- A un ano vista das eleccións, ¿como se atopa o nivel de inversións que Laxe debería ter aplicado nesta lexislatura?
A nivel de inversións a desgraza de Laxe é o empeño que temos. Nas últimas contas que se aprobaron figura que debemos aos bancos 1.537.725 euros. Debemos facturas por 1.328.796 euros e temos un remanente negativo de 1.238.640 euros.
Con este empeño o Concello de Laxe foi declarado pola Deputación da Coruña, que é un organismo coa mesmas siglas que o PSOE de Laxe, en quebra técnica. Ante esta situación o Concello quere acollerse aos apoios do Goberno para pedir un préstamo por riba do que legalmente permitíanlle antes, e vese obrigado a facer un plan de saneamento. Un plan para o periodo 2010-2015 no que só figuran 50.000 euros para inversións reais, e máis de 816.000 euros en gastos de persoal. O noso alcalde, con todo o empeño que temos, subiuse o soldo. Sen embargo a inversión que nos pon nun plan de saneamento vai ser como máximo de 50.000 euros cada ano.
- Tal como se atopa a situación do Concello de Laxe, ¿cal pode ser a receita para saír deste atolladeiro?
Hai tempo que nun pleno propuxen, antes de que o esixira a lei, facer un plan de saneamento para o que nós nos ofrecemos desinteresadamente a crear unha comisión onde puideramos aportar ideas e formar un equipo entre todos. Fixen esta oferta para a hora e o día que o alcalde puidera. Hai que sentarse nunha mesa e analizar a vila. Temos que comezar pola creación de emprego. Laxe está perdendo o pouco que tiña. De feito lin unha publicación no xornal onde se analiza a renta per cápita por familia de todos os concellos da Costa, e Laxe ten unha das máis baixas.
En Laxe hai programado un polígono industrial. O noso alcalde atrévese a dicir que non está seguro de que un polígono industrial sexa bo para o concello, cando é a primeira pedra para que unha empresa se poida instalar e crear postos de traballo. É moi urxente que se tomen medidas. Nós estamos dispostos a sentarnos co grupo de goberno e a aportar todas as ideas posibles.
- ¿Cal é a posición de TeGa con respecto ao PXOM de Laxe?
Dende un principio TeGa manifestou nos plenos e nas reunións cos veciños que o PXOM se estaba a facer dun xeito inxusto. Iso vese claramente porque temos terreos que eran urbanos polos que se estaba pagando unha contribución, que quedan como zona verde. Sen embargo si temos grandes intereses en declarar zona urbanizable o Campo do Escaravello para facer unha permuta declarada pola xustiza de ilegal. Incluso no Plan mentíase porque se dicía que ese terreo tiña as rúas con todos os servizos. Non había ningún interese en respetar os terreos que comprara a xente como zona urbana. Decláranse zonas verdes ou protexidas sen problema ningún.
Hai máis inxustizas, como zonas ao lado do río cuxos propietarios teñen unha relación familiar ou amistosa co grupo de goberno e decláranse urbanas. E a carón outras zonas de persoas non amigables públicamente do grupo de goberno, declaranse protexidas. Hai casas antigas que quedan fóra de ordenación e zonas novas declarámolas urbanizables. É moi difícil que un pobo chegue a ver as consecuencias dun plan urbanístico ata que queiran facer algo no seu terreo.
Eu propuxen ao alcalde facer unha publicación por segunda vez, logo da modificación sustanciosa do Plan. Propuxen voltar a facer a explicación por parroquias das distintas zonas e negouse por completo a dar información.
- ¿Cómo está nestes intres o Plan?
A Xunta aprobou o Plan pero restrinxido o Campo do Escaravello. O Concello queríao urbanizable e a Xunta non o declarou urbanizable. A empresa que tiña a permuta feita volveuse atrás e teñen todo paralizado. En febreiro tiñan que convocar un pleno ordinario que non se convocou. Hai un silencio absoluto pero recurriron por mor do Campo do Escaravello. A obsesión do alcalde de Laxe é urbanizar o Escaravello para vendelo dun xeito oculto a quen el quere e ao prezo que el quere a través dunha permuta. Nós estamos loitando por quitar o Plan adiante, pero ten que ser un Plan con solucións.
Laxe ten un problema moi grande i é que non ten posibilidade de facer un cemiterio. Pois faise un Plan urbanístico onde non se contempla ningunha posibilidade de ampliación de cemiterio tanto en Laxe como en Serantes. En Traba parece ser que o van resolver. En Laxe podíanse urbanizar as zonas que realmente eran urbanas e deixar verdes as zonas do Concello porque non perxudican a ninguén. Nós apoiamos sempre o Plan que estea a favor das familias de Laxe, non a favor dos intereses ocultos dun Concello.
- Queda pouco para as vindeiras eleccións. ¿Pode haber posibilidade de cambio?
Cando unha persoa se presenta cun proxecto en política sempre ten a ilusión de que o seu proxecto vaise levar a cabo. Teño moitisima ilusión de que haxa un cambio en Laxe porque senón o hai, Laxe vai sufrir unhas consecuencias insalvables. Ao que lle toque vai ter que ter capacidade de consenso. A única solución do pobo de Laxe é que ten que priorizar a solución do problema económico por enrriba de calquera sigla política.
Máis información:
No hay comentarios:
Publicar un comentario