07 noviembre 2024


 A ASOCIACIÓN "ILLA DA ESTRELA" DE CORME, HOXE EN RADIO NERIA.

Arrancamos temporada de CHEGAR A BO PORTO en Radio Neria, no que Luis Corral conversa con Rosa Rodríguez, presidenta da Asociación de Redeiras "Illa da Estrela" de Corme. Será a partir das 12:00, e poderemos escoitala de novo ás 22:00 en www.radioneria.blogspot.com

05 noviembre 2024

 

A PROGRAMACIÓN PARA HOXE EN RADIO NERIA

Martes 5 de novembro. Hoxe voltamos ter na nosa antena a mellor música con MUNDOFONÍAS. E despois, que pracer poder contar de novo con Maruxiña dos Queixos e o seu DISQUE.
Arrancamos ás 11:00 en http://radioneria.blogspot.com
E lembrade que voltamos ás 21:00. E se non tedes oportunidade de escoitarnos, esperámosvos en Ivoox con tódolos contidos da nosa programación

04 noviembre 2024

 

Hoxe arranca a nova tempada en Radio Neria

Empezamos. Imos espertando aos pouquiños, pero imos. Hoxe luns, 4 de novembro, voltamos con nova programación a Radio Neria. Arrancamos con contidos que xa veñen da temporada pasada: CHEGAR A BO PORTO, DISQUE, REALIDADE E SOÑOS, BOOMERS A CONCIENCIA, ÁBRETEDEORELLAS, CARNE CRUDA, MUNDOFONÍAS... e algo máis que temos na cociña e esperamos poder telas listas o máis pronto posible.
Empezamos hoxe ás 11:00 en http://radioneria.blogspot.com

28 octubre 2024

ARRANCAMOS UNHA NOVA TEMPORADA EN RADIO NERIA

Radio Neria arranca e novo as súas emisións coa intención de incorporar novas voces á súa programación

O vindeiro luns 4 de novembro arranca unha nova temporada en Radio Neria. Neste novo arranque, contamos cos programas que xa viñamos facendo a pasada temporada pero que queremos aumentar neste novo arranque. E para iso precisámoste
Tes ganas de entrar en contacto co mundo da radio? Queres facer o teu propio podcast?
Estamos abertos a novas incorporacións. Escríbenos un correo coa túa idea, ponte en contacto con nós para contarnos que che gustaría facer. Nós poñemos tódolos medios á túa disposición para que poidas levar a cabo a túa idea e pasar a formar parte da nosa programación.
Este é o correo ao que nos podes escribir: radioneria@gmail.com
Anímate a formar parte da familia Radio Neria.

21 octubre 2024

 “Empeza por ti” a proposta de EMUGA para acadar os  obxectivos da Axenda 2030.

O proxecto “Empeza por ti” liderado por Emisoras Municipais Galegas, EMUGA, co apoio da Deputación da Coruña, botouse a andar. A proposta traballará os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable recollidos na Axenda 2030 a través da programación de programas, pódcasts e “pílulas” radiofónicas que contribuirán á difusión dos ODS entre a poboación, sobre todo entre os máis novos ao propor novos xeitos de facer radio, como o podcast.

A radio local ao servizo da estratexia deseñada para o desenvolvemento deste ODS plantexados por Nacións Unidas no ano 2015 e que o planeta está traballando de xeito global e para que ninguén quede atrás.

O programa especial inaugural do proxecto emitíuse o pasado sábado 19 e contou con entrevistas que amosan proxectos exemplificadores de boas prácticas a nivel local que poden ter un positivo impacto non só nas colectividades que os acollen, senón tamén no conxunto da poboación como espello do que pode facerse a nivel local para traballar a favor da Axenda 2030.

Da man de Antonio Díaz, cociñeiro e propietario do negocio, Autga Autóctonas, que traballa con produtos locais e razas galegas, coñeciamos a experiencia de posta en valor e aproveitamento económico, da produción e difusión das razas de gando e variedades agrícolas autóctonas. Os nosos produtos locais son un valor en alza que compre apoiar e valorizar e que contribúe a fixar poboación e facilitar a posibilidade de que as zonas rurais recuperen o seu atractivo para novos moradores.

O programa para a creación dunha rede veciñal contra as violencias machistas, O Lavadoiro, tivo especial protagonismo no programa. Lucía Ríos e Silvia López, participantes como mulleres facilitadoras neste proxecto, contáronnos como O Lavadoiro, que xurde como unha proposta institucional pero que implica a mulleres e tamén homes para o seu desenvolvemento, está en plena transformación, consolidándose como un recurso imprescindible para a loita contra as violencias contra a muller.

Con este programa inaugural empeza o desenvolvemento do proxecto “Empeza por ti” que será emitido, durante os próximos meses, na programación compartida polas Emisoras Municipais Galegas. 25 emisoras locais que comparten o obxectivo común de contribuír ao desenvolvemento das sociedades nas que están instaladas e ser parte dese Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 17, Tecer Alianzas para poder acadar os ODS, redes de colaboración sen as que sería imposible o desenvolvemento de calquera proxecto de participación cidadá como o que EMUGA ven de iniciar.