30 diciembre 2009

-- As noites da fin de semana na RadiONeria --

Cada fin de semana a radiONeria apórtache todo ese ritmo dance que precisas para vivir intensamente a noite.

- Os venres de 02h00 a 08h00, 6 horas de dance sen interrupcións en DANCE SEN PAUSA.

Os sábados dobre ración:
- De 23h00 a 00h00 DANCE PARTY, unha selección dance e italodance da man de Iván Pereira.
- E dende as 02h00 desfruta do sábado noite ata as 08h00 con DANCE SEN PAUSA.

E xa o domingo pecha a túa fin de semana con bo pé:
- As 20h00 ITALIAN STYLE un programa presentado por DJ CHARLIE.
- De 02h00 a 06h00 tempo para o dance de onte en DANCE REMEMBER.

!RadiONeria Facendo vibrar as ondas do mar!

As tardes da costa en RadiONeria

Cada tarde na radiONeria ofrecémosche todo o que precisas para facer máis entretidos os teus tempos de traballo ou de lecer.

Comezamos a sobremesa ben informados, co boletín de novas ás 15h00, para coñecer que pasa na Costa.

Ás 15h15 chegan os Jrandes Éxitos. As músicas “de antes, de ajora e de siempre”.

Xa ás 17h00 vén Fórmula Pop, unha hora de pop… e moito máis!

Ás 18h00 chega a Música Jalleja Dajora, 60 minutiños de todo tipo de estilos actuais “made in Ghalisia”.

Ás 19h00 achegámonos novamente ao que pasa na Costa co último boletín da xornada.

E xa ás 19h15 abrimos A Hora Indie, un tempo para as músicas máis independentes.

!As túas mellores tardes están na radiONeria!

22 diciembre 2009

Radio Roncudo e radiONeria tentaron repartir sorte pola Costa da Morte

Pero non puido ser. O Gordo, como unha boa dos premios quedaron en Madrid, e na Costa apenas levaremos unhas cantas pedreas. O Gordo, xa sabedes, foi o 78.294.

Un día no que a radio está prendida en todas as casas, en todas as oficinas, un día no que hai licencia FM. E na Costa non somos menos e puidemos disfrutar dun Especial Lotería de Nadal na radios irmandadas da Costa da Morte: a radiONeria e a Radio Roncudo.

Ao outro lado das ondas estiveron Fran Lago e Óscar Rey Lago, quen dende os estudios da radio municipal corcubionesa levaron a cabo o programa especial da Lotería de Nadal.

E a piques estiveron de sorte as radios municipais irmandadas da Costa, xa que Oscar Rey rozou o gordo. Tiña, e non é broma, o 76.294. Por un número, un mísero número que podería cambiar a súa vida e a das radios da Costa, pois Óscar é un dos reponsables das emisoras irmandadas.

Máis información


Escoitar o programa

17 diciembre 2009

O sorteo da lotería do nadal na tua radio


Un ano máis a radiONeria e a Radio Roncudo retransmitirán o vindeiro 22 de decembro o sorteo extraordinario da lotería do nadal. Será un programa especial que dará comezo ás 08:00h da mañá no que lles achegaremos en directo todo o que aconteza no salón de loterías en Madrid, co apoio dun equipo de enviados especiais alí desprazados. Poderán escoitar dende os prolegómenos do sorteo, ata as reaccións xurdidas nos distintos puntos do país, pasando por suposto, polos cánticos dos premios nas voces dos nenos e as nenas de San Ildefonso. Todo un maratón de radio no que agardamos contar que as ilusións fanse realidade na Costa. Óscar Rey e Fran Lago serán os encargados de conducir o espazo.

Lembren a cita, o vindeiro martes 22 de decembro, dende as 08:00h da mañá. Coma sempre poden sintonizarnos a través do 106.1 e o 107.8 da FM e a través deste blog na sección Escoita radiONeria na rede na marxe dereita do mesmo.

radiONeria e radio roncudo unindo a costa da morte

13 diciembre 2009

RadiONeria volve a soar na Costa da Morte

Despois dunha longa espera, o 107.8 da FM na Zona Sur da Costa volve a soar.

A radio municipal de Corcubión levaba un mes sen poder emitir debido a un problema no seu amplificador, pero hoxe si, hoxe é o día no que as ondas do mar volven a vibrar.
Moito traballo por parte do Concello quen se fixo cargo de arranxar o problema xunto coa axuda dos colaboradores.

Con moita ilusión a emisora máis veterana da costa resurxe de novo.

RadiONeria dende sempre no 107.8 FM

06 noviembre 2009

Travesía polo deserto

Continuan os problemas técnicos. E non van a menos. Nas últimas horas a situación agravouse polo que a radio vese na obriga de cesar temporalmente a súa actividade. Certo é que as ondas do mar non están a vibrar hoxe como de costume... Pero nós non imos parar.

A radiONeria nacía un 16 de xuño de 1991. Foron épocas duras nas que a continuidade, tan importante nunha radio, non estaba asegurada. Longas noites de pedra tinguiron a emisora ó longo da súa historia. Hoxe non podemos mirar cara atrás. A milagre obrouse. Quizais ninguén apostaría porque a radiONeria chegase a ter o amplo equipo de colaboradores que ten hoxe en día… O certo é que todos temos algo en común, que é o interese polo noso e porque un fermoso e tan agradecido proxecto (ó mesmo tempo que esixente) saia adiante.

É certo tamén que ó longo do dial hai máis radios, con máis medios, con outras ideas ou con menos problemas técnicos, pero o esforzo e a humildade deste proxecto son infinitos. Ademáis apostamos pola proximidade, pois ben seguro que ninguén está as 24 horas tan preto de ti.

As máquinas ás veces fallan, mais isto non vai decaer, sen ir máis lonxe este sábado día 7, a radio acolle unha reunión dos seus colaboradores cun único obxectivo: que a radiONeria continue a medrar. Como diría Freddy Mercury, The Show Must Go On...

04 noviembre 2009

Urxente

Estimad@s oíntes:

Nas últimas horas a emisión da radiONeria está a sufir unha serie de problemas alleos a nós, o que afecta á emisión da radio a través do 107.8 da FM. Todo o equipo de compañeiros está arestora a traballar arreo para soluciona-las complicacións o antes posible.

