29 septiembre 2009

Entrevista co alcalde de Laxe


Di que non é moi dado a conceder entrevistas porque prefire ser un veciño máis a vende-lo que fai, máis connosco fixo unha excepción. Entrevistamos a Antón Carracedo, alcalde de Laxe. Con él fixemos balance dos dez anos que leva á fronte do goberno municipal. Temas de actualidade como a polémica co PXOM, a paralización das obras da estrada Laxe- A Ponte do Porto ou a recuperación ambiental do Concello centraron a nosa charla. Carracedo conta que de momento para a nova Xunta, Laxe é un cero á esquerda, pero iso non lle quita folgos para loitar polos intereses no só do seu Concello senón de toda a Costa da Morte. Poden escoitar os cortes máis interesantes da entrevista no boletín do martes 29 de setembro de 2009.
Hai xa dez anos que chegaba á alcaldía en 1999. ¿Que mudou en Laxe dende aquela?
O principal é a forma de ve-la vida. Aquí pasamos dun Concello onde prácticamente non se podía nin falar a que a inmensa maioría da xente coñecera e vivira o que era a democracia. Lémbrome sempre dos primeiros días ó entrar aquí, en agosto do 99. Foi curiosísimo ó mesmo tempo que triste. Viña unha gran cantidade de xente coñece-lo despacho da alcaldía ou diversas dependencias municipais, ou sexa que nin aquí viña xente.  
Na actual lexislatura, ¿que balance fai dos dous primeiros anos?
É complicado. A situación económica é complicada por unha serie de factores. Na miña opinión, ó mellor quixemos excedernos en facer cousas. Quixemos facer de Laxe un Concello exemplar na comarca facendo unha serie de obras e mantendo e implantando unha serie de servizos, pero a capacidade económica por desgraza non nos deu para facer fronte a eles.  
¿Como valora o papel do seu grupo de goberno e o da oposición no Concello?
Nós o que intentamos sempre é facelo o mellor posible aínda que tamén tivemos erros. Dicir que un gobernó fai todo perfecto sería do cinismo. Nós o que si tivemos e temos é a ilusión de traballar para o Concello. Ás veces é cuestión de vende-lo produto. Eu penso que en política non tes que vende-lo produto. Ten que valora-lo produto a xente, non vendelo ti. Nós por exemplo non inauguramos unha soa obra dende que estamos aquí, e penso que se fixeron obras moi importantes para Laxe. Outra xente de calquer grupo político está tódolos días na prensa vendendo fotos. Ese non é o noso sistema. Ó mellor é un erro pero cada un pensa a súa maneira.
En canto á oposición, non falo dela. Quen ten que falar é o pobo nas eleccións. O único que podo dicir é que nunca se prestaron a axudar.  
Imos entrar a analizar os diversos temas que conformaron a política municipal nos últimos meses. No eido urbanístico, o PXOM foi rexeitado pola Xunta nunha ocasión. Din dende o PP que o Campo do Escaravello ía adxudicarse a unha empresa privada. ¿Cales son os seus comentarios ó respecto?
Eu sigo dicindo que é  unha operación histórica non só en Laxe, senón en toda a Costa da Morte. Moitos alcaldes da zona me felicitaron. Aquí estanse a dicir unha serie de barbaridades tremendas. Foi unha operación que saíu da nada e xurdiu pola propia inercia do tempo, non foi unha operación que procurase o Concello. Uns señores compraron uns terreos e atopáronse cun terreo, o Campo do Escaravello, colindante cos que eles compraran, que ten un litixio dende hai máis de corenta anos. De ahí xurdiu o tema da permuta do Escaravello.
En canto ó PXOM, dicir que se fixo con todo o cariño do mundo, sen ningún tipo de presión. O que non aprobou a Xunta foron catro casos puntuais. Un deles por exemplo, a zona que vai dende Fenllido a Serantes. A Xunta dicía que non o querían como solo urbano e nós en diversos contactos que se tiveron cos técnicos da Xunta propuxémoslles de facelo urbano. Outro tema é o do Escaravello, que xa é urbano dende o ano 95, declarado polo propio Partido Popular a efectos de facer ducias de vivendas sociais.  
Falamos agora de infraestructuras. ¿Que pasa co problema do porto?
