30 abril 2010

A praia artificial e o Campo do Rollo a debate en O Ronsel

Logo de dúas semanas de parón involuntario, voltou O Ronsel coas pilas ben cargadas. Este xoves, o programa informativo das radios comunitarias da Costa puxo sobre a mesa dous dos temas que marcan a actualidade en Corcubión: o proxecto da praia artificial e a reordenación do Campo do Rollo. Polo programa pasaron os voceiros dos tres partidos con representación no Concello. Iremos traendo ata esta bitácora nos vindeiros días as visións de todas as forzas políticas. Hoxe comezamos coa entrevista que o noso compañeiro Óscar Rey, facíalle a Óscar Insua (na foto), voceiro do BNG.
  • O BNG está en contra do proxecto da praia artificial...
O BNG dende sempre se puxo en contra dun proxecto que consideramos que non ten futuro para Corcubión e que supón un despilfarro de cartos para as arcas públicas. Todos coñecemos a praia de Cee e para o que vale, e aquí o alcalde se empeña en facer unha praia artificial con area de caolín en vez de rexenerar a ría. Aínda en tempos de crise hai que manter os postos de traballo que iso xera, que seguramente pódense xerar aínda máis dos que hai. É mellor investir o cartos para producir, e non para algo que todos sabemos que non vai servir para nada.
  • ¿Cal é o traballo que leva feito o BNG sobre o asunto?
Como adoita facer o alcalde, fíxose todo por atrás da xente. Comezou a falar co Ministerio e con Costas para levar cara adiante este proxecto. A xente foise enterando cando saíu o proxecto de información pública. Sen embargo el non falou con ningún dos veciños para coñecer o seu parecer. A partir de aquí é cando nós comezamos a mobilizarnos porque nos enteramos que hai este proxecto.

Fixéronse unha serie de alegacións por parte das mariscadoras. Despois creouse unha plataforma, pero antes xa se levara o asunto ao pleno da corporación para ser aprobado o proxecto. Dito pleno serviu para facer alegacións ao proxecto e no mesmo, a posición foi o rexeitamento con 5 votos en contra por 4 a favor. Sen embargo o alcalde non ten en conta os acordos que se toman no pleno. Temos un alcalde que para estes asuntos é pouco democrático. Non asumiu esta votación e seguiu tirando cara diante.

A partir de aí chegaron os recursos propios administrativos que se fixeron. Fíxoos a plataforma, tamén as mariscadoras, e nós. O recurso foi respostado polo Ministerio negativamente. E xa que no Concello o alcalde non tiña en conta a nosa proposta, levámola a outros foros.

Levámos o proxecto ao Parlamento galego, ao Congreso dos Deputados e á Unión Europea por medio da nosa eurodeputada Ana Miranda. Precisamente vai ser na Unión Europea onde comecen unha investigación sobre a contaminación da ría e onde tamén terán algo que dicir se esa praia vai poder ter a calidade para ser de baño ou non.

No Parlamento galego
se tratou nunha comisión onde o director xeral de Recursos Mariños tivo unha posición moi ambigua porque non se posicionou totalmente en contra. Simplemente dixo que falara co de Costas, que se habería algúns cambios, que bueno…

Entón o PP por un lado se posicionou en contra en Corcubión, no Parlamento galego se posiciona ambiguamente e no Senado solicita que se faga unha nova declaración de impacto medioambiental, que si é necesaria, pero é o último que hai que facer e a Xunta ten competencias para tirar este proxecto cara atrás. Finalmente no Congreso dos Deputados fixeron unha resposta por escrito, que foi unha resposta que lle deron ao noso compañeiro Francisco Jorquera na que dixeron que tiña o pleno apoio da corporación municipal, cando é mentira.

A cousa está así e seica agora non hai cartos, pero o proxecto vaise facer igual. Todo isto con declaracións de prensa e cunha campaña institucional pagada con cartos públicos para vender fume, porque iso non é unha campaña nin nada. Modificar fotos cun photoshop para intentar convencer aos veciños do que vai ser unha praia, non ten nada que ver con aquelas palabras nas que dixera que ía informar aos veciños do que ía ser.

O último trámite que fixemos nós foi a pasada semana, cando instamos mediante os nosos deputados, Carlos Aymerich e Bieito Lobeira, a que se debata unha proposición non de lei na Cámara do Palamento galego, onde se verán os apoios reais que ten este proxecto na Cámara galega, e supoño que en función de como saia esta votación, o PP que é o que agora mesmo ten competencias na Xunta de Galicia, pois será o que teña que mover ficha, e esperemos que o alcalde en función do resultado, tamén mova ficha e arquive o proxecto.


  • As obras do Campo do Rollo espertaron debate entre os veciños sobre o resultado das obras. ¿Cal e a posición do voso grupo político?

O alcalde fai todo como normalmente acostuma. Primeiro ás escondidas e de súpeto nos soprende a todos cunha barbaridade. O que están facendo no Campo do Rollo non ten ni pés nin cabeza. Que queira reformar unha praza ao seu gusto pode pasar, pero que tente cortar todas as árbores do Campo do Rollo non pode ser. Xa cando se fixo a primeira fase co remodelado do parque infantil, cortaron camelios e dous sauces. Agora xa comezaron os traballos e cortaron o sauce que quedaba, o máis grande, porque din que non ten ningún tipo de valor. ¿Quen son eles para dicir que unha árbore ten certo valor ou non ten valor? Non sei se mercadean con esa madeira, pero iso non se pode facer, sobretodo sen un informe técnico e sen un criterio científico.

Os veciños se viron sorprendidos porque o alcalde non informou. Nós sabiamos que se ía reformar, e cando fora da outra vez xa lle dixeramos que non se cortara ningunha árbore e niso quedaron, o que demostra que o alcalde ten unha palabra que vale moi pouco e non se pode confiar nel. As árbores van comezar a cortalas. A nós parécenos un xeito de terrorismo ecolóxico, porque adicáronse a cortar todas as árbores cantas hai en Corcubión e non repoñen nin a primeira. Eu penso que é unha teima persoal que teñen os concelleiros coas árbores, pero dende logo non é a mellor maneira de relacionarse co medioambiente e sobre todo de defendelo. Din que o alcalde é moi ecoloxísta, pero se esto é ser ecoloxista…

  • A un ano das eleccións, ¿como afronta o BNG os vindeiros comicios de 2011?

Eu coido que o BNG fixo e está a facer un bo traballo na oposición. Estamos facendo unha oposición construtiva e criticando o que se fai mal, pero tamén damos alternativas nos plenos da corporación e levamos alternativas para que se aproben. Penso que o traballo do BNG é intenso ao longo destes últimos dous anos e creo que se afrontan nunha boa posición. Dende logo, eu creo que o Bloque é o partido que é a alternativa de goberno neste concello, e dende logo, os últimos pasos que está a dar o alcalde, ocultando os informes do PXOM, maltratando aos traballadores, da pé a que o BNG váiase consolidando máis e vaia con opcións de poder gobernar ás vindeiras eleccións municipais.

Escoitar a entrevista

No hay comentarios: