06 febreiro 2025


 

Día dos Medios en Galego


Cada 7 de febreiro, Galicia celebra o Día dos Medios en Galego. Faino co gallo da saída da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, en 1876. 

Un “Día” ratificado por unha declaración conxunta de todos os partidos con representación no Parlamento Galego o propio 7 de febreiro de 2018. 
Un Día que serve á entidade de fío condutor para realizar as campañas de sensibilización e concienciación da necesidade de manter medios que manteñen viva e útil o noso idioma. 

Para celebrar a data vimos realizando unha serie de eventos:

En 2018 celebrouse en Barallobre (Fene), na que interviron 25 persoas relacionadas coa nosa cultura e cos mediosa. 

En 2019 a Gala tivo lugar en Pontevedra, e contou coa presencia de Touriñán e Ugia Pedreira. Un evento que nos servíu para “sacar peito” e fachendear de coidar a nosa lingua, de ennobrecela a través de usala, de darlle máxima utilidade.

En 2020 o acto cultural celebrouse no Casino1889 de Carballo, coa dirección de Avelino González e a regueifeira Lupe Blanco, e a actuación da banda Terbutalina.

Este 2021 toca facelo vía streaming, cun formato #LateNight que tivo que ser adiado polas restricións sanitarias e que emitiremos o 20 de marzo polas canles de Youtube e Facebook da AMEGA, as radios municipais e Nós Televisión.

En 2022 fixeron un percorrido histórico polas rúas de Santiago lembrando momentos importantes da historia para a nosa lingua, coas representacións dos Quinquilláns .

En 2023, coa intención de chegar máis directamente á mocidade, artellamos un minifestival de música galega contemporánea cos concertos de Grande Amore e Ortiga.

Se ben a AMEGA formámola arredor de 60 medios (radios, edicións impresas, xornais dixitais…) vimos de contrastar que hai activos máis de 140 medios (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) contanto o que pasa no noso país.

05 febreiro 2025


 

AMEGA celebra o Día dos Medios en Galego 2025 cun concerto de Leria e A banda da Loba 

O presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en rolda de prensa as diferentes actividades que organizou a entidade para celebrar o Día dos Medios en Galego o vindeiro 7 de febreiro. Este día coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego, O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876. 

Neste 2025, AMEGA decidiu poñer o foco na función social dos medios de comunicación. De aí o lema ‘A Lingua que nos une’. “Porque máis alá da nosa labor informativa, somos axentes de cohesión, xeradores de debate, de espazos de liberdade, e fiscalizadores do poder. Somos a garantía de que todas as voces sexan escoitadas, de que todas as inxustizas sexan denunciadas, de que ningún recuncho da nosa terra quede á marxe da información”, sinalou o presidente. 

Como principal acto desta celebración, o mítico Playa Club da Coruña acollerá o propio 7 de febreiro desde as 21:30 h un concerto de Leria e A banda da Loba, dous grupos que conxugan os valores e a esencia deste Día dos Medios en Galego 2025. As entradas (7€) están á venda en entradium.com 

O secretario xeral de Política Lingüística destacou que este evento, ademais de xuntar a medios galegos, tamén reúne “outra parte moi importante da comunicación como son os receptores e receptoras”. Valentín García subliñou o feito de que hoxe en día haxa máis de 140 medios que empreguen o galego, “unha cifra que fai anos nos parecería incrible e que nos obriga aos que temos responsabilidades públicas a seguir apoiando e a traballar na liña de que cada día sexamos máis”.

Pola súa parte, tanto Andrea Porto, de A banda da Loba, como Helena Barreiro e Andrea López, integrantes de Leria, amosáronse moi agradecidas por contar con elas para este concerto. “Parécenos moi importante que se fagan este tipo de actividades porque é certo que fai falla darlle máis visibilidade á nosa lingua”, afirmaron. 

 

O MODELO BURELA COA IGUALDADE DE XÉNERO E PARA SENSIBILIZAR SOBRE O
CAMBIO CLIMÁTICO

O quecemento global, a eliminación da pobreza e a igualdade de xénero son algúns dos contidos sobre os
que se centra a proposta de comunicación das radios públicas locais. Queren asimesmo aproveitar o auxe
do podcast, como ferramenta de moda en todo o mundo para transformar as emisoras municipais en
centros de produción de audio, abertos a toda a cidadanía. A presentación dunha nova edición do proxecto
ONDA ODS de comunicación e concienciación sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e
Axenda 2030 foi o centro da reunión mantida na mañá de hoxe entre a Asociación de Emisoras
Municipais Galegas, EMUGA, e o Concelleiro de Burela Mario Pillado.

Henrique Sanfiz, secretario da Asociación de Emisoras Municipais presentoulle os eixos do proxecto que
desenvolve a Asociación en colaboración con asociacións homólogas en Andalucía e Catalunya (EMA e
La Xarxa Radio TV Cardedeu) e a Asociación de Emisoras Comunitarias, nesta súa terceira edición.
Un dos puntos principais deste proxecto terá o seu desenvolvemento en Burela, xa que EMUGA ten
convidado ao Instituto de Ensino Secundario Perdouro a participar nun concurso ao redor dos ODS e
Axenda 2030 que envolverá a alumnos de 3o da ESO de 16 Institutos do Estado Español, catro deles
galegos.

O concurso que se desenvolverá ao longo de tres meses constará dunha fase territorial, na que competirán
entre si catro institutos galegos, e unha fase estatal na que o centro gañador da fase territorial representará
a Galicia enfrontándose aos centros gañadores das outras zonas do Estado.

O representante de EMUGA aproveitou a ocasión para ofrecer ao representante do Concello a
colaboración e experiencia das emisoras municipais para relanzar a emisora municipal coa que conta
Burela e que pode ser un importante elemento de participación veciñal na vida social e cultural do
municipio.

21 xaneiro 2025

 


O FALADOIRO DE ARTES ESCÉNICAS chega a Radio Neria.

A actriz e creadora fisterrá, Mariña Lestón, trae á programación de Radio Neria un novo programa: O FALADOIRO DE ARTES ESCÉNICAS, un programa no que conversará con protagonistas das Artes Escénicas de Galicia.
O programa arranca este mércores e terá unha periodicidade mensual. No seu primeiro capítulo, Mariña Lestón conversa con Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, do grupo Chévere, un dos referentes da creación escénica en Galicia e que no 2014 foron recoñecidos co Premio Nacional de Teatro.