Namentres poden seguir a actualidade da Costa Da Morte as 24 horas do día a través de Agardamos que a situación estea arranxada en cuestión de horas. Desculpen as molestias e grazas pola súa confianza.

26 octubre 2009

Comenzamos unha nova etapa en radiONeria

Finais de Outubro e radiONeria comeza unha nova etapa con novidades na programación.
A radio municipal de Corcubión continúa a súa emisión conxunta con Radio Roncudo en Corme.

Novos programas:

Contaremos próximamente cun programa de Zarzuelas dirixido por Manuel Oliveira (Manolín) que xa presenta Realidade e Soños.
Zarzuela será emitido os domingos de 11 a 12 da mañán e os martes as 2 da tarde.
Tamén emitiremos o programa de Suso Lista os mércores as 10 da noite.

Repeticións:

Algúns destes son Super Freak Night Show e No Intro.

Cambian de horario:

Funkmania os domingos as 12 da noite e Luns as 10 da noite.
A Máquina do Tempo pasa das mañáns dos sabados as tardes e emitirase as 8 da tarde.
Dance Party os sábados as 11 da noite.

Referente os bloques musicais:

Ante o éxito do bloque mañáns de guateque, multiplicamos a súa emisión.
Mañáns de Guateque de luns a venres das 9 as 12 da mañan.
Jrandes Éxitos de luns a venres de 3 a 5 da tarde.
Pop de luns a venres de 5 a 6 da tarde.
Música jallega dajora de luns a venres de 6 a 7 da tarde.

Moitas máis novidades que temos preparadas para que a Costa da Morte continúe medrando.

Para máis información:


RadiONeria 107.8 FM !FACENDO VIBRAR AS ONDAS DO MAR!

02 octubre 2009

No Intro, a mocidade ao poder


No Intro é o programa da mocidade da bisbarra. Dende Corcubión Saulo, José Antonio, Joanna e Marta traen cada domingo a súa lista de éxitos e as entrevistas máis simpáticas. Trátase do programa que máis chamadas recibe cada semana e ata ten premios para os seus fieis oíntes, que van dende os 10 anos ata os 80.
Entrevistas (a última sonada foi nada menos que con Ainhoa), unha lista de éxitos comercias, entrevistas pola rúa, chamadas con premio... un pouco de todo nesta mestura de radiofórmula, novas deportivas e un pouco de corazón.

O programa é os domingos, a partir das 12:00 da mañá. Ademais podédelo escoitar pola rede:

E non perdades o novo blog do programa:

01 octubre 2009

Volve Neria Deportiva cun novo horario



O programa depotivo das tardes dos venres en radiONeria e Radio Roncudo volve con forza para esta nova temporada. Logo dun longo verán de parón, Xabi González e Darío Domínguez levarán cada venres ás 18:00h as novidades máis salientables do fútbol da Costa ás casas de toda a bisbarra.


Manolín será un dos invitados habituais no programa da súa casa. Ademais, Neria Deportiva contará tamén cunha das voces que máis sabe do nos fútbol, Óscar Santos, redactor de Deportes de quepasanacosta.com.


Xa saben: Neria Deportiva, os venres ás 18:00h, no 107.8 da FM para o sur da Costa, e no 106.1 nas Terras de Bergantiños. O programa repítese os sábados ás 10:00h


E ademais podedes escoitalo por internet:


