20 septiembre 2023


 

Representantes das emisoras municipais do estado reúnense en Corcubión

 

Representantes das redes de radios locais do estado reuniranse este xoves en Corcubión. Radio Neria actuará como anfitriona nun evento no que participarán as Emisoras Municipales de Andalucia, RTV Cardedeu- La Xarxa de Catalunya, Emisoras Municipais Galegas e a Red de Medios Comunitarios. EMUGA coordena esta reunión onde os representantes das redes examinarán a marcha do proxecto “Onda Ods Empeza por ti” que desenvolven de xeito conxunto desde o pasado mes de abril. A xornada desenvolverase ao longo do xoves na Casa da Cultura de Corcubión.

Tanto Toño Casais (Radio Neria) como Henrique Sanfiz (Radiofusión) expuxeron no pasado mes de xuño a intención de transformar a radio local nun centro de produción de audio e nun punto dinamizador da comunicación na comarca. Nunha xuntanza co movemento asociativo, celebrada no Clube Marítimo Carrumeiro, repartíronse exemplares de "Comunicándonos. Guía práctica para a elaboración de contidos audiovisuais e pódcast relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel". "Onda Ods Empeza por ti" é unha iniciativa das Emisoras Municipais de Andalucía en colaboración coas Emisoras Municipais Galegas, a Xarxa de Catalunya e a Rede de Medios Comunitarios. Conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Na xuntanza de xuño tamén se falou do exitoso pódcast "Lo que tu digas" impulsado polo mozo natural de Corcubión Alex Fidalgo que xa supera os 10.000.000 de descargas e que conta con 280.000 seguidores en YouTube, 190.000 en Instagram e 10.000 en Twitter.

No hay comentarios: