19/10/10

Daniel Rego (PP de Camariñas) na radiONeria: "A autovía estará feita no 2013"

Estivo hai uns días en O Ronsel, programa informativo desta casa, o voceiro do Partido Popular no concello de Camariñas, Daniel Rego. Centrouse a charla nos efectos do POL en Camariñas pero tampouco faltaron outros temas como a autovía da Costa da Morte ou, xa a un nivel máis local, a situación actual do legado de Man, o alemán de Camelle. Deixamos aquí a entrevista lembrando que poden escoitala íntegramente, premendo un pouco máis abaixo.

  • O alcalde de Camariñas falaba nos últimos días que o POL podería traer complicacións para Camariñas. Que opina vostede?

As complicacións de Camariñas non as trae o Plan de Ordenación do Litoral. As complicacións de Camariñas as trae o non facer os deberes hai vinte anos por parte do PSOE. O único que fai o POL é organizar o litoral. É unha demanda lóxica no século XXI porque non se pode construir onde se queira.

Partimos dunha lei que había co bipartito no 2007, que falaba dos cincocentos metros da liña de costa para todos, o que nos afectaba moito en Camariñas. Agora queren organizar o litoral cun plan no que hai vinte metros, cincuenta, cen ou máis pero dependendo da zona. O que non podemos é estar en Red Natura ou edificar alí porque estragariamos a natureza. Ninguén pode dubidar hoxe do POL porque é necesario.

Hoxe está nun procedemento de aprobación inicial. Estamos na fase de alegacións e eu o que non entendo é que se faga tanta demagoxia co POL. O que deben facer os representantes que estean é o Plan Xeral. Sen Plan Xeral os pobos non van adiante.

O POL non urbaniza nada. Eu escoito ao alcalde dicir que “Camelle desaparece”, “os polígonos empresariais non se fan”,… Hai que ser máis serios. Un alcalde non pode andar poñendo este alarmismo cando non estamos facendo os deberes en Camariñas.

Temos que facer nós os deberes e para iso é necesario e imprescindible sacar o PXOM adiante, un PXOM no que cada vez imos ter máis dificultades porque cada vez póñense máis normas e isto dificulta o progreso de Camariñas.

  • Se Camariñas carece na actualidade de PXOM, supoñemos que se estará rexindo por unhas normas subsidiarias…

O triste de Camariñas é que non temos nin normas subsidiarias. Nós o que temos é solo delimitado. Ogallá tiveramos normas subsidiarias porque sería unha cousa menos mala da que nos está ocorrendo, pero é que Camariñas é un dos dous concellos galegos que non ten normas subsidiarias.

  • O alcalde di que está todo fenomenal. Que opina o Partido Popular?

Ogallá tivera razón porque a min encantaríame darlla ao alcalde pero non é certo. Camariñas ten grandes problemas, non só no tema do urbanismo. Camariñas ten problemas no tema da pesca, na fábrica de conservas,…

Temos que unirnos todos, sen ideoloxía política, e loitar no mesmo sentido. Non é serio o que estamos facendo. Eu pido que non se loite tanto polo voto e se loite máis polos veciños e polos pobos. Cando unha persoa está catro anos ten que ter un obxectivo e uns proxectos, e iso é o que hai que votar. Hai que deixar o sectarismo aparte.

Tampouco temos a autovía. É algo fundamental, a pesar de que non vai pasar por Camariñas senón por Vimianzo, pero é fundamental para comunicarnos co exterior.

  • Que lle podemos dicir á xente para que estea tranquila, nese caso de que a autovía se vaia facer?
É evidente. A situación dun país móvea a economía. Hoxe temos que dicir a verdade porque España esta a pasalo fatal no tema económico. Sobre o tema da autovía eu pregunto ao PSOE, ao PP, ao BNG e a todos os veciños: Quen non quixo construir algo na súa casa e non tivo un retraso? E máis agora, que é moi distinto facer unha autovía e dicirlle á empresa “hai que conseguir os cartos do financiamento”. Onde se consiguen eses cartos? Hoxe os bancos non están pasando o mellor momento.

Eu non vou dicir, porque non me parece serio, “mire, os catro anos que estivo gobernando o bipartito, que é o que fixo? Pois meter moitas pedras pero non facer nada”. Do tempo de atrás hai que esquecerse e mirar sempre ao futuro. E temos que mirar positivamente e dicir “señores, temos un retraso e temos que volver sacalo a concurso”.

O outro día díxomo o conselleiro e eu lle dixen “Agustín, tranquilo, esquécete, que retraso ten a autovía?” “Oito meses.” “Por favor, pero ti por oito meses nun proxecto tan enorme, estás preocupado? Pero ti vas facela?” “Non a vou facer eu. Vai facela o pobo galego”.

O pobo galego necesita estar coa Costa da Morte, e a solidariedade na Costa da Morte non se demostrou só coa autovía, senón cando foi do Prestige. Non temos que ser tan pesimistas. Ímola facer. Eu dígovos unha cousa: No 2013 a autovía estará feita, e farémola todos os galegos e todos os da Costa da Morte.

A situación da vida non é ás veces como un queira senón como as circunstancias se dean, e estamos nas peores circunstancias para hoxe meter moitos millóns de euros para facer a autovía. Pero debemos reivindicala, e o Partido Popular da Costa da Morte reivindica, como a reivindica o Partido Socialista, pero non coa demagoxia e con críticas.

Eu fun a Vimianzo convocado polo Sr. Touriño, pero tan pronto gañaron as eleccións non fixeron nada. Fun a Laxe e tampouco fixeron nada. Eu o único que digo é que o Partido Popular ten un compromiso, e no 2013 andaremos todos pola autovía e moi ledos de que todo esto sexa bo para a Costa da Morte, porque o desenvolvemento temos que facelo nós, non esixirlle aos políticos e menos esixirlles que sexan especialistas da política, senón que sexan especialistas da humildade e de facer cousas para os nosos concellos.

  • Como se atopa a situación dos diversos proxectos relacionados co Man, o alemán de Camelle?
Paralizados. A min dóeme falar deste tema. O Museo de Man é un punto de atracción turística para Camelle enorme. Man desapareceu, pero nós temos que facer menos política a conta de Man e máis feitos a prol de Man. E para facer feitos a prol de Man temos que restaurar e manter a casa onde vivía el. E iso non o estamos facendo. Estamos enganando á xente dicíndolles que imos facer unha fundación e a Fundación Man, na que utilizamos cunha sinvergüencería e con pouca delicadeza o nome de Man sinxelamente para enganar ao pobo de Camelle.

Hai que unirse e restaurar a casa de Man. A Fundación debe unha pila de cartos, non está funcionando, e o obxectivo (a restauración da casa) non se está cumprindo. Non se está a facer absolutamente nada se non é grazas á asociación dos veciños de Camelle que está no verán traballando voluntariamente. Pero se vostede vai ver a casa onde vivía Man está totalmente deteriorada e abandonada. Que hai que facer? Restaurala, conservala, e mantela.

Hai que facer un proxecto e deixarse de encontros para aproveitarse do nome de Man e sacar réditos políticos.


  • Escoitar a entrevista a Daniel Rego en O Ronsel Descargar
  • O Ronsel
    • Os xoves ás 22:00h e os sábados ás 12:00h.

    14/10/10

    A radiONeria visita o Museo Fernando Blanco de Lema


    Pasou hai uns días polo programa O Ronsel da radiONeria o Coordinador do Museo Fernando Blanco de Lema, Darío Areas. Areas explicounos quen era Fernando Blanco ademáis de presentarnos todo o que podemos atopar dentro do museo que leva o nome do ceense. Deixamos aquí a entrevista que facía Óscar Rey.

    • Quen foi Fernando Blanco?
    Fernando Blanco de Lema foi un dos máis importantes indianos que houbo en Galicia. Entendemos por indianos aqueles emigrantes galegos que durante o século XIX e a primeira metade do século XX víronse forzados a deixar a nosa terra buscando un futuro próspero lonxe das nosas fronteiras.
    Elixían como destino países como Cuba, Arxentina ou Venezuela e que despois de anos de traballo lograban facer fortuna neses países e decidían deixar esa fortuna ás súas vilas natais para que nelas se fixeran obras como colexios, lavadoiros públicos, hospitais, estradas ou igrexas. Os indianos foron fundamentais para o desenvolvemento do país.

    Fernando Blanco de Lema naceu en Cee en 1796. Despois dunha infancia complicada con varios acontecementos luctuosos –tocoulle vivir a guerra da Independencia, matáronlle ao seu padriño, que era quen o criou, incendiáronlle a casa natal os franceses- foise con trece anos a Cuba.

    Logo de moito traballo e esforzo logrou facer fortuna, triunfou e decidiu no ano 1875, cando contaba con 78 anos de idade, deixar práticamente toda esa fortuna ao pobo de Cee para que nel se fixera un colexio de primeira e segunda ensinanza. El quería darlle aos nenos e ás nenas das xeracións vindeiras as oportunidades que el non tivo cando era pequeno.

    Con ese diñeiro que el deixou fixéronse dous centros: O actual IES Fernando Blanco, que ostenta a categoría de ser o primeiro instituto de segundo ensino que houbo no rural galego, e a antiga “Escola das nenas”, que hoxe é a sede do museo. Chamábase “Escola das nenas” polo sinxelo motivo de que antigamente os nenos e as nenas non podían ir xuntos á clase. Si podían ir ata os sete anos pero a partir dos sete anos había que separalos, e por iso o edificio que hoxe está na Alameda de Cee, onde hoxe está a sede do museo, é coñecido como “Escola das nenas”.

    • Que podemos atopar dentro do Museo Fernando Blanco?
    O Museo inaugurouse no ano 2001 cunha dobre finalidade. Por un lado lembrar a figura de Fernando Blanco e dala a coñecer, sobre todo para os que non somos desta zona, e por outro lado conservar e difundir o rico patrimonio e o legado que había no instituto.

    O que podemos atopar na actualidade é un museo con dúas prantas. Na pranta inferior temos unha parte adicada á capela. Os grandes institutos tiñan normalmente no seu interior a finais do século XIX igrexas pequeñas, porque a relixión tiña un peso fundamental na educación do momento. Ademáis esa capela ten un gran valor simbólico para a xente de Cee porque nela repousan os restos de Fernando Blanco.

    Logo temos unha parte adicada á música. Cee é un pobo con moitísima tradición musical e teatral. Iso ten a súa orixe no instituto. As clases de música empezan no ano 1888 e as funcións de teatro no ano 1907.

    Temos tamén unha parte adicada á unha asignatura curiosa, que nos chama moito a atención pero que na Galicia rural era fundamental como é a agricultura. Hai unha colección de maquetas, apeiros de labranza e maquinaria para que os rapaces viran os últimos avances no traballo do campo.

    Na pranta baixa sobre todo destacan o que son os cadros de Federico de Madrazo. Federico de Madrazo foi o máis importante retratista español do século XIX. Foi pintor de cámara da raíña Isabel II, director do Museo do Prado, director da Real Academia de Belas Artes, e fixo oito cadros para a fundación: Dous de Fernando Blanco e o resto dos albaceas, é dicir, as persoas que el nomeou no seu testamento para que cumpriran a súa última vontade. Federico de Madrazo ten moitos cadros no Museo do Prado –iso nos fala da súa categoría- e eses cadros dábanlle unha categoría especial ao colexio.

    Logo na pranta superior do museo xa temos as coleccións científicas, os chamados gabinetes de física, de química e de historia natural, porque ao ser un instituto de segundo ensino estaban obrigados a contar con este material científico, que era moi novedoso e que se mercou no ano 1890 en Francia, posto que en España nese momento non había ningunha casa de material científico que puidese subministrar ese material tan novedoso.

    • Que ten que facer un particular ou un grupo de persoas para acudir ao Museo?
    O Museo está aberto durante todo o ano de martes a sábado en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 19:00h. A visita é gratuita. Para os grupos, se desexan recibir unha visita guiada explicándolles un pouco pormenorizadamente os contidos, o que fan normalmente é avisar cun par de días de antelación ao número de teléfono 981 747 221.

    • Este ano xa pasaron polo museo máis de 3200 persoas. Hai moito interés na Costa polo museo…
    A 30 de setembro fixemos un reconto con sobre 3.200 persoas. Nós ao ano temos unha media de entre 3.500 e 4.000 visitantes. Consideramos que é unha cifra considerable, tendo en conta que somos un lugar apartado e difícil de chegar, pero do que nos sentimos máis orgullosos é sobre todo das visitas organizadas de grupos escolares, das que rondamos as 35 ou 40 ao ano.

    • Detrás do Museo hai unha fundación…
    Actualmente hai unha fundación que está formado por cinco membros. A programación cultural está centrada –e cústanos bastante- no Museo. Nós temos unha prioridade, que é dar a coñecer e difundir a figura de Fernando Blanco e sobre todo nos centramos na conservación do material. Tendo en conta que estamos a falar dunha colección de finais do século XIX, todas as pezas teñen máis dun século de vida, moitas pezas perdéronse polo camiño e moitas delas chegaron a nós en moi mal estado de conservación. Nós o que temos é un convenio asinado coa Consellería de Cultura, que anualmente aporta unha cantidade de diñeiro para poder restaurar esas pezas.

    • Escoitar a entrevista a Darío Areas en O Ronsel Descargar
    • O Ronsel
      • Os xoves ás 22:00h e os sábados ás 12:00h.