O dolmen de Dombate ten unha gran importancia polo patrimonio cultural, tanto para Cabana como para a bisbarra. Eu creo que vai ser un referente como catedral do megalitismo que a temos definida para toda a Costa da Morte, e xunto con outros como o faro de Fisterra ou o castelo de Vimianzo, o dolmen vai ser un monumento tremendamente importante.
Despois de moitos anos de espera agora as obras van a bo ritmo e creo que van cumprirse os prazos. Para o ano que vén poderemos ter o dolmen en pleno funcionamento, tanto na recepción de visitantes como o propio dolmen. Eu creo que é algo importante. Estabamos cifrando máis de vintecinco mil visitas cando estaba en estado ruinoso e coido que vai ser un polo de atracción importante para o turismo na bisbarra.
Estamos tamén buscando inversións para o castro de Borneiro que está moi preto, e que é un BIC (Ben de Interese Cultural). Temos un compromiso da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para facer unha nova sinalización, que estaba en mal estado, e uns mellores accesos para poñer en valor o castro como atractivo turístico.
Dende o Concello aseguraron que ían ofrecer solo gratis no polígono industrial de Nantón. Como chegan ata este punto?
Cabana quedou no seu momento sen solo industrial. Unha vez que entramos nós a gobernar vimos que tiñamos aí unha tara importante para o desenvolvemento do concello, polo que iniciamos unha serie de xestións para buscar iniciativa privada, e investir así no noso concello.
Conseguimos que houbera proxectos en marcha, pero coa crise non hai diñeiro para poder afrontalos. Seguimos pelexando e nestes intres estamos buscando investimentos tanto no estranxeiro como en España, para traer para aquí unha industria. Moita xente non o acaba de ver, pero creo que estamos na boa dirección.
O dez por cen do solo vai destinarse a empresarios da Costa da Morte coa fin de xerar postos de traballo. Teño moita ilusión con isto porque aínda que é unha idea moi arriscada, podémola desenvolver sempre e cando deamos arrincado co proxecto.
Esta crise afecta moito á xente da Costa da Morte e queremos que aqueles que teñan problemas de legalización das naves poidan ter o seu solo sen que lles supoña un custe engadido.
Cal é a postura do Concello sobre a regularización das naves?
Ser empresario na Costa da Morte é moi complicado. Ainda que a man de obra ten moito potencial, a distancia que temos con certos territorios fai que os empresarios tendan a marcharse aos perímetros das cidades.
A un empresario hai que axudarlle a regularizar a súa situación porque no seu momento, cando fixo a nave, fíxoa coa mellor intención. Non había desenvolvemento de plans urbanísticos, e por tanto todo o mundo o facía onde lle deixaban ou onde podía. Hai que darlle a posibilidade a esa xente que ten unha empresa asentada para que poida regularizar a súa situación. Naturalmente, éste non é un cheque en branco porque senón daríanse situacións desfavorecedoras. Se eu son un veciño de calquer concello, pago a miña licenza e cedo o meu terreo, o empresario que agora se lle regulariza a situación, que non fixo cesións, que non pagou licenza, que non fixo proxecto, pois necesita estar nas mesmas condicións que outro veciño.
Eu estou a favor de que se axude pero hai que artellar unhas ferramentas para que esa xente teña que pagar como pagan o resto dos veciños. Os concellos temos que dotar de solo aos empresarios onde a xente se poida asentar.
Como valora os efectos do Plan de Ordenación do Litoral?
O POL é unha ferramenta que hai que desenvolver. Nós tivemos a oportunidade de estar sempre en contacto cos técnicos da Xunta para ver como quedaban os territorios. En Cabana hai sete quilómetros de Costa afectada polo POL. Unhas zonas non teñen desenvolvemento urbanístico, por tanto non lles afecta, pero hai outras zonas, as urbanas non consolidadas, onde o POL entra de cheo.
Notouse o cambio de goberno na Xunta?
Cando están os gobernos afíns tes mais facilidades á hora dos investimentos. Eu teño sufrido dous anos de espera para que me recibiran ou non me recibiran. Proxectos que estiveron dous anos paseando polos coches oficiais, agora teñen a oportunidade de facer o investimento. Para Cabana é beneficioso. É o que a min me interesa e tentaremos que sexa máis beneficioso aínda. É verdade que é unha crise importante e hai recortes por todos lados. Non estamos a falar doutros anos nos que había moitos máis fondos e témonos que axustar o cinturón.
No orzamento de Cabana primarán os investimentos...
Unha das virtudes que ten o Concello de Cabana é que non se fixo un derroche na contratación de persoal e en gasto corrente. Isto permítenos dotar máis partida para o orzamento. Este ano imos ter unha redución aproximada de 180.000 euros de ingresos do Estado e isto vaino notar a investimento, pero aínda así, un 30 por cento do orzamento irá destinado a isto. É unha cifra moi boa nos concellos da volta pero ao mesmo tempo é moi necesaria. Un dos problemas que ten Cabana é a dispersión. O feito de arranxar estradas, os gastos de alumeado público, instalacións deportivas,… fai que sexan necesarios todos eses cartos e ás veces non cheguen.
Están de actualidade os soldos dos políticos. Que medidas adoptan dende o Concello nese sentido?
Hai dous anos tomamos a medida de non incrementar os soldos dos políticos e agora aplicaremos as medidas que está aplicando todo o mundo, que en función dos soldos están dun 3 a un 5 por cen de recurte. É un recurte que se está aplicando ás persoas que traballan nos Concellos.
Como valora as actividades culturais e deportivas que ofrecen dende o Concello?
Hai concellos que son eminentemente turísticos e concentran moita actividade no verán. Cabana é todo o contrario. É moi disperso e tentamos, aínda que se faga actividade, facela todo o ano. Sempre tentamos facer moitas cousas con poucos cartos. Para min é mais importante en inverno e outono. No verán hai moita festa e moita actividade en todas partes, sen embargo en inverno hai menos, polo tanto a nós nos interesa máis a actividade no resto do ano.
Temos máis de 1.200 carnés de actividades deportivas e 800 usuarios da piscina ao longo do ano, polo tanto temos que potenciar esas actividades. No verán a xente utiliza máis as praias doutros concellos e non nos vemos na obriga de potenciar esas ofertas.
No eido das novas tecnoloxías, a Xunta aseguraba que case a totalidade das parroquias van ter aceso á banda ancha en breve…
É difícil porque Cabana é tremendamente disperso. Nós prantexámonos hai pouco se faciamos investimentos en redes wimax e wifi a través do Plan E. Tivemos unha reunión coa Xunta porque tiñan un programa de banda ancha no medio rural. E seguimos o consello da Xunta porque pódese dar a circunstancia de facer un plan propio de banda ancha no concello e despois esas redes non sexan homologables ás redes que intente desplegar a Xunta.
Entón imos esperar a que a Xunta faga a súa propia rede porque o problema non é facer a rede, senón dar o servizo. Nós estamos facendo as xestións para que Cabana, no horizonte 2011-2012, teña aceso a 2 MB no medio rural. Ao cen por cen é imposible pola orografía, pero a maior parte vaino ter. É algo moi positivo para superar esta brecha tecnolóxica.
Como pinta o panorama de cara ás vindeiras eleccións?
Aínda queda moito. Os que están gobernando teñen moita vantaxe sempre. Estar na oposición é un camiño polo deserto e ás veces é difícil configurar as listas. Para o que goberna tamén, pero as dificultades son menores. Aínda non temos no horizonte as eleccións i é un tema sobre o que se teñen que pronunciar os veciños.
No hay comentarios:
Publicar un comentario