23 septiembre 2023


PROGRAMA ESPECIAL "ONDA ODS. EMPEZA POR TI."DESDE A CAPELA DO PILAR DE CORCUBIÓN.

 “Onda ODS. Empeza por ti” comezará en Corcubión o sábado 30 de setembro cun programa de radio en directo e con público desde a antiga capela do Pilar. O espazo prolongarase entre as 10 da mañá e a unha do mediodía contando coa participación do movemento asociativo da comarca. Radio Neria súmase así á iniciativa de 240 medios locais para sensibilizar contra o cambio climático e por un mundo máis xusto.

Divulgarán os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel fixados pola ONU para a defensa das xeneracións futuras. “Estamos nun punto de inflexión das civilizacións e debemos coidar a saúde do planeta e tamén a da rapazada, da xente maior e de todos os países do mundo” afirman os promotores da iniciativa. Grupos en Corcubión, Fene e Moeche intentarán trasladar á vida cotiá os grandes obxectivos da humanidade. Realizarán podcasts e programas audiovisuais en torno a esa temática sempre co telón de fondo da participación cidadá. 

“Onda Ods. Empeza por ti” é unha iniciativa de Emisoras Municipais Galegas, Emisoras Municipales de Andalucía, RTV Cardedeu La Xarxa de Catalunya e a Rede de Medios Comunitarios. Conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.


20 septiembre 2023


 

Representantes das emisoras municipais do estado reúnense en Corcubión

 

Representantes das redes de radios locais do estado reuniranse este xoves en Corcubión. Radio Neria actuará como anfitriona nun evento no que participarán as Emisoras Municipales de Andalucia, RTV Cardedeu- La Xarxa de Catalunya, Emisoras Municipais Galegas e a Red de Medios Comunitarios. EMUGA coordena esta reunión onde os representantes das redes examinarán a marcha do proxecto “Onda Ods Empeza por ti” que desenvolven de xeito conxunto desde o pasado mes de abril. A xornada desenvolverase ao longo do xoves na Casa da Cultura de Corcubión.

Tanto Toño Casais (Radio Neria) como Henrique Sanfiz (Radiofusión) expuxeron no pasado mes de xuño a intención de transformar a radio local nun centro de produción de audio e nun punto dinamizador da comunicación na comarca. Nunha xuntanza co movemento asociativo, celebrada no Clube Marítimo Carrumeiro, repartíronse exemplares de "Comunicándonos. Guía práctica para a elaboración de contidos audiovisuais e pódcast relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel". "Onda Ods Empeza por ti" é unha iniciativa das Emisoras Municipais de Andalucía en colaboración coas Emisoras Municipais Galegas, a Xarxa de Catalunya e a Rede de Medios Comunitarios. Conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Na xuntanza de xuño tamén se falou do exitoso pódcast "Lo que tu digas" impulsado polo mozo natural de Corcubión Alex Fidalgo que xa supera os 10.000.000 de descargas e que conta con 280.000 seguidores en YouTube, 190.000 en Instagram e 10.000 en Twitter.