Como non podía ser doutro xeito, as Letras Galegas colleitaron bo protagonismo o pasado xoves en O Ronsel, programa informativo da radiONeria e a Radio Roncudo. Óscar Rey achegounos ao evento máis salientable das nosas Letras na Costa da Morte: o Festiletras. Trátase dunha serie de actos que cada ano organizan dende a Asociación Cultural Monte Branco de O Couto (Ponteceso). Da man do seu presidente, Xosé María Varela (na foto), puidemos coñecer de preto o que ofrecen durante estes días a todos os visitantes. Deixamos aquí a entrevista.
Xa van 28 anos. Algo cambiaría dende o principio…
Moitísimas cousas. A celebración antes facíase dun xeito máis humilde. Logo co paso do tempo fóronse engadindo cousas. Reclamos que custan máis cartos, máis esforzo e máis sacrificio, pero durante uns días esta parroquia é o orgullo dun concello.
Cóntanos como foron os inicios desta considerada por moitos milagre cultural en Galicia.
Comezamos no ano 82. A primeira celebración foi coa colaboración dun grupo de teatro do centro Alfredo Brañas de Carballo, que daquela presidía o actual xefe territorial de Cultura, Manolo Varela.
Logo fixemos aparte dunha proposta cultural, unha proposta de artesanía. Sinto moitísimo cariño daquela etapa porque había moita ilusión. De súpeto, nun lugar onde nunca se programara un acto atípico como éste foi algo novidoso para a xente. É algo que a min éncheme de satisfacción e de orgullo porque a xente foi feliz naqueles días e segue séndoo ao longo de todos estes anos.
É a festa que esperabades hai 28 anos?
Non. Superáronse as expectativas. Sempre pensabamos en unir actividades culturais, libros e artesanía, e agora case non damos feito. Son moitos días, esíxenos moitísimas horas, moitísima dedicación, e non sei se imos poder seguir medrando, entre outras cousas porque os tempos a nivel económico están como están, pero sempre haberá cousas para encher actividades.
O que si hai é moita máis facilidade que nos primeiros anos por parte da xente que se achega aquí. Hoxe case se nos ofrecen como quen di para estar connosco, e hai anos había que andar detrás da xente e ás veces facendo esforzos grandísimos.
Os veciños de O Couto nestas datas síntense moi orgullosos da súa festa e ademáis vólcanse, non si?
Eu creo que é para sentirse. Comentaba con algún compañeiro da directiva que é algo marabilloso o que pasou neste tempo. De haber un case único evento de celebración das Letras Galegas en toda a Costa da Morte, pasou a haber un formigueiro grandísimo de actividades en concellos e entidades. A min paréceme soprendente. É bo que esa idea inicial se contaxiase, que os veciños da Costa tamén poidan facer a súa propia actividade. Honrar aos escritores homenaxedos e facer homenaxes a autores vivos prendeu noutras vilas e noutras parroquias unha intensa actividade arredor do día das Letras.
Unha das cousas que ninguén discute é que a festa xa se gañou o respeto dos intelectuais e por suposto de todos os eidos sociais do país. Como se consigue iso?
A receita é sempre traballo, traballo e moitísimo traballo. Sacar horas ao sono e de onde non as hai, realmente polo cariño e aprecio que sentimos cara a nosa literatura, a nosa lingua e o noso país. Tamén é tremendamente reconfortante ver que a xente de moitos lugares acude e desfruta cos actos que celebramos aquí nestes días. Para min dende logo éncheme de satisfacción ver que tanta xente está aí, asistindo a unha representación teatral, participando nun recital poético… Algo impensable hai uns anos.
As xentes máis novas da asociación fan unha aposta decidida polas novas tecnoloxías. Comentábanme que no facebook hai cada vez máis amigos de Monte Branco e a páxina é moi visitada. Nos correos que nos chegan atopamos resposta e sorpresa polo programa e felicitacións que nos chegan todos os días.
Non sei se nos queda algo máis que comentar por aí…
No hay comentarios:
Publicar un comentario