29 septiembre 2009

Entrevista co alcalde de Laxe


Di que non é moi dado a conceder entrevistas porque prefire ser un veciño máis a vende-lo que fai, máis connosco fixo unha excepción. Entrevistamos a Antón Carracedo, alcalde de Laxe. Con él fixemos balance dos dez anos que leva á fronte do goberno municipal. Temas de actualidade como a polémica co PXOM, a paralización das obras da estrada Laxe- A Ponte do Porto ou a recuperación ambiental do Concello centraron a nosa charla. Carracedo conta que de momento para a nova Xunta, Laxe é un cero á esquerda, pero iso non lle quita folgos para loitar polos intereses no só do seu Concello senón de toda a Costa da Morte. Poden escoitar os cortes máis interesantes da entrevista no boletín do martes 29 de setembro de 2009.
Hai xa dez anos que chegaba á alcaldía en 1999. ¿Que mudou en Laxe dende aquela?
O principal é a forma de ve-la vida. Aquí pasamos dun Concello onde prácticamente non se podía nin falar a que a inmensa maioría da xente coñecera e vivira o que era a democracia. Lémbrome sempre dos primeiros días ó entrar aquí, en agosto do 99. Foi curiosísimo ó mesmo tempo que triste. Viña unha gran cantidade de xente coñece-lo despacho da alcaldía ou diversas dependencias municipais, ou sexa que nin aquí viña xente.  
Na actual lexislatura, ¿que balance fai dos dous primeiros anos?
É complicado. A situación económica é complicada por unha serie de factores. Na miña opinión, ó mellor quixemos excedernos en facer cousas. Quixemos facer de Laxe un Concello exemplar na comarca facendo unha serie de obras e mantendo e implantando unha serie de servizos, pero a capacidade económica por desgraza non nos deu para facer fronte a eles.  
¿Como valora o papel do seu grupo de goberno e o da oposición no Concello?
Nós o que intentamos sempre é facelo o mellor posible aínda que tamén tivemos erros. Dicir que un gobernó fai todo perfecto sería do cinismo. Nós o que si tivemos e temos é a ilusión de traballar para o Concello. Ás veces é cuestión de vende-lo produto. Eu penso que en política non tes que vende-lo produto. Ten que valora-lo produto a xente, non vendelo ti. Nós por exemplo non inauguramos unha soa obra dende que estamos aquí, e penso que se fixeron obras moi importantes para Laxe. Outra xente de calquer grupo político está tódolos días na prensa vendendo fotos. Ese non é o noso sistema. Ó mellor é un erro pero cada un pensa a súa maneira.
En canto á oposición, non falo dela. Quen ten que falar é o pobo nas eleccións. O único que podo dicir é que nunca se prestaron a axudar.  
Imos entrar a analizar os diversos temas que conformaron a política municipal nos últimos meses. No eido urbanístico, o PXOM foi rexeitado pola Xunta nunha ocasión. Din dende o PP que o Campo do Escaravello ía adxudicarse a unha empresa privada. ¿Cales son os seus comentarios ó respecto?
Eu sigo dicindo que é  unha operación histórica non só en Laxe, senón en toda a Costa da Morte. Moitos alcaldes da zona me felicitaron. Aquí estanse a dicir unha serie de barbaridades tremendas. Foi unha operación que saíu da nada e xurdiu pola propia inercia do tempo, non foi unha operación que procurase o Concello. Uns señores compraron uns terreos e atopáronse cun terreo, o Campo do Escaravello, colindante cos que eles compraran, que ten un litixio dende hai máis de corenta anos. De ahí xurdiu o tema da permuta do Escaravello.
En canto ó PXOM, dicir que se fixo con todo o cariño do mundo, sen ningún tipo de presión. O que non aprobou a Xunta foron catro casos puntuais. Un deles por exemplo, a zona que vai dende Fenllido a Serantes. A Xunta dicía que non o querían como solo urbano e nós en diversos contactos que se tiveron cos técnicos da Xunta propuxémoslles de facelo urbano. Outro tema é o do Escaravello, que xa é urbano dende o ano 95, declarado polo propio Partido Popular a efectos de facer ducias de vivendas sociais.  
Falamos agora de infraestructuras. ¿Que pasa co problema do porto?
Había un proxecto que gustaba a unha minoría e hai tres ou catro anos se optou por estudar unha proposta que resolvera para sempre o problema do porto e da praia. O proxecto que había antes non o resolvía e o que conseguimos foi que a Xunta fixera un estudo sobre a viabilidade de outros proxectos. Eu teño o proxecto de facer un muelle en Besugueira e tirar parte do muelle comercial, que foi o causante dos problemas a mediados dos oitenta. Ese estudo xa leva un ano e pico feito e xa mantivemos xuntanzas coa Confraría e co Patrón Maior para negociar que vaia este proxecto cara adiante. O proxecto contaría co ente público Portos de Galicia e co Goberno a través da Dirección Xeral de Costas para que colaboren connosco, xa que é un proxecto de moita envergadura que require inversións millonarias.  
Na área de infraestructuras o tema que está  de actualidade é a paralización das obras da estrada Laxe – A Ponte do Porto…
Trátase dun problema que está  xurdindo en moitos sitios, por desgraza. A empresa encargada, Teconsa tiña problemas económicos e a raíz de ahí a adxudicación vai ir para a empresa que quedara de segunda cando foi o concurso. Teño que dicir que o interese da Xunta polo tema é nulo. O mesmo que recoñecín que a Xunta do PP de Manuel Fraga colaborou co Concello de Laxe, agás catro ou cinco excepcións, da actual a día de hoxe non podo dici-lo mesmo.  
¿Que outros proxectos en clave de infraestructuras se desenvolveron e vanse desenvolver en vindeiras datas?
Hai un exemplo claro do que acabo de dicir. Coa Xunta de Manuel Fraga conseguimos 500 millóns de pesetas para face-la depuradora. O porto de Laxe é o único da Costa da Morte que ten depuradora dende xa hai anos. Tamén conseguimos cartos para o colexio. A ver se a Xunta actual nos dá algo porque o que único que se fixo foi o colector xeral de Coéns e Castrelo, e xa estaba aprobado antes de que chegara Feijóo. Ademáis, os tres alcantarillados que se están facendo (Coéns, Boaño e A Torre) son pola Deputación, así que reitero, a Xunta do goberno actual a día de hoxe en Laxe, nada de nada.  
Falamos agora de política social. ¿Como se atopa o proxecto do centro de día?
Solicitouse no seu día e mandouse o proxecto. Ahí tamén se dixeron unha serie de barbaridades, neste caso por parte do BNG de Laxe, dicindo que non se cederan os terreos cando eles, precisamente, eran os que levaban o tema a través de Vicepresidencia na Xunta. Ofrecéronse os terreos de Santa Rosa e veu ata aquí o Director Xeral. Estivemos en contacto permanente con eles e lles parecía moi costoso face-la obra alí polo tema da cimentación. Se se necesita máis diñeiro ou menos diñeiro, iso é un problema que pode e debe resolver a Xunta de Galicia.  
Está  proxectado tamén, o Centro Cívico…
Si. Dentro da permuta do Escaravello ía o Centro Cívico cuns trescentos millóns de pesetas. Levaría locais para a xente maior, para reunións e para bailes e levaría tamén anfiteatro e temas de servizos sociais. Sería unha obra preciosa para Laxe. Tamén ía dentro da permuta un local de cincocentos metros para facer unha gardería.  
¿Como valora os servizos de benestar que ofrece o Concello?
O que pediría e que se fixera un estudo dos servizos que prestan tódolos Concellos da Costa da Morte. Hai Concellos que nos duplican e triplican a poboación e teñen moito menos servizo de asistencia a domicilio cá nós. Temos actualmente cinco asesores a domicilio a xornada completa. Hai Concellos máis grandes que teñen catro ou seis a media xornada. Non é falar, é simplemente contrasta-los datos. 
No eido económico puidemos ler na prensa este verán que se lle denegara ó Concello un crédito bancario…
A min paréceme rarísimo. Se as entidades, e sobretodo Caixa Galicia, deben axudar ós Concellos, o normal e que axuden ós Concellos que están mal. Un dos datos dos que non se fala é que dos máis de trescentos concellos que hai en Galicia só hai cincuenta e un que non están endeudados e moitos duplican e triplican a nosa débeda, pero semella que Laxe é o paradigma do desplifarro cando aquí se gastou o diñeiro en obras. O que pasa é que coincidiunos a época do Plan Xeral e tivemos que estar dous anos sen dar licencias, veu a crise do tema da construcción e xuntouse todo. E os concellos, non só Laxe, imos traballando en función dos ingresos que temos, neste caso das licencias. Este foi o tema do endeudamento. Non se gastou en festas, en comidas ou en caralladas... Gastouse en obras e están ahí as cousas, non as inventamos nós. Hai Concellos da Costa que están coma nós ou máis endeudados. Hai poucos meses en Carballo pedían un crédito de dous millóns. Ponteceso, Fisterra, Camariñas, Coristanco… Tódolos concellos piden. Outra cousa é que sexa máis soado ou menos soado porque aquí o problema é o mediático. 
En temas culturais o tema por excelencia é o Museo do Mar. ¿Que problemas xurdiron coa empresa adxudicataria da obra?
A oposición no Concello criticaba que non se lle pagara á empresa cando a empresa non fixo aquelo polo que tiña que cobrar. E a proba está en que tivemos que contratar outra para que fixera a obra que eles non fixeron. A nós se nos di que non lle pagamos a unha empresa pero imos ver, ¿como lle vou pagar a unha empresa que non fai unha obra ben feita? Non fixeron as obras nas condicións nas que debían de facelas e tivemos que contratar outra e pagarlle un bo feixe de cartos para que deixaran a obra ben feita.  
¿Cal e o futuro do Museo do Mar?
Nos queremos que a finais de novembro ou decembro estea todo rematado. Sempre intentamos que fora un museo vivo, que non fora un museo simplemente expositivo. Contamos coa axuda da familia de Vidal, que iso xa é un tesouro, e contamos tamén coa colaboración tanto a nivel local como a nivel de outros museos para facer un museo vivo no que a xente participe, non que simplemente pases por alí e vexas senón que sexa vivo.  
Outro tema polémico, desta volta en terreo deportivo, é o do campo de fútbol…
Co campo de fútbol tivemos un problema. Os corenta metros do peche estaban dentro do tema de Costas, da Xunta. Pedíuse o permiso porque a lei só permite facer un muro dun metro e ó final nolo denegaron.  
Hai unhas semanas saía á palestra o ex alcalde Antonio Castro e dicía que a parcela do campo de fútbol é de titularidade privada e non ten a debida calificación urbanística…
A Deputación por lóxica non dá un diñeiro senón se xustifica a actividade do terreo. No que se refire á titularidade asinouse un convenio coa anterior propietaria. En canto ó tema urbanístico insto ós que acusan a que repasen o Plan Xeral. 
Dende TeGa, a súa voceira, María Vázquez Lavandeira botaba á  culpa ó seu goberno de que o concello estivera tantos anos sen campo de fútbol. Incluso chegou a traer algún xogador do Deportivo para chama-la atención da sociedade ¿Que pasou para que Laxe estivera tantos anos sen campo de fútbol?
Tiña que explicar ela porque quedamos sen campo de fútbol, por qué se fixo o centro de ESO alí cando en principio estaba proxectado facelo onde está a piscina. Eu desa señora non quero nin falar porque aquí semella que estamos nun país hipnotizado. ¿Por que se pelexou por facer alí o campo de fútbol? Porque era a opción mellor. María declarouse partidaria de facelo na Ínsua. Eu non sei se a Ínsua é un lugar idóneo, xa non entro en físicamente, senón no tema ecolóxico. É unha barbaridade. Se se pelexou para conseguir o campo onde está é porque non queremos un campo de fútbol. Queremos un campo ó que se lle quite a máxima rendabilidade social no tema deportivo, e qué mellor que un campo de fútbol estea a carón dun colexio, para que a través da ANPA e do colexio, sexa utilizado polos alumnos e as alumnas que están no colexio de Laxe. O sentido non é ter quince ou vinte persoas que adestren alí. É a utilización máxima por parte dos alumnos e as alumnas e que eles poidan utiliza-lo campo de fútbol tódolos días.
En canto ó mediático do asunto, estamos nun país de foto. Ninguén se acorda da xente que traballa. Nos medios de comunicación eu non vexo que fale un labrador, un mariñeiro, un carpinteiro, ou un albanel. Agora todos entendemos de todo e todos opinamos de todo.
Xa está  ahí o campo, pero ¿vai volta-lo Laxe a xogar?
Si. Xa tivemos contactos coa xente e teño claro que si, pero insisto, a esencia non é que só xogue o Laxe. A esencia é que se lle saque a máxima rendabilidade e uso deportivo a través dos alumnos e alumnas do colexio.  
¿Que valoración fai das actividades culturais e deportivas que ofrece o Concello?
As actividades están ahí. Eu non teño nada que comentar, quen o ten que comentar é a xente. O que podo dicir é que recibimos unha gran cantidade de felicitacións tanto de xente de aquí como de xente que nos visita e podo demostralo. Eu falo con documentos, non falo de palabra. Ás veces é cuestión de vende-lo produto e en política non tes que vende-lo produto. Ten que valora-lo produto a xente.  
Os concelleiros de Cultura e Deportes deixaron os seus postos. ¿Que aconteceu?
Iso é como toda cousa na vida. Hai diverxencias, non se está de acordo e o único que lles desexo e sorte nas súas vidas.  
No tema medioambiental destacan as actuacións na Ínsua e en Traba. ¿Que valoracións fai ó respecto?
(Procura unha carta entre os seus papeis) Esta é unha carta dun alcalde de Italia que veu aquí hai trece anos e voltou hai uns meses. Nela nos felicita polo progreso que tivo Laxe en varios aspectos e sobretodo no tema ambiental. ¿Que Concello da Costa ten máis áreas de recreo que o de Laxe? Ás veces é discutir se agora quenta o sol ou agora é de noite. Non o digo eu, está ahí, e destas probas teño varias. Nós entramos aquí e había dous vertedoiros na Ínsua. Pechouse o de arriba e quitouse o de abaixo. Foron máis de 5.000 toneladas de lixo as que se quitaron de alí, no paseo que vai á Furna da Espuma. O que era a Ínsua hai dez anos e o que é hoxe non ten nada que ver. Nós non estábamos gobernando cando iso estaba en mal estado.
Sobre a Ínsua tamén temos un proxecto que presentamos na Xunta (que por certo, non nos deron un peso). Consiste en facer unha área de descanso entre o miradoiro dos voluntarios e o vertedoiro de arriba. A nosa intención é facer un paseo peatonal e despois facer unha área con xogos para os nenos e mesas e bancos para a xente maior.  
E o noso proxecto para a zona da Ínsua. O que di algún membro da oposición é un contrasentido. ¿Como se vai facer un campo de fútbol na Ínsua? Iso ten que ser un lugar de ocio, que é o que estamos conseguindo dende que nós entramos. É un contrasentido que digan que non se fai nada cando eles querían facer alí o campo de fútbol, algo que é ilegal e non o permite a lei. Eles mesmos se contradin.
En canto á Traba están ahí as obras. Eu penso que é a xoia da coroa de Laxe. O que se procurou foi dar un maior servizo tanto ós veciños do Concello como ós visitantes. 
E xa para ir rematando gustaríanos coñecé-lo seu parecer sobre algúns temas de interese para toda a Costa. Hai uns días saltaba á  luz a polémica en torno ó emprazamento da ITV, o que provocou a marcha de Zas de Neria. ¿Cal e a súa opinión acerca dos grupos supramunicipais como Neria?
Laxe e Neria seguen sendo socios pero eu levo moitos anos sen ir alí porque non estou de acordo co funcionamento. Os grupos de acción local non poden aborda-la política de ningún partido. O que pasou co GAC é vergonzoso. Non están representados os minusválidos na dirección. Non está representado ningún técnico de turismo. E iso ocorre porque hai pelexas políticas por ocupar os cargos, e iso é o que non pode haber. Os grupos de acción local como GAC, GDR ou Neria teñen que ser totalmente apolíticos. Non somos capaces de sentarnos nunha mesa e deixar a chaqueta política fora do local. O interese de todos existe senón hai intereses políticos. No momento en que haxa intereses políticos xa non hai nada que facer. Eu non teño problema en que as cousas vaian para un lado ou para outro pero hai que estudalo.
Cando foi o tema do parador, Laxe apoiou a Ponteceso cando se dicía que Balarés era o sitio idóneo. Eu non tiña ningún interese particular porque se non beneficia á Costa da Morte en xeral é un erro. A nós nos beneficia enormemente a Mostra do Encaixe de Camariñas. Eu apoiareina toda a vida a morte porque a maioría da xente que vai ó Encaixe a Camariñas pásame por Laxe. Os técnicos son os que teñen que estudar os proxectos e todos debemos apoiar as decisións.
Algo falla neste tipo de asociacións dende o momento en que hai pelexas políticas para conseguir as directivas dos grupos, algo falla. 
¿Que opinión lle merece a supresión de certos servizos na zona como o helicóptero de Salvamento de Cee, que a Xunta a achaca á austeridade?
Vou contestar con outra pregunta. ¿Que pasaría se esa supresión a fixese o goberno anterior? Son cousas que non teñen sentido. ¿Cómo imos suspender un servizo que xa estaba proxectado e aprobado? Suspéndeno e non pasa nada. Agora ben, se o suprimira o goberno anterior estaríamos falando doutros asuntos. 


28 septiembre 2009

Entrevista co alcalde de Laxe en RN, RR e QPC.



Continúa a aposta das radios comunitarias da Costa da Morte pola información. Desta volta, e unha vez retomado o curso político, tivemos a ben entrevistar ó alcalde de Laxe, o socialista Antón Carracedo, traballo do que se encargou Fran Lago.

O rexedor fixo connosco balance do que foi a primeira metade da lexislatura na vila das Mareas Vivas. Temas como a polémica co PXOM, a construcción do campo de fútbol, o futuro Museo do Mar ou a recuperación ambiental na Ínsua e en Traba centraron a charla co máximo mandatario do consistorio laxense.

O propio Carracedo recoñecía que non é moi amigo de conceder entrevistas porque segundo di, "prefiro traballar polos meus veciños a saír continuamente nos medios", pero connosco, fixo unha excepción...

Poderán escoitar o máis salientable da entrevista con Carracedo no boletín de novas deste martes, 29 de setembro, e poderán ler todo o que nos dixo en quepasanacosta.com nas vindeiras horas.

23 septiembre 2009

Boletín de novas, facémolo para que o escoites ti.

Durante a segunda quincena de setembro Fran Lago encárgase do boletín de novas de radiONeria e Radio Roncudo de luns a domingo.

Cada día saímos á rúa na procura da noticia, falamos coa xente pra coñecer as súas opinións e inquedanzas e logo reunímonos todo o equipo e facemos un completo informativo local.

Queremos ser a túa voz e queremos que nos escoites, porque temos cousas que contarche.

Só tes que premer na ligazón que hai aquí abaixo. Logo daslle a aceptar e listo!

  • Escoitar Boletín de novas
  • 03 septiembre 2009

    Informativos en RadiONeria e Radio Roncudo

    Cada día nos boletíns de novas de Radio Roncudo e RadiONeria, contámosche o que pasa na túa vila, no teu concello e na Costa da Morte, sempre da man do equipo de quepasanacosta.com Ademáis botámoslle un ollo á axenda cultural e á actualidade deportiva da Costa.

    De luns a venres, ás 8h00, 9h00, 10h00, 15h00 e 19h00, presentados por Iván Pereira.

    Os sábados e domingos ás 12h00, 15h00 e 20h00, presentados por Fran Lago.

    Escóitanos cada día no 106.1 da FM en Terras de Bergantiños e no 107.8 da FM en Terras de Fisterra.

    Radio Roncudo e RadiONeria [106.1 e 107.8 da FM]

  • Escoitar Boletín de novas
  • 31 agosto 2009

    Corcubión encontrouse coa regueifa e o hip hop


    O pasado sábado 29 de agosto de 2009 tivo lugar en Quenxe a Festa da Praia e o I Encontro entre Regueifeiros e Rapeiros da radiONeria de Corcubión. O fútbol praia, coma cada ano, foi a actividade máis seguida, pero a festa tivo moito máis a pesar da pouca implicación do pobo corcubionés.


    Regueifa



    Encargados de abrir o telón do Encontro e achegar a regueida ata o sur da Costa da Morte foron Suso de Xornes e Guillermo da Rabadeira. Son 2 dos 4 únicos regueifeiros que quedan na provincia da Coruña. Naturais de Coristanco están a traballar arreo para manter viva esta tradición oral tan galega.


    Suso e Guillermo sacaron de retranca e improvisaron esas coplas de 4 versos que tanto gancho teñen. Ata algún rapaz atreveuse a soltar uns versos, algo picantes de máis, iso si. Deste xeito, a regueifa achegouse a unha zona onde poucas veces se vira, e fíxoxe coñecer.


    Concertos



    Pepe Piña mostrou a súa visión de clásicos de Simon and Garfunkel ou os Beatles. Foi o ceense LeöKch (arriba), colaborador da emisora municipal de Corcubión, o que puxo os primeiros compases á sesión de hip hop. Ante un séquito de seguidores, Leo demostrou o seu bo facer ante o micro.



    Logo pasou o coruñés Dria (aquí enriba á dereita da imaxe), que lle botou arrestos. E pecharon os lucenses Cuando alguien esconde sonrisas, de Hip Hop Real Producciones. Kaos como MC e Karma Sound aos platos (aquí abaixo) repartiron un concerto de primeira calidade. Letras curiosas e unhas bases impresionantemente traballadas por Karma Sound.



    Sesións de pincha



    A xornada pechou cunha pequena sesión dos Djs da radio municipal corcubionesa. Dj Alan e Jaky Dj (do programa Super Freak Night Show), José Lemur (do Fantasma accidental) (os 3 na primeira foto), e Iván Pereira (na última foto) de Fórmula Neria) puxeron último toque.


    Pouca resposta


    A mocidade corcubionesa non respondeu á oportunidade. Un mocidade coa que non se contou para organizar este evento, ao que respondeu coa maior indiferencia. Ademais, un sector da mocidade da vila de San marcos chegou a sentirse ofendida pola presencia de artistas do outro lado da ría, e de ningún corcubionés, pero cabe lembrar que as xentes de Cee son as que están a tirar do carro neste intento de revitalizar a radio municipal.


    Os colaboradores da radio terán que reflexionar sobre como involucrar á mocidade do concello na emisora municipal.

    18 agosto 2009

    Festa da Praia de Corcubión


    I Encontro de regueifeiros e rapeiros da radiONeria


    O vindeiro sábado 29 de agosto de 2009, a radiONeria e o Concello de Corcubión organizan a Festa da Praia na praia de Quenxe.

    A festa servirá para a realización do I Encontro entre Regueifeiros e Rapeiros da radiONeria. O primeiro intento de achegar a regueifa, tan típica na zona de Bergantiños, á mocidade do sur da Costa. Para elo contamos con dous dos regueifeiros máis auténticos da zona de Bergantiños: Suso de Xornes e Guillermo da Rabadeira.

    OBRADOIROS
    As actividades comezarán pola tardiña, cando están programados os Obradoiros de regueifa impartidos polos regueifeiros Suso de Xornes e Guillermo da Rabadeira. Os obradoiros están destinados a dous públicos: un para cativos, e outro para a mocidade e o público en xeral.
    Ao remate dos obradoiros, arredor das 19:00h da tarde, ambos regueifeiros farán unha demostración do seu saber.

    CONCERTOS
    A festa continuará pola noite coa actuación do grupo Pepe Piña (http://www.myspace.com/pepepina), prantexado para ás 21:00h.

    E ás 23:00h chegan os rapeiros.
    Abrirá a rolda LeöKch (http://www.myspace.com/leokchmc), ó que lle seguiran Dria e Hip Hop Real Producciones (http://www.myspace.com/hiphopreal).


    SESIÓN DE Djs
    A xornada finalizará cunha sesión dos Djs da radio municipal corcubionesa. Serán Dj Alan e Jaky Dj (do programa Super Freak Nigth Show), José Lemur (do Fantasma accidental), e Iván Pereira e Sir Isaac (de Formula Neria e Zona de Baile).

    Todo esto estará amenizado polas actividades deportivas artelladas polo concello e demais.

    Programa do I Encontro entre Regueifeiros e Rapeiros da radiONeria

    Pola tarde:
    - 17:30: - Obradoiro de Regueifa para cativos con Suso de Xornes
    - Obradoiro de Regueiga para o público en xeral con Guillermo da Rabadeira

    - 19:00: Demostración de Regueifa con Suso de Xornes e Guillermo da Rabadeira.

    - 21:00: Pepe Piña

    - A partir das 23:00h actuación de rapeiros:

    • Leö Kch
    • Dria
    • Hip Hop Real Producciones.
    - Fin de Festa: Sesións dos Djs da radiONeria.

    05 agosto 2009

    Resultado da enquisa realizada

    Con 14 votos, vemos que se nota o periodo de vacacións.

    Os resultados foron os seguintes:

    - O bloque de música indie e 70-80-90 son os que máis votos levaron unicamente con tres.

    Casualmente o bloque dos 70,80 e 90 é o que soa de 3:00h a 6:00 da madrugada.

    - Con 2 votos, o bloque de pop e o bloque de música dance.

    - E únicamente cun voto, bloque música gallega, músicas do mundo, grandes exitos e dance remember.

    29 julio 2009

    Novidades na programación de radiONeria

    Vimos de crear unha nova franxa de programas da emisora, incluindo estes tódolos días entre a 13:00 e ás 15:00h da tarde. Queremos así fidelizar aos nosos oíntes para que relacione a hora do día coa clase de programación hai na radio.
    Así, os luns, tocalle o turno aos programas Realidade e Soños e Pensar e Soar, que soan tamén os mércores ás 11 e as 10 e media da noite.
    Para os martes, emíte Funkmanía, que soa cada domingo ás 12 da noite.
    Os mércores, ás 14:00, o Canto Familiar, con Pili Allariz.
    Os xoves, toca Maló será, dende a emisora QuackFm.
    Cada venres ás 14:00h da tarde volve O Fantasma Accidental, que tamén aparece os mércores ás 21:00 da noite.
    O sábado chegan dous programas dende Corme A Maquina do tempo, o novo espacio de Fran Lago sobre a música de sempre, e Escrita, cos sentidos contos de Paco Souto. Pola tarde, a repetición do programa Fórmula Neria con Iván Pereira e Zona de Baile con SirIsaac.
    O domingo é a hora da xuventude, No intro volve con forza para ter atenta a toda a rapazada da bisbarra con entrevistas e boa música.

