30/4/10

A praia artificial e o Campo do Rollo a debate en O Ronsel

Logo de dúas semanas de parón involuntario, voltou O Ronsel coas pilas ben cargadas. Este xoves, o programa informativo das radios comunitarias da Costa puxo sobre a mesa dous dos temas que marcan a actualidade en Corcubión: o proxecto da praia artificial e a reordenación do Campo do Rollo. Polo programa pasaron os voceiros dos tres partidos con representación no Concello. Iremos traendo ata esta bitácora nos vindeiros días as visións de todas as forzas políticas. Hoxe comezamos coa entrevista que o noso compañeiro Óscar Rey, facíalle a Óscar Insua (na foto), voceiro do BNG.
  • O BNG está en contra do proxecto da praia artificial...
O BNG dende sempre se puxo en contra dun proxecto que consideramos que non ten futuro para Corcubión e que supón un despilfarro de cartos para as arcas públicas. Todos coñecemos a praia de Cee e para o que vale, e aquí o alcalde se empeña en facer unha praia artificial con area de caolín en vez de rexenerar a ría. Aínda en tempos de crise hai que manter os postos de traballo que iso xera, que seguramente pódense xerar aínda máis dos que hai. É mellor investir o cartos para producir, e non para algo que todos sabemos que non vai servir para nada.
  • ¿Cal é o traballo que leva feito o BNG sobre o asunto?
Como adoita facer o alcalde, fíxose todo por atrás da xente. Comezou a falar co Ministerio e con Costas para levar cara adiante este proxecto. A xente foise enterando cando saíu o proxecto de información pública. Sen embargo el non falou con ningún dos veciños para coñecer o seu parecer. A partir de aquí é cando nós comezamos a mobilizarnos porque nos enteramos que hai este proxecto.

Fixéronse unha serie de alegacións por parte das mariscadoras. Despois creouse unha plataforma, pero antes xa se levara o asunto ao pleno da corporación para ser aprobado o proxecto. Dito pleno serviu para facer alegacións ao proxecto e no mesmo, a posición foi o rexeitamento con 5 votos en contra por 4 a favor. Sen embargo o alcalde non ten en conta os acordos que se toman no pleno. Temos un alcalde que para estes asuntos é pouco democrático. Non asumiu esta votación e seguiu tirando cara diante.

A partir de aí chegaron os recursos propios administrativos que se fixeron. Fíxoos a plataforma, tamén as mariscadoras, e nós. O recurso foi respostado polo Ministerio negativamente. E xa que no Concello o alcalde non tiña en conta a nosa proposta, levámola a outros foros.

Levámos o proxecto ao Parlamento galego, ao Congreso dos Deputados e á Unión Europea por medio da nosa eurodeputada Ana Miranda. Precisamente vai ser na Unión Europea onde comecen unha investigación sobre a contaminación da ría e onde tamén terán algo que dicir se esa praia vai poder ter a calidade para ser de baño ou non.

No Parlamento galego
se tratou nunha comisión onde o director xeral de Recursos Mariños tivo unha posición moi ambigua porque non se posicionou totalmente en contra. Simplemente dixo que falara co de Costas, que se habería algúns cambios, que bueno…

Entón o PP por un lado se posicionou en contra en Corcubión, no Parlamento galego se posiciona ambiguamente e no Senado solicita que se faga unha nova declaración de impacto medioambiental, que si é necesaria, pero é o último que hai que facer e a Xunta ten competencias para tirar este proxecto cara atrás. Finalmente no Congreso dos Deputados fixeron unha resposta por escrito, que foi unha resposta que lle deron ao noso compañeiro Francisco Jorquera na que dixeron que tiña o pleno apoio da corporación municipal, cando é mentira.

A cousa está así e seica agora non hai cartos, pero o proxecto vaise facer igual. Todo isto con declaracións de prensa e cunha campaña institucional pagada con cartos públicos para vender fume, porque iso non é unha campaña nin nada. Modificar fotos cun photoshop para intentar convencer aos veciños do que vai ser unha praia, non ten nada que ver con aquelas palabras nas que dixera que ía informar aos veciños do que ía ser.

