29 marzo 2022

As Conversas do Moucho, o novo programa de radiONeria e Radio Roncudo

Miguel Vázquez Freire volve ás ondas da radio municipal de Corcubión cunha nova serie de conversas con filósofos e autores de libros de ensaio e pensamento galegos. Serán conversas longas, demoradas, que irían aparecendo semanalmente en varias entregas mais en todo caso editadas de tal xeito que cada entrega non se prolongue alén dos 30 minutos.

A diferenza das conversas que emitimos nos programas anteriores do Moucho, a idea é coidar algo máis as pausas musicais. 

O primeiro entrevistado é alguén que xa pasou polas ondas da emisora, Brais Arribas, filósofo, ensaísta e profesor galego, que vén de publicar o seu último libro Transhumanismo: Tecnociencias e antropotecnias (Euseino?, 2021)

O programa emitirase cada mércores ás 20:30h no 107.8FM nas terras de Fisterra, e neste mesmo blog para todo o mundo.