AMEGA celebra o Día dos Medios en Galego 2025 cun concerto de Leria e A banda da Loba
O presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en rolda de prensa as diferentes actividades que organizou a entidade para celebrar o Día dos Medios en Galego o vindeiro 7 de febreiro. Este día coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego, O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876.
Neste 2025, AMEGA decidiu poñer o foco na función social dos medios de comunicación. De aí o lema ‘A Lingua que nos une’. “Porque máis alá da nosa labor informativa, somos axentes de cohesión, xeradores de debate, de espazos de liberdade, e fiscalizadores do poder. Somos a garantía de que todas as voces sexan escoitadas, de que todas as inxustizas sexan denunciadas, de que ningún recuncho da nosa terra quede á marxe da información”, sinalou o presidente.
Como principal acto desta celebración, o mítico Playa Club da Coruña acollerá o propio 7 de febreiro desde as 21:30 h un concerto de Leria e A banda da Loba, dous grupos que conxugan os valores e a esencia deste Día dos Medios en Galego 2025. As entradas (7€) están á venda en entradium.com
O secretario xeral de Política Lingüística destacou que este evento, ademais de xuntar a medios galegos, tamén reúne “outra parte moi importante da comunicación como son os receptores e receptoras”. Valentín García subliñou o feito de que hoxe en día haxa máis de 140 medios que empreguen o galego, “unha cifra que fai anos nos parecería incrible e que nos obriga aos que temos responsabilidades públicas a seguir apoiando e a traballar na liña de que cada día sexamos máis”.
Pola súa parte, tanto Andrea Porto, de A banda da Loba, como Helena Barreiro e Andrea López, integrantes de Leria, amosáronse moi agradecidas por contar con elas para este concerto. “Parécenos moi importante que se fagan este tipo de actividades porque é certo que fai falla darlle máis visibilidade á nosa lingua”, afirmaron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario