29/1/10

O alcalde pasou polos micrófonos da radiONeria

O alcalde de Corcubión, Francisco Javier Lema, foi entrevistado por Adrián Leira no programa O Ronsel, que dirixe Óscar Rey. A entrevista centrouse na xestión do Concello en torno ó acontecido o pasado luns no pavillón municipal, cando o derrubamento dun talud provocaba unha desfeita nun dos muros do polideportivo. O alcalde aclarou que o acontecido podería deberse ás fortes chuvias dos últimos días, engadido a unha mala cimentación. Para reconstruír a infraestructura o rexedor concretou que fan falla preto de 60.000 euros, polo que van instar a toda a corporación municipal, nun pleno o vindeiro luns, a solicitar axudas económicas á Xunta ou á Deputación. Namentres, tódalas actividades no interior do recinto están suspendidas. Éstas foron as verbas de Chisco na radio municipal.

  • ¿Que danos causou o derrubamento do talud no polideportivo?

Na parte posterior do pavillón, na fachada sur, existe un talud que no seu momento, cando fixeron o pavillón, non se reforzou cunha cimentación que puidera soster ese talud e coas choivas que houbo estes días, escurreu a terra e caeron todas as pedras e todo o material que existía na zona alta, o que provocou que coa forza que collen cando caen dende esa altura, derrubara un muro que hai entre columnas da fachada posterior. Esas pedras invadiron o terreo de xogo e o que se fixo rápidamente, antes de que veña a choiva, é quitar todos os escombros para poder pechar con bloques esa fachada.

Iso xa quedou feito, pero o problema xurde co tema de que hai que reforzar ese talud, cun muro probablemente de contención, segundo di o técnico noso. É unha obra custosa pero imos tentar que o luns, que temos un pleno extraordinario, toda a corporación poda pronunciarse e por unanimidade, pedirlle a outras administracións como a Xunta ou a Deputación, que nos boten unha man económicamente para facer ese muro de contención e que non haxa problemas nun futuro.

  • ¿Cal será o gasto?

Nós estamos barallando as posibilidades. Segundo o técnico hai que facer un muro de máis de 30 metros de longo por 6 de alto. Estamos a falar dun custo que pode andar en torno ós 60.000 euros.

  • Vaise levar ó pleno porque é un gasto que non se prevía…

Non é que sexa un gasto que non se prevía, pero o que nesta ocasión pretendemos é que o pleno en unanimidade se pronuncie sobre o asunto e así nos fagan máis caso nas outras administracións.

Noutras ocasións, por exemplo cando foi do muro do talud que quedou detrás da Casa de Cultura, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, se volcou sobre todas estas obras que provocaron as chuvias torrenciais. Naquel momento se declararan zonas catastróficas e había un decreto que contemplaba axudas e indemnizacións ós danos provocados. Nestes momentos, aínda que non haxa un decreto en forma, isto é fácil de ver que foi polas chuvias torrenciais e por tanto, algo sobrevido.

  • As actividades deportivas, ¿están paradas? ¿foron para outro concello?

Neste momento están paradas. A maioría delas detivéronse é dicir, hai inactividade no pavillón. Nós esperamos que a vindeira semana poidamos valorar se non existe risco co talud que quedou alí e por tanto poidamos reanundar as actividades. Alí hai actividades do colexio, de mantemento, para persoas maiores,… A idea é que se poidan reanudar pero neste intre están todas suspendidas.

  • Había unhas goteiras tamén no polideportivo…

As goteiras todavía non se puideron mirar, pero é certo que foron froito das chuvias tan intensas que había. Estamos vendo como podemos arranxalas pero nestes días, ó diminuír as intensas chuvias, as goteiras diminuíron moito, pero aínda non se puxo man para dicir que están arregladas definitivamente.


26/1/10

A música celta chega á radiONeria

Nestes comezos de 2010 están a chegar unha morea de novidades á grella da radiONeria. E unha da que aínda non deramos conta é a incorporación de Aires Celtas, un programa para os amantes da música celta. Nun país como Galicia onde o noso vencellamento a unha gaita é moito maior que noutros rincóns da xeografía peninsular, non podiamos obviar todo o que rodea a un estilo aínda descoñecido para moitos como é o celta. Pero como non só de gaitas vive o home, Aires Celtas tamén dános a coñecer instrumentos coma o Bodhrán ou o Whistle.

E por se fora pouco, este sábado o programa estará adicado ós coruñeses Luar Na Lubre. Poderán escoitar moitos temas do seu último álbum, Ao vivo, un disco que se gravou en directo no teatro Colón da Coruña no que participaron artistas como Diana Navarro, Pedro Guerra, Luz Casal ou Ismael Serrano. Non hai que esquecer o agarimo que lle teñen Luar Na Lubre á nosa Costa con cancións como Costa da Morte ou Camariñas. Ademáis, tamén terán a oportunidade de escoitar unha entrevista coa persoa que puxo a primeira pedra da agrupación, Bieito Romero.

O programa está conducido por Federico Salvador e Juan Armando Salvador, co ap
oio de Lola Sánchez e Javier González.

Lembren a cita:
  • Os sábados, de 11:00h a 12:00h.
  • Os martes, de 13:00h a 14:00h.
radiONeria, comprometidos coa música do país.

18/1/10

Volve O Ronsel

A partires deste xoves, 21 de xaneiro, as radios comunitarias da Costa da Morte amplian a súa oferta informativa. Unha das frontes polas que apostamos dende os comezos deste proxecto é a referida ó eido da información máis cercana, o que acontece máis preto de nós. Para elo puxemos en marcha unha serie de espazos informativos a diario, co respaldo do diario dixital Que pasa na Costa.

Pois ben, esta semana volve ás ondas despoís dun ano de ausencia O Ronsel, un programa de carácter informativo dirixido por Óscar Rey, un dos meirandes apaixoados da radio na Costa. Rey non estará só xa que conta cun bo equipo de colaboradores. Trátase do espazo motor de calquera radio. Información, opinións, entrevistas, análises en profundidade ou reflexións, conforman os 120 minutos dun tempo de radio que cada xoves á noite achegaranos todo o que aconteza na Costa.


Lembren a cita
:
  • Os xoves, de 22:00h a 00:00h en directo.
  • Os sábados, de 12:00h a 14:00h en diferido.
A Costa da Morte continúa medrando

12/1/10

Música Jalleja Dajora: Un altofalante para o talento do país


Nestes tempos nos que semella que o galego deixa de ser un elemento de riqueza e identidade para converterse nunha moeda de cambio, na radiONeria queremos facer público o noso sólido compromiso co país, as súas xentes e os seus quefaceres.

E qué mellor xeito de facelo que cedendo un espazo nas ondas a tódolos grupos galegos que conforman na actualidade o panorama musical na nosa terra.

Así naceu Música Jalleja Dajora, un tempo para todo tipo de sons que se fan hoxe en día nesta parte do globo.

Grupos como Heredeiros da Crus, Som do Galpom, Ataque Escampe ou Dios ke te Crew, entre outros moitos, soan cada día na radiONeria. Convidámoste a que conectes connosco e coñezas e goces de todos eses estilos musicais que xurden moi preto de ti.

Podes escoitar Música Jalleja Dajora:
  • De luns a xoves, de 18:00h a 19:00h.
  • Os sábados e domingos, de 15:15h a 16:00h.

radiONeria 107.8 FM

8/1/10

Ca ola de frio siberiana volve SFNS pra quentar as nosas orellas

Hoxe venres unha ola de frio siberiana azota a galicia con forza, pero dende Radio Neria temos unha solucion contra o frio: Super Freak Night Show.

Despois de un pequeno paron tecniconavideño DJ Alan e Jaky DJ volven as ondas herzianas da costa da morte para combatir o frio con musica en alto contido calorifico para sufragar o frio que hoxe dende a lonxana Siberia nos bate. Dende as des da noite este dous sinverjuensas trataran de facer todo o que poidan para quitarnos o frio do corpo coa sua musica e facer a noite de venres algo mais levadeira.