    Consulta a nosa grella de programas:

    RadiONeria facendo vibrar as ondas do mar, dende sempre no 107.8 da FM

    22 julio 2009

    "A máquina do tempo" chega a RR e RN

    Espazo de música dos 70, 80 e 90

    Fran Lago, que tamén dirixirá os boletíns da fin de semana, invítate a escoitar a mellor música dos 70, 80 e 90 na Radio Roncudo e Radio Neria. Para elo tés unha cita os sábados ás 12:00 nas radios comunitarias da Costa da Morte.

    Este verán, "Ti mesmo"

    A axenda cultural, entrevistas e música na RR e RN



    Durante este verán, as tardes do luns, son para ti. Por eso che propoñemos unha cita de catro a seis da tarde coa axenda cultural semanal, música e entrevistas. Óscar Rei dirixirá este espazo nos mesmes de xullo e agosto.

    Boletín de novas (22-07-09)

    - A Xunta dá unha semana á UTE da VAC

    - Información turística da Costa a través do móbil

    - Rematou semana saudable dos cativos cabaneses

    - rematou o curso de Risoterapia

    AXENDA
    - A Karavan trae á Fin do Mundo a recompensa do peregrino

    - Corcubión continúa preparándose para o IX Mercado Medieval Costa da Morte

    DEPORTES
    - O deporte cobra sentido na Festa da Praia do Ézaro

    - Hamburguesería London volveu a impoñerse no maratón de fútbol-7 de Zas

    - Deportes náuticos en Ponteceso

    - O Osmo acolleu un campionato de volei-praia

    20 julio 2009

    Os regatistas corcubioneses na radiONeria


    A pasada semana, os rapaces de Corcubión, que arrasaron na I Liga Costa da Morte de Vela, pasaron polas ondas da radiONeria. Os rapaces chegaron co mestre Marcos Trillo ao programa Neria Deportiva, que descansará ata finais de verán.


    Aí estiveron Roberto Coloma, Juan Coloma, Fran Canosa, Jose e Manuel, que falaron sen pelos na lingua de todo o sucedido ao longo da tempada. Ao tempo, ollaron como é unha radio por dentro, un dos obxectivos da radio municipal corcubionesa, que non é outro que achegar a radio á mocidade da zona.


    Podedes escoitar a entrevista na mitade do programa da Neria Deportiva do pasado 10 de xullo de 2007.


    15 julio 2009

    Boletín de novas (15-07-09)

    NOTICIAS:

    - Un novo informe acusa a Ferroatlántica de sacar 600.000 euros de beneficio durante a matanza de milleiros de peixes no 2007

    - 200 tractores da Costa participaron na mobilización do sector gandeiro en Santiago

    - Complicada tesitura en Cee ante o servizo de pediatría

    - O PP aposta definitivamente por Touriñán

    - Muros acolle o único campus de verán da USC na zona

    AXENDA:

    - Corcubión acolle a proxección dun filme sobre o pintor Angel Orcajo

    DEPORTES:

    - Un vento espléndido reinou na última regata da Liga Costa da Morte celebrada en Muxía

    Antes de marchar facemos un chamamento ao pobo de Corcubión, xa que a Comisión de Festas do Mercado MEdieval convoca unha reunión para preparar o Desembarco
    Se queredes participar no Desembarco do Mercado medieval como figurantes, achegádevos este xoves 16 de xullo, ás 6datarde ao Casino de Corcubión. Alí estarán a Comisión e mais os organizadores da representación, para ir preparando os papeis da obra. Lembra, os protagonistas somos todos os habitantes de Corcubión.

    05 julio 2009

    A radiONeria estivo na final Copa da Costa


    No Municipal de Vimianzo estivo o equipo de radiONeria para retrasmitir en directo o choque entre o Soneira e o Ponteceso, correspondente á volta da final da Copa da Costa 2009. O resultado de empate sen goles mostra ás clara que foi un encontro bronco, trabado e con pouco fútbol, pero cun ambiente fenomenal. Máis de 1.700 persoas ateigaron o campo, para festexar a Festa do Fútbol da Costa, que cada ano ten cita na final da Copa.
    Arriba vemos aos colaboradores e responsables da radiONeria na cabina que o concello de Corcubión conseguíu tras longas negociacións dos colaboradores da emisora coa directiva vimiancesa. Vemos na cabina, de esquerda a dereita, a Nito, adestrador do Pereiriña e colaborador desta casa, un ano máis; Xabi González, director en directo da retransmisión; Carabanda, de pé, outro dos nosos colaboradores; Adrián Leira e Álvaro Lago, agachados diante da cabina, que se ocuparon das entrevistas a pé de campo. Vemos aquí a Álvaro entrevistando aos dous pichichis da Copa, o soneirán Míchel e o pontecesán Rubén.


    Especial


    O domingo ás 22:30h, Iván Pereira e Álvaro Lago realizaron o Especial da Final da Copa da Costa. Un especial con entrevistas e demais sons do ambiente, que se repetirá o luns e o martes ás 11:00h. O especial pódese escoitar ademais a través do blog da radiONeria, radioneria.blogspot.com.

    01 julio 2009

    -- A FINAL DA COPA DA COSTA 2009 NA TÚA RADIO --



    Como o ano pasado, A radiONeria e a Radio Roncudo vólcanse coa final da copa da costa 2009. A semana pasada dous dos integrantes das dúas radios, Iván Pereira e Álvaro Lago estiveron realizando numerosas entrevistas no Pinguel en Ponteceso e con estas realizaron o Especial da Copa da Costa que poidedes escoitar neste mesmo blog.

    E esta semana non nos quedamos atras. O domingo a partir das 18.30h da tarde no 106.1 da FM (na comarca de Bergantiños) e no 107.8 da FM (na comarca de Fisterra e Carnota) poderás escoitar a retransmisión do partido dende Vimianzo entre o SD Soneira e o UD Ponteceso.

    Os encargados da retransmisión serán:

    Adrián Leira (Locutor)
    Xabi Gonzalez (Locutor)
    Álvaro Lago (Locutor)
    Ubaldo Cerqueiro (Locutor)
    Iván Pereira (Control técnico)

    Especial Final Copa da Costa


    E sobre ás 22:30h da noite, para rematar a xornada de futbol da Costa, analizaremos o que deu de si todo o partido con entrevistas aos diferentes xogadores, directivos e entrenadores dos dous equipos. Este especial repetirase o luns e o martes ás 11:00h da mañá.