O último trámite que fixemos nós foi a pasada semana, cando instamos mediante os nosos deputados, Carlos Aymerich e Bieito Lobeira, a que se debata unha proposición non de lei na Cámara do Palamento galego, onde se verán os apoios reais que ten este proxecto na Cámara galega, e supoño que en función de como saia esta votación, o PP que é o que agora mesmo ten competencias na Xunta de Galicia, pois será o que teña que mover ficha, e esperemos que o alcalde en función do resultado, tamén mova ficha e arquive o proxecto.


  • As obras do Campo do Rollo espertaron debate entre os veciños sobre o resultado das obras. ¿Cal e a posición do voso grupo político?

O alcalde fai todo como normalmente acostuma. Primeiro ás escondidas e de súpeto nos soprende a todos cunha barbaridade. O que están facendo no Campo do Rollo non ten ni pés nin cabeza. Que queira reformar unha praza ao seu gusto pode pasar, pero que tente cortar todas as árbores do Campo do Rollo non pode ser. Xa cando se fixo a primeira fase co remodelado do parque infantil, cortaron camelios e dous sauces. Agora xa comezaron os traballos e cortaron o sauce que quedaba, o máis grande, porque din que non ten ningún tipo de valor. ¿Quen son eles para dicir que unha árbore ten certo valor ou non ten valor? Non sei se mercadean con esa madeira, pero iso non se pode facer, sobretodo sen un informe técnico e sen un criterio científico.

Os veciños se viron sorprendidos porque o alcalde non informou. Nós sabiamos que se ía reformar, e cando fora da outra vez xa lle dixeramos que non se cortara ningunha árbore e niso quedaron, o que demostra que o alcalde ten unha palabra que vale moi pouco e non se pode confiar nel. As árbores van comezar a cortalas. A nós parécenos un xeito de terrorismo ecolóxico, porque adicáronse a cortar todas as árbores cantas hai en Corcubión e non repoñen nin a primeira. Eu penso que é unha teima persoal que teñen os concelleiros coas árbores, pero dende logo non é a mellor maneira de relacionarse co medioambiente e sobre todo de defendelo. Din que o alcalde é moi ecoloxísta, pero se esto é ser ecoloxista…

  • A un ano das eleccións, ¿como afronta o BNG os vindeiros comicios de 2011?

Eu coido que o BNG fixo e está a facer un bo traballo na oposición. Estamos facendo unha oposición construtiva e criticando o que se fai mal, pero tamén damos alternativas nos plenos da corporación e levamos alternativas para que se aproben. Penso que o traballo do BNG é intenso ao longo destes últimos dous anos e creo que se afrontan nunha boa posición. Dende logo, eu creo que o Bloque é o partido que é a alternativa de goberno neste concello, e dende logo, os últimos pasos que está a dar o alcalde, ocultando os informes do PXOM, maltratando aos traballadores, da pé a que o BNG váiase consolidando máis e vaia con opcións de poder gobernar ás vindeiras eleccións municipais.

Escoitar a entrevista

26/4/10

Música, cultura e lecer en Neria Weekend


Volven as músicas do compañeiro Fran Lago á radiONeria. E dicimos só as músicas porque certo é que en ningún momento desconectou do tren da información, un tren que cada día poñemos en marcha nesta casa. Pois ben, logo daquela aventura de verán que xa achegara ata estas ondas, nesta primavera vén de poñer en marcha un novo proxecto: Neria Weekend.

Trátase dun grande colector para as tardes da fin de semana, que abrangue músicas, ofertas culturais e de lecer, e o repaso á cara máis simpática da actualidade. A cita é cada sábado ás 20:00h. Xurde así unha alternativa ao fútbol, que monopoliza as radios cada fin de semana. Non obstante, tamén haberá tempo para os deportes, se é o que manda.

Pero o que si colleitará bo protagonismo, sen dúbida algunha, será a selección musical. Unhas músicas que nos levarán nunha viaxe dende os anos 70 ata os nosos días, facendo fincapé no mellor de cada época.

Xa sabes que se o desexas, ti tamén tes a posibilidade de facer a radio. Só tes que poñerte en contacto connosco a través das vías que abrimos cada tarde. Agardámoste!

Neria Weekend:
  • Os sábados ás 20:00h en directo.
  • Os luns ás 20:00h na redifusión.
Podcast:

23/4/10

Os venres pola noite.... Super Freak Nigth Show!


O mellor programa de toda a grella da radiONeria soa no 107.8FM e na 106.1FM os venres ás 10danoite!!!
O Super Freak Night Show, dirixido por Dj Alan emais Jaki Dj, mestura boa música de sempre con boa música de agora, máis en clave indie.

Lembren, os venres ás 10danoite...Super Freak Night Show!!!

Vaia par de sinverjuensas!

18/4/10

Xabi González moderará unha charla con Lotina no Pindo


Será o locutor da radiONeria Xabier González o moderador da chegada de Lotina á Costa. Unha visita que vén da man da Peña Deportivista A´Moa do Pindo, que non para de artellar iniciativa branquiazuis, que liberen a bisbarra da marea branca e azulgrana.
A cita será este luns 19 de abril, ás 16:00 h, no salón de actos do CEIP San Crimenzo de O Pindo, a Peña Deportivista A´Moa, preparou unha charla-coloquio co entrenador do Deportivo, Miguel Angel Lotina e que estará moderada por Xabier Gonzalez, presentador do programa Deportivistas 100x100 da radiONeria. Asistirán como público invitado, tódolos escolares do colexio e mesmo escolares do Colexio San Gregorio de Carnota, ademais de todo aquel que queira participar.

Deportivistas 100x100:
  • A previa dos encontros do Deportivo da Coruña, media hora antes de cada partido na radiONeria.

13/4/10

A mocidade toma a radiONeria


Image

Universidade Cromática das virtudes, así se chama a nova asociación que vén de crear a mocidade corcubionesa. Unha comunidade aberta, de xentes de varios puntos da Costa da Morte, na súa maioría espallados pola xeografía galega durante a semana. Pero non hai fin de semana que non volvan ao reduto costeiro, para seguir artellando o seu completo proxecto.

A mellor nova que podía recibir a radio municipal de Corcubión, a radiONeria, é a chegada deste grupo de xente con gañas de facer cousas. A semana pasada coñeceron de preto como se atopa a emisora e falaron co presidente da Asociación Radio Neria, Xoan Marcos Traba ou (Jaki DJ) para comezar a traballar.

Unhas das actividades que queren recuperar son aquelas Noites Piratas da Radio Neria, que inauguraran os Bakin´Blues e que continuarán os Seaside Band e outras bandas que ensaian no local.

Pero ademais xa teñen predefinido o novo programa que probablemente se denominará Panócticum, o que ve sen ser visto... Lecturas, entrevistas, música... esta mocidade ten moito que dicir.

3/4/10

María Lavandeira (TeGa de Laxe) pasou por O Ronsel

A edila de TeGa de Laxe, María Vázquez Lavandeira, foi a convidada desta semana en O Ronsel. Lavandeira centrouse na importante débeda que está a asolagar o Concello e prantexou as súas solucións. Tamén destacou as "inxustizas" do PXOM, de tal xeito que "decláranse urbanas zonas a carón do río cuxos propietarios teñen unha relación familiar ou amistosa co grupo de goberno e outras zonas de persoas non amigables públicamente do grupo de goberno, declaranse protexidas". Ésta que lles deixamos é a entrevista que lle realizou a Lavandeira o noso compañeiro Óscar Rey.

  • A un ano vista das eleccións, ¿como se atopa o nivel de inversións que Laxe debería ter aplicado nesta lexislatura?

A nivel de inversións a desgraza de Laxe é o empeño que temos. Nas últimas contas que se aprobaron figura que debemos aos bancos 1.537.725 euros. Debemos facturas por 1.328.796 euros e temos un remanente negativo de 1.238.640 euros.

Con este empeño o Concello de Laxe foi declarado pola Deputación da Coruña, que é un organismo coa mesmas siglas que o PSOE de Laxe, en quebra técnica. Ante esta situación o Concello quere acollerse aos apoios do Goberno para pedir un préstamo por riba do que legalmente permitíanlle antes, e vese obrigado a facer un plan de saneamento. Un plan para o periodo 2010-2015 no que só figuran 50.000 euros para inversións reais, e máis de 816.000 euros en gastos de persoal. O noso alcalde, con todo o empeño que temos, subiuse o soldo. Sen embargo a inversión que nos pon nun plan de saneamento vai ser como máximo de 50.000 euros cada ano.

