Final foi polo traballo de equipo e non polas individualidades de outras eliminatorias.

    • Mudouche a cara de preocupación por unha imaxe de felicidade polo trofeo gañado...
    A verdade é que todos estamos moi contentos. Estabamos un pouco en tensión, cun formigueo no estómago pero conseguímolo e todos moi contentos e moi felices.


    • Iván Pequeño na radiONeria Descargar


    López Canosa: "Con este título os rapaces van crer en si mesmos para acadar o ascenso"


    Comezamos a colgar na nosa bitácora as reaccións dos protagonistas do partido de volta da Final da Copa da Costa. Lembramos que o título quedou nas mans do Dumbría, logo de vencer ao Cee por 3-0 e colleitar un empate a un tanto no partido de ida. Pasou polos micros da radiONeria en O Conco o técnico dumbriés, José López Canosa (na foto, o primeiro pola dereita). Adrián Leira, Nito e Iván Pereira falaron cun ledo adestrador. Estas eran as súas verbas.

    • Míster, ¿como te sintes?
    Feliz. Feliz pola felicidade, valga a redundancia, que lle aportastes á xente que merecía este obxectivo e este triunfo.

    • Chegar e encher...
    Si, pero é relativo. Eu alédome máis polos xogadores, por algúns que non sabian o que era o sabor dun triunfo na Copa da Costa, e sobretodo polo presidente, porque está aportando moitas cousas para o fútbol.

    • Vai ser un bo aliciente para preparar xa a tempada que vén...
    Si, a maioría dos rapaces levan un ano xuntos e isto vailles servir de aliciente, é dicir, van crer en si mesmos, van pensar que si é posible, e o obxectivo é o da pasada tempada, o de acadar o ascenso (na liga regular á Preferente Autonómica).

    • ¿Estás satisfeito plenamente co xogo que realizaron os teus xogadores na Copa?
    Estou satisfeito polo fútbol que fixemos en Cee, sobretodo, porque o único que nos faltou foi o acerto, pero interpretaron ben o que era un campo grande e como habia que buscar os espazos. Aquí pecamos na primeira parte de non buscar o espazo de Rubén pola banda esquerda, que era o obxectivo principal, sen embargo, eles metéronnos na parte dereita aí loitamos e houbo patadas. Estou satisfeito non polo xogo senón pola actitude. Vinlles unha actitude aos xogadores que ata agora non a vera nunca.

    • Cando o equipo contrario dificultaba o desenvolvemento do que había na pizarra era cando había que mudar cousas ¿non si?
    Si. O equipo contrario sempre vai loitar contra ti. Ti podes planificar moito pero hai que contar co contrario. Pero ao mesmo tempo tes que contar con xogadores que a partir de que empezan a xogar ao futbol esquecen moito o que lles dis no vestiario durante a semana. Ese é o problema máis grande que hai no fútbol actualmente. O xogador escoita e sabe interpretalo nos adestramentos, pero cando chega o partido o sentido vaille para moitos lados.

    • O ano que vén máis ¿non?
    Esperemos. Ese é o obxectivo. Que se acade ou non depende de moitos factores que non teñen que ver ás veces co fútbol.

    • José López Canosa na radiONeria Descargar

    05 julio 2010

    Escoita de novo a Final de Copa

    No Conco estivo a radiONeria co seu completo equipo de colaboradores.
    Toma nota dos horarios:

    ESPECIAL POST-PARTIDO:
    Opinións, valoracións e análises, con Iván Pereira, Adrián Leira, e Fran Lago.

    • Hoxe luns, ás 11:00h da mañá.
    • Mañá martes, ás 11:00 da mañá.

    A RETRANSMISIÓN ÍNTEGRA DO DUMBRÍA - CEE: Con Fran Lago, Iván Pereira, Adrián Leira, Xabi González, os comentarios de Nito e Calabanda e a colaboración especial de Ubaldo Cerqueiro.

    • Hoxe luns, de 16:00h a 20:00h.
    Asímesmo, o equipo da radiONeria quere amosar a ledicia que nos asolaga logo de levar a cabo este soño de poder cubrir un evento deportivo sen ter nada que envexarlle a ninguén. Graciñas por estar aí, e contribuir así a que continuemos medrando cada día.

    Lembramos tamén que iremos subindo todas as horas de programación adicadas á Copa estes días a esta bitácora, ademais de rescatar de xeito escrito, algunhas das máis salientables.

    Escoita os especiais post-partido no blog:

  • Especial Copa da Costa 2010 (partido de ida)

  • Especial Copa da Costa 2010 (partido de volta)
  • 02 julio 2010

    Hoxe remata a segunda tempada do SFNS


    A partir das 22:00 h DJ Alan e Jaky Dj, es par de sinverjuensas, remataran a segunda tempada con humor e boa musica despedíndose ata o vindeiro mes de outubro cando volveran as noites dos venres.