29 junio 2010

Fran Hermida na radiONeria: "O Dumbría non matou o partido e pode pasarlle factura"

Pasou Fran Hermida o pasado domingo polo Especial da ida da Copa da Costa da radiONeria. Un dos homes que máis sabe de fútbol na bisbarra analizou para nós o Cee - Dumbría do pasado domingo. Hermida tamén nos contou o que agarda do encontro do vindeiro domingo. Deixamos aquí a entrevista que lle realizaba no Sampaio de Refoxos o noso compañeiro Fran Lago.

  • ¿Como viches o partido?
Vin un partido moi nivelado. Coido que o marcador reflicte bastante esa igualdade. O Dumbría quizais acabou bastante mellor o partido por condición fisica, por profundidade de banco e sobretodo porque quedou o Cee en inferioridade numérica. O Dumbría non matou o partido e pode ser unha circunstancia que ao final lle pode pasar factura.

  • ¿Partía como favorito o Dumbría?
O Dumbría ten un equipo moi completo e foi moi regular este ano. Pero nunha final entre dous equipos que se coñecen, que son veciños, e que teñen "contas pendentes", falar de favoritos é complicado. Quizais agora mesmo co 1-1 pódese pensar que si, que son máis favoritos. Pero o Dumbría tivo este ano momentos da tempada que en casa foi forte, e outros que en casa foi moi débil. Entón haberá que ver que clase de Dumbría é. Se é o Dumbría que está sendo nos últimos partidos eu coido que teñen un pouquiño de vantaxe.

  • ¿Que che pareceu o gol do Cee?
Con sete xogadores, e uns tirando cara dentro e outros cara fóra é moi complicado. É destas xogadas onde che encantaría ter repetición, como pasa nos partidos de Primeira División ou no Mundial. Co que se viu a simple vista, eu dende onde estaba non me podo pronunciar.

  • Destacable o papel de Parroto, ¿non si?
Eu creo que naceu un porteiro. Se aínda non o coñecía moita xente, porque este ano xa fixo bos partidos e non tiveron tanta repercusión como pode ter este escaparate dunha final de Copa, eu coido que hoxe se reivindicou dun xeito espectacular. Fixo un partidazo. Deulle moita seguridade ao Cee aí atrás e paréceme que moito ollo con Parroto porque vai dar que falar. Paréceme de dez o partido que fixo.

  • ¿Como prognosticas a volta?
Moi aberta. Eu creo que van ser noventa minutos, como mínimo, moi igualados. Penso que van ser noventa minutos destes que pagan a pena, e ademáis confío en que as afeccións se volquen cos seus respectivos equipos.


Máis información:

      28 junio 2010

      Escoita de novo a Ida da Final da Copa da Costa

      Cee 1-1 Dumbría. A Final da Copa da Costa continúa aberta. A radiONeria estará de novo volcada dende as 08:00h da mañá do vindeiro domingo co partido, pero antes...

      Lembra connosco o que deu de si o Cee - Dumbría

      Conscientes da demanda que existe sobre a retransmisión do partido, e sabendo que moitos de vós interesástesvos por a programación especial desta casa, ofrecerémosvos de novo parte da programación deportiva deste domingo. Tomade boa nota:
      • Especial post partido Cee - Dumbría: 
        • Luns 28, ás 11:00h da mañá.
        • Martes 29, ás 11:00 da mañá.
      • Retransmisión íntegra do encontro: 
        • Luns 28, ás 16:00h.
      Permanecede atentos a esta bitácora e ao noso facebook, porque xa estamos artellando a retransmisión do vindeiro domingo dende o Campo do Conco...

      21 junio 2010

      A radiONeria volcarase coa final da Copa

      Cee e Dumbría son os equipos que este ano van loitar ata o final por alzarse co título de campión da Copa da Costa 2010. A gran igualdade entre os dous conxuntos (figuran ambos na 1ª Autonómica) fai que dende a radiONeria poñamos toda a carne na grella para achegarvos todo canto arrodea a este duelo entre dous clásicos do fútbol da Costa. As citas serán os domingos 27 de xuño e 4 de xullo.

      Programación especial dende as 08:00h da mañá

      O vindeiro domingo, 27 de xuño, a radiONeria comezará unha programación especial ás 08:00h da mañá para seguir dende primeiras horas do día todas as novidades que xurdan en torno ao encontro. Contaremos con adiantos informativos cada sesenta minutos nos que iremos dando conta de todas as novas de actualidade da Copa que vaian chegando ata a redacción.

      Ademáis, dende as 08:15h lembraremos os mellores momentos do interesantísimo Soneira - Ponteceso (na primeira foto), o que fora a final da Copa do pasado 2009. Xa ás 13:30h retomaremos o relato futbolístico para ofrecervos a previa do encontro.

      A retransmisión íntegra dende as 17:00h

      E dende as 17:00h, irémonos ata Cee para vivir dende o Campo de Sampaio de Refoxos, e xa unha hora antes de que comece o encontro, a emoción do fútbol en estado puro. Ofreceremosvos a retransmisión íntegra do Cee - Dumbría da man do equipo de deportes da radiONeria e con convidados especiais (podedes ver algúns dos nosos compañeiros nesta segunda foto).


      Resumo, análise e participación para a noite

      Á noite, a partires das 22:30h, será o tempo para a análise e as valoracións con entrevistas aos xogadores, adestradores e directivos dos dous conxuntos, e tamén, se o desexades, para coñecer a opinión dos oíntes coa participación a través das vías de comunicación habituais.

      O equipo da radiONeria para a final da Copa
      • Adrián Leira
      • Álvaro Lago
      • Fran Lago
      • Iván Pereira
      • Ubaldo Cerqueiro
      • Xabi González

      Iremos colgando neste blog os especiais informativos, ao longo do domingo, para que poidades vivir a final da Copa da Costa dende calqueira lugar do mundo. A cobertura máis completa da Final da Copa da Costa, no maratón futbolístico da radiONeria, no 107.8 da FM en a través desta bitácora.

      Máis información:

      18 junio 2010

      Escoita a Conferencia sobre Palestina que se celebrou en Corcubión

      Vaia luxo contar en Corcubión con dous pesos pesados da loita palestina como os que onte ofreceron a conferencia "Israel - Palestina: O conflito recrudecido". Os últimos movementos do estado de Israel, sobre todo coa Fragata da Liberdade e a falta de resposta internacional, traen de novo á primeira plana esta problemática.

      Para analizala, a Costa ten a sorte de contar co oftalmólogo e conferenciante, afincado en Corcubión, Mohamed Safa, vencellado diariamente á súa terra e pertencente á Organización para la liberacion de Palestina (OLP). Ademais, a Universidade Popular de Corcubión contou co Presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber. Entre ambos ofreceron unha charla de forte contido, ben complemetada, cunha parte incial en clave histórica, e outra de rabiosa actualidade.

      Escoitar conferencia

      Máis información

      16 junio 2010

      16 de xuño de 2010: 19 anos de radiONeria

      Foi un 16 de xuño de 1991 cando a radiONeria achegábase por primeira vez aos fogares da parte sur da Costa da Morte. Aquel domingo estreábanse as emisións da emisora municipal corcubionesa. Hoxe, 19 anos despois, práticamente ninguén dos que estamos a coidar da emisora lembramos o que foron aqueles comezos.

      Ben seguro que o camiño non foi doado. A radio pasou por momentos delicados nos que non houbo máis remedio que botar o peche. Pero o que si está claro é que sen o traballo daqueles responsables de 1991, hoxe non seriamos nada.

      Case dúas décadas despois, neste 16 de xuño de 2010 temos que agradecervos que sigades confiando na emisora máis veterana da Costa en idade, pero a máis nova en espíritu. :)

      01 junio 2010

      Agora, No Intro, en directo os martes ás 20:00h



      Hoxe comeza unha nova etapa do programa No Intro. Os Saulo, Marta, Joanna e compañía realizarán a partir de hoxe o programa de No Intro en riguroso directo os martes ás 20:00h da tarde e ata ás 21:30h. Ademais manteñen o horario dos domingos, cando se escoitará en diferido o programa a partir da 12:00h da tarde.
      A súa lista de grandes éxitos, as novidades da prensa rosa e moito máis, xa saben, no 107.8 da FM.

      Escoitar No Intro

      Máis información