  • Tal como se atopa a situación do Concello de Laxe, ¿cal pode ser a receita para saír deste atolladeiro?

Hai tempo que nun pleno propuxen, antes de que o esixira a lei, facer un plan de saneamento para o que nós nos ofrecemos desinteresadamente a crear unha comisión onde puideramos aportar ideas e formar un equipo entre todos. Fixen esta oferta para a hora e o día que o alcalde puidera. Hai que sentarse nunha mesa e analizar a vila. Temos que comezar pola creación de emprego. Laxe está perdendo o pouco que tiña. De feito lin unha publicación no xornal onde se analiza a renta per cápita por familia de todos os concellos da Costa, e Laxe ten unha das máis baixas.

En Laxe hai programado un polígono industrial. O noso alcalde atrévese a dicir que non está seguro de que un polígono industrial sexa bo para o concello, cando é a primeira pedra para que unha empresa se poida instalar e crear postos de traballo. É moi urxente que se tomen medidas. Nós estamos dispostos a sentarnos co grupo de goberno e a aportar todas as ideas posibles.

  • ¿Cal é a posición de TeGa con respecto ao PXOM de Laxe?

Dende un principio TeGa manifestou nos plenos e nas reunións cos veciños que o PXOM se estaba a facer dun xeito inxusto. Iso vese claramente porque temos terreos que eran urbanos polos que se estaba pagando unha contribución, que quedan como zona verde. Sen embargo si temos grandes intereses en declarar zona urbanizable o Campo do Escaravello para facer unha permuta declarada pola xustiza de ilegal. Incluso no Plan mentíase porque se dicía que ese terreo tiña as rúas con todos os servizos. Non había ningún interese en respetar os terreos que comprara a xente como zona urbana. Decláranse zonas verdes ou protexidas sen problema ningún.

Hai máis inxustizas, como zonas ao lado do río cuxos propietarios teñen unha relación familiar ou amistosa co grupo de goberno e decláranse urbanas. E a carón outras zonas de persoas non amigables públicamente do grupo de goberno, declaranse protexidas. Hai casas antigas que quedan fóra de ordenación e zonas novas declarámolas urbanizables. É moi difícil que un pobo chegue a ver as consecuencias dun plan urbanístico ata que queiran facer algo no seu terreo.
Eu propuxen ao alcalde facer unha publicación por segunda vez, logo da modificación sustanciosa do Plan. Propuxen voltar a facer a explicación por parroquias das distintas zonas e negouse por completo a dar información.

  • ¿Cómo está nestes intres o Plan?

A Xunta aprobou o Plan pero restrinxido o Campo do Escaravello. O Concello queríao urbanizable e a Xunta non o declarou urbanizable. A empresa que tiña a permuta feita volveuse atrás e teñen todo paralizado. En febreiro tiñan que convocar un pleno ordinario que non se convocou. Hai un silencio absoluto pero recurriron por mor do Campo do Escaravello. A obsesión do alcalde de Laxe é urbanizar o Escaravello para vendelo dun xeito oculto a quen el quere e ao prezo que el quere a través dunha permuta. Nós estamos loitando por quitar o Plan adiante, pero ten que ser un Plan con solucións.

Laxe ten un problema moi grande i é que non ten posibilidade de facer un cemiterio. Pois faise un Plan urbanístico onde non se contempla ningunha posibilidade de ampliación de cemiterio tanto en Laxe como en Serantes. En Traba parece ser que o van resolver. En Laxe podíanse urbanizar as zonas que realmente eran urbanas e deixar verdes as zonas do Concello porque non perxudican a ninguén. Nós apoiamos sempre o Plan que estea a favor das familias de Laxe, non a favor dos intereses ocultos dun Concello.

  • Queda pouco para as vindeiras eleccións. ¿Pode haber posibilidade de cambio?

Cando unha persoa se presenta cun proxecto en política sempre ten a ilusión de que o seu proxecto vaise levar a cabo. Teño moitisima ilusión de que haxa un cambio en Laxe porque senón o hai, Laxe vai sufrir unhas consecuencias insalvables. Ao que lle toque vai ter que ter capacidade de consenso. A única solución do pobo de Laxe é que ten que priorizar a solución do problema económico por enrriba de calquera sigla política.

Máis información:

Entrevista ao alcalde de Laxe na radiONeria