    Todo esto na túa radio -- radiONeria 107.8 FM -- Radio Roncudo 106.1 FM -- e por internet a través de radioneria.blogspot.com

    Formula Neria, o programa das cancións dedicadas



    Naceu en Xullo do 2008 como un programa musical dunha hora de duración no cal se poñían as cancións do estilo Pop máis actual xunto con algunha mención o pasado. Estivo durante un ano emitíndose as 4 da tarde do sábado.

    Xa no 2009 pasa a emitirse unha hora máis tarde, dende as 17h. Iván Pereira iniciaba unha nova tempada cun cambio de formato con novos estilos musicais, seccións e entrevistas. Fórmula Neria convertíase no programa das cancións dedicadas.

    Na actualidade, Fórmula Neria leva xa 4 tempadas en antena e cada vez son máis os ouvintes que se conectan cada tarde de sábado para escoitalo. Un espazo de radio no que o importante é a persoa que está o outro lado da radio o da rede xa que ten a oportunidade de dedicar cancións e mandar saúdos a través do teléfono da radio o 981746701 e a través das redes sociais.

    Redes Sociais:

    En tuenti podes agregalo como Formula Neria Radio.

    No Facebook Formula Neria ten creada unha páxina oficial no que cada semana se colgan os programas emitidos e novedades musicales.

    Tamén está en Twitter, o podes atopar como @Formulaneria.

    Horario:

    Os Sábados de 14:00 a 19:00 horas (Directo)

    Os Xoves de 21:00 a 24:00 horas (Repetición)

    Presentado por:

    Iván Pereira

    Descarga o programa da pasada fin de semana:

    Escoitar Formula Neria (08-09-2012).

    Descarga anteriores:
      ! RadiONeria 107.8 Fm e Radio Roncudo 106.1 Fm !

      Boletín de novas (01-07-09)

      NOTICIAS:
      - Mar quintuplica a tripulación do helicóptero de Salvamento

      - Dez artesáns continúan mantendo vivos os seus oficios no Castelo de Vimianzo

      - Xuntanza dos Maiores de Cee no Monte de San Pedro

      AXENDA:
      - Volve ruxir a voz dos Irmandiños

      - E imos ca XVII Festa do Percebe do Roncudo

      - Comezan as actividades de verán en Ponteceso

      DEPORTES:
      - Doblete do Nantón en Veteranos

      - Carnota celebrouse a festa do fútbol base

      E antes de marchar lembramos a programación para hoxe en radiONeria e Radio Roncudo. As 11:00 chega o programa Bolboreta, e ao mediodía, ás 14:00 temos a pili Allaríz e o seu Canto Familiar. Xa pola noitiña, ás 9danoite, achégase á Costa o Fantasma Accidental, un programa con música sen complexos para xente sen complexos da voz de José Lemur. Ás 10emedia, Javi Turnes en Pensar e Soar, en clave de blus. E antes de pechar o día, Manolín fai o seu canto á Galicia e ao galego, con música do país e poemas de Celso Emilio Ferreiro en Realidade e Soños. Ao remate, soará o Bloque de Músicas do Mundo.

      24 junio 2009

      Boletín de novas (24-06-09)

      NOTICIAS:

      - Volta a polémica en torno á suposta piscifactoría de Touriñán

      - Comezaron as IV Xornadas de Pesca do Pindo

      - Vimianzo comeza as Xornadas de Dinamización cunha charla sobre Gastronomía Histórica

      - Xa está a venda a terceira edición de "Cogomelos de Galicia"

      - Hoxe coñeceremos a resposta da Caixa Galicia aos veciños de Lira"

      - Baio renovará as rúas comerciais coas axudas da Deputación

      - O concello de Cee organiza un novo Obradoiro de creatividade para nenos

      DEPORTES:

      - Última semana para inscribirse no Maratón de Fútbol 7 de Vimianzo

      - Vimianzo e Cabana preparan as súas asembleas para esta fin de semana

      - A Asociación Xuvenil Cherinkas abre o prazo dunha nova edición do Roland Esgarros

      E lembramos a programación de hoxe mércores. Ás 11:00, temos o programa Bolboreta. Ás dúas da tarde, chega Pili Allariz con O Canto Familiar. Xa pola noitiña, José Lemur presenta O Fantasma accidental, para os amantes da música ecléctiva. Máis tarde, ás 22:30, Javi Turnes e Pensar e Soar, e ás 23:00, unha nova entrega das poesías do noso poeta Manolín, en Realidade e Soños. Para ir durmir, o Bloque de Músicas do Mundo a partir das 12danoite.

      12 junio 2009

      Boletín de novas (12-06-09)

      NOTICIAS:

      - Presentado oficialmente O PROXECTO DE CONCELLOS SAUDABLES DE CABANA E ZAS PARA O 2009

      - Mañá preséntase a “Escola-Obradoiro de Vela da Costa da Morte

      - Laxe conta cunha nova Ruta de camiñada homologada

      - A comisión organizadora do Mercado convoca unha reunión

      AXENDA:

      - Cine de Corme, Festas do Corpus en Brens, festa na Pereiriña, a festa do San Antonio de Xallas, Concerto de jazz en Vimianzo, Concerto de jazz en Vimianzo, Clausura das Escolas de Teatro de Ponteceso

      DEPORTES:

      - Comezan as semifinais da Copa

      - O Unión Clube Cee busca talentos

      Lembren, esta mesma mañá, ás 11:30 na Radio Roncudo, e ás 12:15 na radiONeria, a familia Aspadex pasa polas ondas. A tertulia será acerca das pasadas Eleccións Europeas, e estarán aquí Chicho, Jose e Junquera, acompañados coma sempre de Carina.
      Máis tarde pola tarde, ás 16:00 a cita deportiva da semana: Neria Deportiva. Pola tardiña, ás 20:00 Brais co Estilo Libre repasa a actualidade do hiphop, e ás 22:00 da noite, DJ Alan e Jaki DJ presentan Super Freak Night Show.