Tamén pasou o pasado xoves por O Ronsel o alcalde de Corcubión, Francisco Javier Lema, Chisco. Logo de coñecer as visións de BNG e PP sobre a reordenación do Campo do Rollo e o proxecto da praia artificial, foi a quenda para o rexedor. Do mesmo xeito que fixemos con edís da oposición, deixamos a entrevista íntegra que lle realizou a Chisco o noso compañeiro Óscar Rey.
¿Hai tanta oposición como di a oposición á praia artificial?
Eu creo que non. Quizais hai que pasarse pola rúa e un decátase de que non é tanta a oposición.
¿Por que defende tanto vostede a praia artificial para Corcubión?
Eu defendo o proxecto de rexeneración da praia porque me parece un obxectivo importante para Corcubión. Importante porque cremos que rexeneramos unha zona que realmente se perdeu hai tempo e que lle vai dar outra visión a Corcubión dende o punto de vista turístico e do marisqueo. Estamos encamiñando un proceso importante de saneamento das rúas de Corcubión co embellecemento do seu pavimento e creo que iso vaise complementar co proxecto de rexeneración da praia de Corcubión.
Noutros lugares fixéronse este tipo de proxectos e non houbo tantos problemas, agás certas intromisións, como en todas as obras. Agora estamos a facer unha gran obra en Corcubión na zona norte do casco histórico. Leva tempo e leva os seus inconvenientes. Os veciños que sufren as obras ao final cansan, porque pensan con razón que se podería facer doutro xeito, pero creo que pasado iso, todos nos aledaremos de que Corcubión mude, e o faga deste xeito tan rápido.
Decía o voceiro do BNG que vostede non respectara o acordo plenario no que se puxeran dacordo BNG e PP para rexeitar este proxecto...
Eu creo que eles se confunden, porque o único que se levou ao pleno foi o acordo por parte da corporación municipal se o Concello de Corcubión se facía cargo do mantemento, unha vez feito ese proxecto de rexeneración da praia. Que despois entremos nun debate e que a uns si e a outros non lles gusta o proxecto é outro tema, pero o punto que se levaba alí e foi rexeitado pola maioría da oposición foi que o mantemento da praia non o asuma o Concello de Corcubión.
¿De que prazos estamos falando para a posta en marcha desta obra?
Agora non o sabemos. Estamos nunha situación económica bastante crítica dende o punto de vista de como se viña mantendo a economía, non só española senón mundial, de hai uns anos, e entón é certo que as partidas deben distribuirse con moita cautela e por prioridades. Nós estamos facendo toda a forza do mundo para que o proxecto de rexeneración da praia de Corcubión sexa unha prioridade para o Ministerio de Medio Ambiente, e non sei se se executará este ano ou ano que vén. O que si é certo é que unha vez executada, en catro ou cinco meses pode estar concluído o proxecto de rexeneración da praia.
Esta semana xurdía o debate sobre as obras que se están a realizar no Campo do Rollo. ¿Que ten que dicir vostede a isto?
A oposición, sobre todo o BNG, está poñendo obstrucións e peros ás obras que fai o actual goberno de Corcubión. Eles estiveron nove meses en maioría absoluta e non fixeron nada de nada e nós, xa o primeiro ano que estivemos en minoría, fixemos máis obras que eles en nove meses e nas dúas lexislaturas anteriores. Coido que iso é o que realmente lles doe a eles. Sempre poñen peros. Pola outra parte do Campo do Rollo, pola obra xeral de pavimento e saneamento na zona norte do casco urbano de Corcubión… Eles sempre teñen que dicir algo, son oposición.
O quenon me gusta é o talante insultante e maleducado que ten o voceiro e o grupo do BNG en Corcubión. Eu sempre respectei ás persoas e eles saen cunha terminoloxía que eu creo que non é apropiada entre a educación e o respeto que temos que ter ás institucións e aos representantes políticos, que somos os concelleiros.
Un dos principais puntos que amosan quen están en contra desas obras é o tema das árbores. Din que non se debía ter cortado as árbores da praza…
Nós cando entramos no goberno municipal de Corcubión, nun xardín que había na estrada que vai a Fisterra, por cortar unha parte dunha chumbeira, parecía que ao ex alcalde caíalle o mundo e saíu unha gran reportaxe en La Voz, dicindo que mataramos unha especie protexida. Eles o que buscan é o vitimismo de que nós somos uns grandes depredadores vexetais e eu creo que se equivocan. Nós sempre respectamos aquelas árbores e aquela vexetación que haxa que respectar e que encaixe nos proxectos, e se é de respectar porque é unha especie protexida, ímolo facer. Se no proxecto que queremos levar a cabo para darlle unha unidade á execución do proxecto que temos, pois se unha árbore non queda ben, ou unha árbore cuxas raíces cheguen ás casas de enfronte, nós somos consecuentes con iso, aínda que por iso se nos critique.
A un ano das eleccións, ¿como van os preparativos?
Hai quen comezou xa as eleccións cando houbo un cambio de goberno en Corcubión. Con obstuccións, tentando que o goberno municipal fixera o menos posible, boicoteando coa maioría en determinados órganos de decisión, pero eu creo que todas as mañas que tentaron facer saíronlles mal e hoxe en día vese na rúa. O goberno municipal está traballando como goberno municipal e cando chegue o momento das eleccións nós volcarémonos sobre a campaña electoral. Nós agora imos traballar por Corcubión. Aínda quedan cousas por facer e temos que tentar concluílas antes de que comece a nova campaña electoral, porque é a nosa responsabilidade á fronte do goberno de Corcubión.
1 comentario:
¿EN que circo traballa este?
Publicar un comentario