Había un proxecto que gustaba a unha minoría e hai tres ou catro anos se optou por estudar unha proposta que resolvera para sempre o problema do porto e da praia. O proxecto que había antes non o resolvía e o que conseguimos foi que a Xunta fixera un estudo sobre a viabilidade de outros proxectos. Eu teño o proxecto de facer un muelle en Besugueira e tirar parte do muelle comercial, que foi o causante dos problemas a mediados dos oitenta. Ese estudo xa leva un ano e pico feito e xa mantivemos xuntanzas coa Confraría e co Patrón Maior para negociar que vaia este proxecto cara adiante. O proxecto contaría co ente público Portos de Galicia e co Goberno a través da Dirección Xeral de Costas para que colaboren connosco, xa que é un proxecto de moita envergadura que require inversións millonarias.  
Na área de infraestructuras o tema que está  de actualidade é a paralización das obras da estrada Laxe – A Ponte do Porto…
Trátase dun problema que está  xurdindo en moitos sitios, por desgraza. A empresa encargada, Teconsa tiña problemas económicos e a raíz de ahí a adxudicación vai ir para a empresa que quedara de segunda cando foi o concurso. Teño que dicir que o interese da Xunta polo tema é nulo. O mesmo que recoñecín que a Xunta do PP de Manuel Fraga colaborou co Concello de Laxe, agás catro ou cinco excepcións, da actual a día de hoxe non podo dici-lo mesmo.  
¿Que outros proxectos en clave de infraestructuras se desenvolveron e vanse desenvolver en vindeiras datas?
Hai un exemplo claro do que acabo de dicir. Coa Xunta de Manuel Fraga conseguimos 500 millóns de pesetas para face-la depuradora. O porto de Laxe é o único da Costa da Morte que ten depuradora dende xa hai anos. Tamén conseguimos cartos para o colexio. A ver se a Xunta actual nos dá algo porque o que único que se fixo foi o colector xeral de Coéns e Castrelo, e xa estaba aprobado antes de que chegara Feijóo. Ademáis, os tres alcantarillados que se están facendo (Coéns, Boaño e A Torre) son pola Deputación, así que reitero, a Xunta do goberno actual a día de hoxe en Laxe, nada de nada.  
Falamos agora de política social. ¿Como se atopa o proxecto do centro de día?
Solicitouse no seu día e mandouse o proxecto. Ahí tamén se dixeron unha serie de barbaridades, neste caso por parte do BNG de Laxe, dicindo que non se cederan os terreos cando eles, precisamente, eran os que levaban o tema a través de Vicepresidencia na Xunta. Ofrecéronse os terreos de Santa Rosa e veu ata aquí o Director Xeral. Estivemos en contacto permanente con eles e lles parecía moi costoso face-la obra alí polo tema da cimentación. Se se necesita máis diñeiro ou menos diñeiro, iso é un problema que pode e debe resolver a Xunta de Galicia.  
Está  proxectado tamén, o Centro Cívico…
Si. Dentro da permuta do Escaravello ía o Centro Cívico cuns trescentos millóns de pesetas. Levaría locais para a xente maior, para reunións e para bailes e levaría tamén anfiteatro e temas de servizos sociais. Sería unha obra preciosa para Laxe. Tamén ía dentro da permuta un local de cincocentos metros para facer unha gardería.  
¿Como valora os servizos de benestar que ofrece o Concello?
O que pediría e que se fixera un estudo dos servizos que prestan tódolos Concellos da Costa da Morte. Hai Concellos que nos duplican e triplican a poboación e teñen moito menos servizo de asistencia a domicilio cá nós. Temos actualmente cinco asesores a domicilio a xornada completa. Hai Concellos máis grandes que teñen catro ou seis a media xornada. Non é falar, é simplemente contrasta-los datos. 
No eido económico puidemos ler na prensa este verán que se lle denegara ó Concello un crédito bancario…
A min paréceme rarísimo. Se as entidades, e sobretodo Caixa Galicia, deben axudar ós Concellos, o normal e que axuden ós Concellos que están mal. Un dos datos dos que non se fala é que dos máis de trescentos concellos que hai en Galicia só hai cincuenta e un que non están endeudados e moitos duplican e triplican a nosa débeda, pero semella que Laxe é o paradigma do desplifarro cando aquí se gastou o diñeiro en obras. O que pasa é que coincidiunos a época do Plan Xeral e tivemos que estar dous anos sen dar licencias, veu a crise do tema da construcción e xuntouse todo. E os concellos, non só Laxe, imos traballando en función dos ingresos que temos, neste caso das licencias. Este foi o tema do endeudamento. Non se gastou en festas, en comidas ou en caralladas... Gastouse en obras e están ahí as cousas, non as inventamos nós. Hai Concellos da Costa que están coma nós ou máis endeudados. Hai poucos meses en Carballo pedían un crédito de dous millóns. Ponteceso, Fisterra, Camariñas, Coristanco… Tódolos concellos piden. Outra cousa é que sexa máis soado ou menos soado porque aquí o problema é o mediático. 
