27 noviembre 2024


Santiago acolle o cumio de 240 emisoras de radio locais que 
reafirman a súa vontade de cooperar en rede a escala global

A Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA) exerce de
anfitrioa do encontro no que tamén participan representantes de
EMA RTV (Andalucía), RTV Cardedeu La Xarxa (Cataluña) e a
Rede Estatal de Medios Comunitarios
A sesión de traballo, que comezou onte e se prolongará durante
toda a xornada de hoxe na sede do Consello da Cultura Galega,
busca amplificar o impacto da comunicación local a través da
educación e o desenvolvemento sustentable


Santiago, 27 de novembro de 2024 | A sede do Consello da Cultura Galega (CCG)

acolle desde onte e durante toda a xornada de hoxe un encontro histórico con

representantes de 240 emisoras de radio de todo o Estado español co obxectivo de

reafirmar a súa vocación de traballar en rede para ter incidencia a escala global, pero

sen perder as raíces locais; aliñar estratexias conxuntas, intensificar a colaboración e

aproveitar sinerxias.

O encontro, organizado pola Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA),

conta coa participación de EMA RTV (Andalucía), RTV Cardedeu La Xarxa (Cataluña) e

a Rede Estatal de Medios Comunitarios (ReMC), que subliñan a importancia de reforzar

os medios locais como ferramentas para o cambio social e ambiental.


O programa incluíu na tarde de onte un acto no que Henrique Sanfiz, secretario de

EMUGA, destacou a colaboración entre entidades autonómicas e estatais como clave

para lograr un impacto real. “Somos 240 radios, moi pequenas, que, se bailamos soas,

chegamos a poucos sitios, pero, se bailamos todos ao mesmo paso na mesma

dirección, podemos aspirar a poñer un grao de area para cambiar o mundo”, afirmou.


Tamén subliñou a necesidade de combinar enfoques globais e locais no proxecto Onda

ODS, baixo o lema "de medios locais a medios glocais". Insistiu en que esta iniciativa é

“multicultural e multilingüe, defendendo a lingua e a cultura de cada territorio”.

Pola súa parte, Xesús Domínguez, tenente de alcaldesa do Concello de Santiago de

Compostela, deu a benvida aos participantes e salientou a relevancia da comunicación

de proximidade: “Cando viaxamos buscamos descubrir outras culturas, maneiras de

pensar e linguas... Isto é o que verdadeiramente enriquece a experiencia”. Domínguez

agradeceu a presenza dos asistentes e resaltou o papel de Santiago como punto de

encontro e reflexión.


Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, destacou o valor destas

redes como ferramentas de cohesión nun territorio tan fragmentado como Galicia. “O

desenvolvemento sustentable non pode esquecer a cultura; é o motor da sociedade e

debe integrarse en todos os seus aspectos: humanísticos, científicos e tecnolóxicos”.

Ademais, subliñou “a importancia dos dereitos culturais. A cultura é un dereito; poder

desfrutar a cultura da túa comunidade e recibir cultura debe ser un dereito”. Álvarez

animou os presentes a fortalecer a colaboración entre emisoras e asegurou o apoio do

Consello para seguir impulsando esta rede.


Medios locais con impacto global

Este encontro supón tamén o punto de partida para unha nova etapa no proxecto Onda

ODS impulsado pola devandita rede de emisoras de radio locais, que no ano 2025

chegará á súa terceira edición baixo o lema "De medios locais a medios glocais". Esta

iniciativa, desenvolvida en colaboración co Ministerio de Dereitos Sociais no marco da

Axenda 2030, busca amplificar o impacto dos medios locais a través de tres liñas de

acción que combinan a educación, a formación profesional e a sensibilización cidadá.

Estes son os obxectivos:

1. Impulsar a conciencia climática na mocidade:

A primeira acción estará centrada na mocidade de 16 centros educativos de cinco

comunidades autónomas. A través dun concurso radiofónico estatal, os estudantes

reflexionarán sobre o impacto do cambio climático nas súas comunidades, promovendo

un diálogo interxeracional e unha comprensión máis profunda deste desafío global.

2. Formación en municipios rurais e vulnerables:

En 16 localidades de ámbito rural e con maior vulnerabilidade social organizaranse

coloquios radiofónicos destinados a comunicadores e xornalistas. Estes encontros

tratarán temas como a pobreza, a igualdade de xénero e o cambio climático, co

obxectivo de mellorar a calidade e a sensibilidade na cobertura mediática destes temas

fundamentais.

3. Campaña de sensibilización a nivel estatal:

Lanzarase unha campaña radiofónica e audiovisual dirixida a máis de dous millóns de

persoas en 11 comunidades autónomas. Esta iniciativa buscará dar visibilidade a

políticas públicas, proxectos cidadáns e iniciativas privadas que contribúen ao

cumprimentodos ODS, destacando especialmente os esforzos realizados desde o

ámbito local e rural.


Unha comunicación comprometida coas persoas e co planeta

Os medios locais non son simples transmisores de información; son espellos das súas

comunidades, puntos de encontro para o debate e a reflexión, e ferramentas clave para

promover o cambio social. Desde esta perspectiva, o proxecto Onda ODS e a

colaboración entre redes como EMUGA, EMA RTV, ReMC e XAL apostan por unha

comunicación que respecte a diversidade cultural e lingüística, ao tempo que actúe

como motor de transformación social.

Con esta nova edición de Onda ODS, estas emisoras propoñen dar un paso máis:

converterse en plataformas "glocais" que combinen o alcance global coas raíces locais,

garantindo que ningunha comunidade quede atrás na loita por un futuro máis xusto,

igualitario e sustentable.Santiago de Compostela, que simboliza o encontro de camiños e culturas, é o escenario

perfecto para dar forma a esta nova etapa. Desde aquí, a voz das radios locais e

comunitarias segue a abrir camiños cara unha sociedade máis consciente e

comprometida cos grandes retos que afrontamos como humanidade.

07 noviembre 2024


 A ASOCIACIÓN "ILLA DA ESTRELA" DE CORME, HOXE EN RADIO NERIA.

Arrancamos temporada de CHEGAR A BO PORTO en Radio Neria, no que Luis Corral conversa con Rosa Rodríguez, presidenta da Asociación de Redeiras "Illa da Estrela" de Corme. Será a partir das 12:00, e poderemos escoitala de novo ás 22:00 en www.radioneria.blogspot.com

05 noviembre 2024

 

A PROGRAMACIÓN PARA HOXE EN RADIO NERIA

Martes 5 de novembro. Hoxe voltamos ter na nosa antena a mellor música con MUNDOFONÍAS. E despois, que pracer poder contar de novo con Maruxiña dos Queixos e o seu DISQUE.
Arrancamos ás 11:00 en http://radioneria.blogspot.com
E lembrade que voltamos ás 21:00. E se non tedes oportunidade de escoitarnos, esperámosvos en Ivoox con tódolos contidos da nosa programación

04 noviembre 2024

 

Hoxe arranca a nova tempada en Radio Neria

Empezamos. Imos espertando aos pouquiños, pero imos. Hoxe luns, 4 de novembro, voltamos con nova programación a Radio Neria. Arrancamos con contidos que xa veñen da temporada pasada: CHEGAR A BO PORTO, DISQUE, REALIDADE E SOÑOS, BOOMERS A CONCIENCIA, ÁBRETEDEORELLAS, CARNE CRUDA, MUNDOFONÍAS... e algo máis que temos na cociña e esperamos poder telas listas o máis pronto posible.
Empezamos hoxe ás 11:00 en http://radioneria.blogspot.com