21/12/11

Manolín presenta o seu novo libro de poemas en Corcubión



Manolín ten novo libro: "Os abismos do corazón". O seu segundo libro, e de novo, a poesía, a súa gran paixón alén do fútbol, é a protagonista.


Este venres, poderemos disfrutalo na súa esencia: recitando. Seguindo os parámetros de retransmisión do seu programa na radiONeria Realidade e Soños. Será no Recital poético-musical que ofrecerá este venres 23 de decembro de 2011, ás 20:15h na Casa da Cultura de Corcubión.


Non estara só o poeta costeiro. O acto será presentado polo xornalista muxián da Radio Galega, Xusto López Carril. Ademais, intervirá a cantautora María Dolores Oliveira, fillo do propio Manolín, que nos deixará degustar da súa voz e a súa guitarra coas cancións de toda a vida que tanto prestan ao seu pai.


Ademais, actuará o Grupo de Baile Nerio de Corcubión, que farán unha fermosa e novedosa escenificación do poema "A la izquierda del roble", de Mario Benedetti, un dos seus potas favoritos.



Máis información


01/11/11

Unha seria oferta de entretemento para a fin de semana

Con Music is Life, a radiONeria pretende conformar unha oferta de calidade para as fins de semana. Para tal efecto, conta cun dos buques insignia da emisora para comezar a tarde, como é Fórmula Neria (sábados de 17:00h a 19:00h). O espazo que dirixe Iván Pereira está a comezar unha nova tempada con moitas novidades (tamén musicais) e co respaldo da audiencia, visible a través das peticións musicais recibidas edición tras edición.

Outra das novidades é o cambio de horario do Un Máis Un. O espazo que dirixe Saulo Fernández emitirase a partir de agora cada sábado, entre as 19:00h e as 20:30h (en redifusión os domingos de 12:00h a 13:30). Fernández contará esta tempada con novos colaboradores, novas sección e unha maior presenza de información.

Italian Style pon o punto final á tarde musical de sábado na radiONeria. Trátase dun programa baseado nos estilos máis dance, que está dirixido por un dj de recoñecido prestixio no noso país como é Dj Charlie. O subidón da fin de semana chega ás 22:00h do sábado, nun espazo que se emite en máis de seis estacións e cadeas de radio en toda España, máis de tres en Latinoamérica e en máis de dúas radios online.

26/10/11

Music Is Life, nova aposta da radiONeria para as tardes da fin de semana


A radiONeria vén de estrear un novo proxecto para as tardes da fin de semana. Trátase de Music Is Life, un espazo no que repasaremos ao longo de noventa minutos os temas que nos levan cada fin de semana á pista de baile do noso local de copas. Os estilos latino, dance e pop conforman este tempo de radio. Ademáis contarán con entrevistas e moitas máis sorpresas.

Trátase dunha previa do sábado noite, e para tal efecto, Music Is Life conta coa dirección de dous homes que coñecen moi ben as noites de festa na nosa zona. Eles son MD Project, ou o que é o mesmo, Lema Dj, chegado dende o pub Mikos de Santa Comba, e Manusoul, aterrado dende o Buda Gold de Ordes nas ondas da radio municipal de Corcubión. Music Is Life emitirase cada sábado entre as 20:30h e as 22:00h.

Escoita directamente o programa de esta semana

Music is Life (10-12-2011)



Descarga anteriores:

01/10/11

Fórmula Neria celebra o seu terceiro aniversario cunha festa en Zona Zero


Neste outono de 2011 cúmprense tres anos da estrea dun dos programas máis veteranos e con maior seguimento da radiONeria. Trátase de Fórmula Neria, un coidado espazo musical centrado nos sons de rabiosa actualidade e baixo a dirección de Iván Pereira. Todo un record de duración nestes tempos nos que ningún medio pode evitar problemas de mantemento.

Pois ben, co gallo deste cumpreanos, o vindeiro sábado, 8 de outubro, a Discoteca Zona Zero de Cee acollerá unha gran festa baixo a dirección musical do autor deste tempo de radio. Será Iván Pereira a estrela da festa, e quen faga vibrar a toda a mocidade da Costa da Morte. A filosofía da festa vén sendo un programa de Fórmula Neria trasladado por unha noite á pista de baile. A diversión está asegurada, sempre cun gran catálogo de estilos musicais: Pop, música latina, e coa calor da noite un pouco de caña para desfasar con estilos como o electro ou o Hands Up. Éste será o menú musical para unha noite, que promete ser inesquecible para moitos.

Iván Pereira non estará só aos mandos musicais da Festa de Fórmula Neria. O colofón da noite virá co novo grupo de dj’s Magic Sound Group. Prometen musicón a tope os membros deste proxecto musical de recente creación. Trátase do fisterrán Martín Romero e o carballés Rubén Casás. Ambos estudan na Coruña e gustan de todo tipo de música House, pero facendo especial fincapé en varios sub xérenos como o Club, Comercial, Electro ou o Progressive.

Tomade nota xa da cita, que comezará na medianoite do vindeiro sábado. Tamén repartirán agasallos entre os asistentes e haberá moitas sorpresas.

Fórmula Neria nacía nun outono de 2008 ante as inquedanzas radiofónicas de Iván Pereira, un rapaz natural de Cee. Pereira encargouse de varias tarefas ao longo deste tempo na emisora, dende a continuidade da emisora, ata o control técnico de varios dos seus espazos. Pero os seus maiores esforzos centráronse en Fórmula Neria. Ante a falla de atención do Concello de Corcubión para coidar da radiONeria, emisora municipal, Pereira formou parte do grupo de colaboradores que tomaron a iniciativa para manter viva a emisora decana da bisbarra. Todo ata o día de hoxe, no que Fórmula Neria convertiuse nunha sólida oferta de lecer radiofónico para a fin de semana na Costa da Morte.

Escoita a cuña promocional da festa: