Pasou hai uns días polo programa O Ronsel da radiONeria o Coordinador do Museo Fernando Blanco de Lema, Darío Areas. Areas explicounos quen era Fernando Blanco ademáis de presentarnos todo o que podemos atopar dentro do museo que leva o nome do ceense. Deixamos aquí a entrevista que facía Óscar Rey.
- Quen foi Fernando Blanco?
Fernando Blanco de Lema foi un dos máis importantes indianos que houbo en Galicia. Entendemos por indianos aqueles emigrantes galegos que durante o século XIX e a primeira metade do século XX víronse forzados a deixar a nosa terra buscando un futuro próspero lonxe das nosas fronteiras.
Elixían como destino países como Cuba, Arxentina ou Venezuela e que despois de anos de traballo lograban facer fortuna neses países e decidían deixar esa fortuna ás súas vilas natais para que nelas se fixeran obras como colexios, lavadoiros públicos, hospitais, estradas ou igrexas. Os indianos foron fundamentais para o desenvolvemento do país.
Fernando Blanco de Lema naceu en Cee en 1796. Despois dunha infancia complicada con varios acontecementos luctuosos –tocoulle vivir a guerra da Independencia, matáronlle ao seu padriño, que era quen o criou, incendiáronlle a casa natal os franceses- foise con trece anos a Cuba.
Logo de moito traballo e esforzo logrou facer fortuna, triunfou e decidiu no ano 1875, cando contaba con 78 anos de idade, deixar práticamente toda esa fortuna ao pobo de Cee para que nel se fixera un colexio de primeira e segunda ensinanza. El quería darlle aos nenos e ás nenas das xeracións vindeiras as oportunidades que el non tivo cando era pequeno.
Con ese diñeiro que el deixou fixéronse dous centros: O actual IES Fernando Blanco, que ostenta a categoría de ser o primeiro instituto de segundo ensino que houbo no rural galego, e a antiga “Escola das nenas”, que hoxe é a sede do museo. Chamábase “Escola das nenas” polo sinxelo motivo de que antigamente os nenos e as nenas non podían ir xuntos á clase. Si podían ir ata os sete anos pero a partir dos sete anos había que separalos, e por iso o edificio que hoxe está na Alameda de Cee, onde hoxe está a sede do museo, é coñecido como “Escola das nenas”.
- Que podemos atopar dentro do Museo Fernando Blanco?
O Museo inaugurouse no ano 2001 cunha dobre finalidade. Por un lado lembrar a figura de Fernando Blanco e dala a coñecer, sobre todo para os que non somos desta zona, e por outro lado conservar e difundir o rico patrimonio e o legado que había no instituto.
O que podemos atopar na actualidade é un museo con dúas prantas. Na pranta inferior temos unha parte adicada á capela. Os grandes institutos tiñan normalmente no seu interior a finais do século XIX igrexas pequeñas, porque a relixión tiña un peso fundamental na educación do momento. Ademáis esa capela ten un gran valor simbólico para a xente de Cee porque nela repousan os restos de Fernando Blanco.
Logo temos unha parte adicada á música. Cee é un pobo con moitísima tradición musical e teatral. Iso ten a súa orixe no instituto. As clases de música empezan no ano 1888 e as funcións de teatro no ano 1907.
Temos tamén unha parte adicada á unha asignatura curiosa, que nos chama moito a atención pero que na Galicia rural era fundamental como é a agricultura. Hai unha colección de maquetas, apeiros de labranza e maquinaria para que os rapaces viran os últimos avances no traballo do campo.
Na pranta baixa sobre todo destacan o que son os cadros de Federico de Madrazo. Federico de Madrazo foi o máis importante retratista español do século XIX. Foi pintor de cámara da raíña Isabel II, director do Museo do Prado, director da Real Academia de Belas Artes, e fixo oito cadros para a fundación: Dous de Fernando Blanco e o resto dos albaceas, é dicir, as persoas que el nomeou no seu testamento para que cumpriran a súa última vontade. Federico de Madrazo ten moitos cadros no Museo do Prado –iso nos fala da súa categoría- e eses cadros dábanlle unha categoría especial ao colexio.
Logo na pranta superior do museo xa temos as coleccións científicas, os chamados gabinetes de física, de química e de historia natural, porque ao ser un instituto de segundo ensino estaban obrigados a contar con este material científico, que era moi novedoso e que se mercou no ano 1890 en Francia, posto que en España nese momento non había ningunha casa de material científico que puidese subministrar ese material tan novedoso.
- Que ten que facer un particular ou un grupo de persoas para acudir ao Museo?
O Museo está aberto durante todo o ano de martes a sábado en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 19:00h. A visita é gratuita. Para os grupos, se desexan recibir unha visita guiada explicándolles un pouco pormenorizadamente os contidos, o que fan normalmente é avisar cun par de días de antelación ao número de teléfono 981 747 221.
- Este ano xa pasaron polo museo máis de 3200 persoas. Hai moito interés na Costa polo museo…
A 30 de setembro fixemos un reconto con sobre 3.200 persoas. Nós ao ano temos unha media de entre 3.500 e 4.000 visitantes. Consideramos que é unha cifra considerable, tendo en conta que somos un lugar apartado e difícil de chegar, pero do que nos sentimos máis orgullosos é sobre todo das visitas organizadas de grupos escolares, das que rondamos as 35 ou 40 ao ano.
- Detrás do Museo hai unha fundación…
Actualmente hai unha fundación que está formado por cinco membros. A programación cultural está centrada –e cústanos bastante- no Museo. Nós temos unha prioridade, que é dar a coñecer e difundir a figura de Fernando Blanco e sobre todo nos centramos na conservación do material. Tendo en conta que estamos a falar dunha colección de finais do século XIX, todas as pezas teñen máis dun século de vida, moitas pezas perdéronse polo camiño e moitas delas chegaron a nós en moi mal estado de conservación. Nós o que temos é un convenio asinado coa Consellería de Cultura, que anualmente aporta unha cantidade de diñeiro para poder restaurar esas pezas.
- Escoitar a entrevista a Darío Areas en O Ronsel Descargar
- O Ronsel
- Os xoves ás 22:00h e os sábados ás 12:00h.
No hay comentarios:
Publicar un comentario