09 outubro 2025


 A Asociación Cultural Radio Neria leva "A RADIO NA ESCOLA" ao CEIP Praia de Quenxe

Dando continuidade ao programa A RADIO NA ESCOLA, a Asociación Cultural Radio Neria visitou o CEIP Praia de Quenxe de Corcubión. Nesta xornada, os nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria asistiron a unha xornada de formación para levar a cabo un pódcast que gravarán no mes de decembro. 
Este programa trata de introducir a radio nos centros de ensino de primaria na comarca de Fisterra, poñéndoa en valor como ferramenta educativa. A RADIO NA ESCOLA é un programa organizado pola Asociación Cultural Radio Neria e conta coa financiación da Deputación da Coruña.

30 setembro 2025

                                    

    A ASOCIACIÓN CULTURAL RADIO NERIA PON EN MARCHA O PROXECTO "A RADIO NA ESCOLA"

Este luns 29 de setembro arrancou o proxecto "A RADIO NA ESCOLA", un programa posto en marcha pola Asociación Cultural Radio Neria e que conta coa financiación da Deputación da Coruña. Un proxecto que engloba aos centros de ensino de primaria de Corcubión, Cee, Fisterra, Muxía e Dumbría. Con este traballo preténdese poñer en valor o patrimonio cultural de cada un destes Concellos. O proxecto estará rematado antes do parón do Nadal. Os programas van ser emitidos en Radio Neria, a emisora municipal do Concello de Corcubión e subidos ás plataformas Ivoox e Spotify da propia emisora.

22 xuño 2025


Este luns escoitamos o pódcast que Radio Neria gravou no Centro Recreativo Cultural de Corcubión

Radio Neria emite este luns días 23 de xuño o pódcast gravado no Centro Recreativo Cultural de Corcubión no que se debatíu sobre o presente e futuro turístico da comarca, o seu potencial e o seu compromiso como un destino turístico sostible. 
O pódcast está enmarcado dentro da participación de Radio Neria no 3º programa Onda ODS "O Futuro empeza por ti", que desenvolve con EMUGA (Emisoras Municipais Galegas), RTV Cardedeu, a EMA (Emisoras Municipais de Andalucía) e a REMC (Rede Estatal de Emisoras Comunitarias).
Neste programa imos contar coa participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira ademais de Xabier Domínguez, alcalde de Corcubión e Pepe Formoso, presidente de APTCM. Na segunda parte do programa haberá un coloquio non que estarán presentes Xóan Creus, Arquitecto ceense, profesor titular do departamento de Proxectos arquitectónicos, urbanismo e composición da Escola Técnica superior da Coruña; Iria Caamaño, profesora de socioloxía e comunicación, pertence ao Grupo de Investigación de Estudos Territoriais, e desenvolve liñas de investigación sobre turismo cultural, comercialización e planificación turística e Lucrezia López, directora do Centro de Estudos Turísticos da USC. Tamén nos acompañou Ubaldo Cerqueiro, director do xornal dixital Que Pasa na Costa.

03 xuño 2025

                                        

RADIO NERIA GRAVA UN PODCAST DESDE O CENTRO RECREATIVO CULTURAL DE CORCUBIÓN

Este pasado sábado Radio Neria saíu da emisora para gravar, desde o Centro Recreativo Cultural de Corcubión, un pódcast sobre "Turismo sostible e riqueza da comarca". Polo programa pasaron o Vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez "Drok" e o presidente de APTCM (Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte), Pepe Formoso.
No programa abordáronse as necesidades e potencialidades da Costa da Morte de cara a ser un referente dentro dos destinos turísticos de Galicia, pero sempre tendo en conta a sostebilidade.
O pódcast poderase escoitar este mércores 4 de xuño en https://radioneria.blogspot.com e tamén na plataforma Ivoox e Spotify.

21 abril 2025


 Arranca o concurso inter-institutos “Onda ODS – o futuro é teu "

Mañá emítese na programación de Radiofusión a primeira das semifinais do concurso sobre ODS e Axenda 2030 que se realiza simultaneamente en varios territorios do resto de España.


Os estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de catro centros galegos serán os protagonistas desta primeira edición dun concurso que pretende transformar a educación en materia de sustentabilidade nunha experiencia interactiva, divertida e emocionante aproveitando o alcance e a influencia da radio local en todo o Estado.


Este concurso Preséntase como actividade central do proxecto “ONDA ODS O Futuro é Teu” formulado pola Asociación de Emisoras Municipais e Comunitarias de Andalucía de Radio e TV (EMA-RTV) en colaboración con RTV Cardedeu, a Asociación de Emisoras Galegas (EMUGA) e a Rede de Medios comunitarios (ReMC).


A representación dos centros galegos neste concurso está representada polos Institutos Manuel García Barros de A Estrada – en Pontevedra, o IES Perdouro de Burela – en Lugo-, o IES Antón Losada Diéguez tamén da Estrada e o IES de Fene, da Coruña.


Os cruces entre estes equipos que comenzan mañá martes 22, co enfrontamento do IES Manuel García Barros e o IES de Fene, e continuará o na segunda semifinal entre o IES Perdouro de Burela e o Antón Losada da Estrada o venres 2 de maio. A final entre os equipos gañadores destes cruces dará a coñecer ao equipo que representará a Galicia na fase estatal do concurso, onde se medirán con centros de Catalunya, Andalucía e a Comunidade de Madrid.


O centro de ensino que acadará o título nesta primeira edición do concurso “Onda ODS – O Futuro é Teu” dirimirase na final estatal que terá lugar o día 13 de maio.