En temas culturais o tema por excelencia é o Museo do Mar. ¿Que problemas xurdiron coa empresa adxudicataria da obra?
A oposición no Concello criticaba que non se lle pagara á empresa cando a empresa non fixo aquelo polo que tiña que cobrar. E a proba está en que tivemos que contratar outra para que fixera a obra que eles non fixeron. A nós se nos di que non lle pagamos a unha empresa pero imos ver, ¿como lle vou pagar a unha empresa que non fai unha obra ben feita? Non fixeron as obras nas condicións nas que debían de facelas e tivemos que contratar outra e pagarlle un bo feixe de cartos para que deixaran a obra ben feita.  
¿Cal e o futuro do Museo do Mar?
Nos queremos que a finais de novembro ou decembro estea todo rematado. Sempre intentamos que fora un museo vivo, que non fora un museo simplemente expositivo. Contamos coa axuda da familia de Vidal, que iso xa é un tesouro, e contamos tamén coa colaboración tanto a nivel local como a nivel de outros museos para facer un museo vivo no que a xente participe, non que simplemente pases por alí e vexas senón que sexa vivo.  
Outro tema polémico, desta volta en terreo deportivo, é o do campo de fútbol…
Co campo de fútbol tivemos un problema. Os corenta metros do peche estaban dentro do tema de Costas, da Xunta. Pedíuse o permiso porque a lei só permite facer un muro dun metro e ó final nolo denegaron.  
Hai unhas semanas saía á palestra o ex alcalde Antonio Castro e dicía que a parcela do campo de fútbol é de titularidade privada e non ten a debida calificación urbanística…
A Deputación por lóxica non dá un diñeiro senón se xustifica a actividade do terreo. No que se refire á titularidade asinouse un convenio coa anterior propietaria. En canto ó tema urbanístico insto ós que acusan a que repasen o Plan Xeral. 
Dende TeGa, a súa voceira, María Vázquez Lavandeira botaba á  culpa ó seu goberno de que o concello estivera tantos anos sen campo de fútbol. Incluso chegou a traer algún xogador do Deportivo para chama-la atención da sociedade ¿Que pasou para que Laxe estivera tantos anos sen campo de fútbol?
Tiña que explicar ela porque quedamos sen campo de fútbol, por qué se fixo o centro de ESO alí cando en principio estaba proxectado facelo onde está a piscina. Eu desa señora non quero nin falar porque aquí semella que estamos nun país hipnotizado. ¿Por que se pelexou por facer alí o campo de fútbol? Porque era a opción mellor. María declarouse partidaria de facelo na Ínsua. Eu non sei se a Ínsua é un lugar idóneo, xa non entro en físicamente, senón no tema ecolóxico. É unha barbaridade. Se se pelexou para conseguir o campo onde está é porque non queremos un campo de fútbol. Queremos un campo ó que se lle quite a máxima rendabilidade social no tema deportivo, e qué mellor que un campo de fútbol estea a carón dun colexio, para que a través da ANPA e do colexio, sexa utilizado polos alumnos e as alumnas que están no colexio de Laxe. O sentido non é ter quince ou vinte persoas que adestren alí. É a utilización máxima por parte dos alumnos e as alumnas e que eles poidan utiliza-lo campo de fútbol tódolos días.
En canto ó mediático do asunto, estamos nun país de foto. Ninguén se acorda da xente que traballa. Nos medios de comunicación eu non vexo que fale un labrador, un mariñeiro, un carpinteiro, ou un albanel. Agora todos entendemos de todo e todos opinamos de todo.
Xa está  ahí o campo, pero ¿vai volta-lo Laxe a xogar?
Si. Xa tivemos contactos coa xente e teño claro que si, pero insisto, a esencia non é que só xogue o Laxe. A esencia é que se lle saque a máxima rendabilidade e uso deportivo a través dos alumnos e alumnas do colexio.  
¿Que valoración fai das actividades culturais e deportivas que ofrece o Concello?
As actividades están ahí. Eu non teño nada que comentar, quen o ten que comentar é a xente. O que podo dicir é que recibimos unha gran cantidade de felicitacións tanto de xente de aquí como de xente que nos visita e podo demostralo. Eu falo con documentos, non falo de palabra. Ás veces é cuestión de vende-lo produto e en política non tes que vende-lo produto. Ten que valora-lo produto a xente.  
Os concelleiros de Cultura e Deportes deixaron os seus postos. ¿Que aconteceu?
Iso é como toda cousa na vida. Hai diverxencias, non se está de acordo e o único que lles desexo e sorte nas súas vidas.  
No tema medioambiental destacan as actuacións na Ínsua e en Traba. ¿Que valoracións fai ó respecto?
(Procura unha carta entre os seus papeis) Esta é unha carta dun alcalde de Italia que veu aquí hai trece anos e voltou hai uns meses. Nela nos felicita polo progreso que tivo Laxe en varios aspectos e sobretodo no tema ambiental. ¿Que Concello da Costa ten máis áreas de recreo que o de Laxe? Ás veces é discutir se agora quenta o sol ou agora é de noite. Non o digo eu, está ahí, e destas probas teño varias. Nós entramos aquí e había dous vertedoiros na Ínsua. Pechouse o de arriba e quitouse o de abaixo. Foron máis de 5.000 toneladas de lixo as que se quitaron de alí, no paseo que vai á Furna da Espuma. O que era a Ínsua hai dez anos e o que é hoxe non ten nada que ver. Nós non estábamos gobernando cando iso estaba en mal estado.
Sobre a Ínsua tamén temos un proxecto que presentamos na Xunta (que por certo, non nos deron un peso). Consiste en facer unha área de descanso entre o miradoiro dos voluntarios e o vertedoiro de arriba. A nosa intención é facer un paseo peatonal e despois facer unha área con xogos para os nenos e mesas e bancos para a xente maior.  
E o noso proxecto para a zona da Ínsua. O que di algún membro da oposición é un contrasentido. ¿Como se vai facer un campo de fútbol na Ínsua? Iso ten que ser un lugar de ocio, que é o que estamos conseguindo dende que nós entramos. É un contrasentido que digan que non se fai nada cando eles querían facer alí o campo de fútbol, algo que é ilegal e non o permite a lei. Eles mesmos se contradin.
En canto á Traba están ahí as obras. Eu penso que é a xoia da coroa de Laxe. O que se procurou foi dar un maior servizo tanto ós veciños do Concello como ós visitantes. 
E xa para ir rematando gustaríanos coñecé-lo seu parecer sobre algúns temas de interese para toda a Costa. Hai uns días saltaba á  luz a polémica en torno ó emprazamento da ITV, o que provocou a marcha de Zas de Neria. ¿Cal e a súa opinión acerca dos grupos supramunicipais como Neria?
Laxe e Neria seguen sendo socios pero eu levo moitos anos sen ir alí porque non estou de acordo co funcionamento. Os grupos de acción local non poden aborda-la política de ningún partido. O que pasou co GAC é vergonzoso. Non están representados os minusválidos na dirección. Non está representado ningún técnico de turismo. E iso ocorre porque hai pelexas políticas por ocupar os cargos, e iso é o que non pode haber. Os grupos de acción local como GAC, GDR ou Neria teñen que ser totalmente apolíticos. Non somos capaces de sentarnos nunha mesa e deixar a chaqueta política fora do local. O interese de todos existe senón hai intereses políticos. No momento en que haxa intereses políticos xa non hai nada que facer. Eu non teño problema en que as cousas vaian para un lado ou para outro pero hai que estudalo.
Cando foi o tema do parador, Laxe apoiou a Ponteceso cando se dicía que Balarés era o sitio idóneo. Eu non tiña ningún interese particular porque se non beneficia á Costa da Morte en xeral é un erro. A nós nos beneficia enormemente a Mostra do Encaixe de Camariñas. Eu apoiareina toda a vida a morte porque a maioría da xente que vai ó Encaixe a Camariñas pásame por Laxe. Os técnicos son os que teñen que estudar os proxectos e todos debemos apoiar as decisións.
Algo falla neste tipo de asociacións dende o momento en que hai pelexas políticas para conseguir as directivas dos grupos, algo falla. 
¿Que opinión lle merece a supresión de certos servizos na zona como o helicóptero de Salvamento de Cee, que a Xunta a achaca á austeridade?
Vou contestar con outra pregunta. ¿Que pasaría se esa supresión a fixese o goberno anterior? Son cousas que non teñen sentido. ¿Cómo imos suspender un servizo que xa estaba proxectado e aprobado? Suspéndeno e non pasa nada. Agora ben, se o suprimira o goberno anterior estaríamos falando doutros asuntos. 


2 comentarios:

Anónimo dijo...

Radio Neria non está con Radiofusión?

Anónimo dijo...

radioneria é unha radio municipal pero con programacion propia. Non emitimos radiofusion.

saudoss