22 xuño 2025


Este luns escoitamos o pódcast que Radio Neria gravou no Centro Recreativo Cultural de Corcubión

Radio Neria emite este luns días 23 de xuño o pódcast gravado no Centro Recreativo Cultural de Corcubión no que se debatíu sobre o presente e futuro turístico da comarca, o seu potencial e o seu compromiso como un destino turístico sostible. 
O pódcast está enmarcado dentro da participación de Radio Neria no 3º programa Onda ODS "O Futuro empeza por ti", que desenvolve con EMUGA (Emisoras Municipais Galegas), RTV Cardedeu, a EMA (Emisoras Municipais de Andalucía) e a REMC (Rede Estatal de Emisoras Comunitarias).
Neste programa imos contar coa participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira ademais de Xabier Domínguez, alcalde de Corcubión e Pepe Formoso, presidente de APTCM. Na segunda parte do programa haberá un coloquio non que estarán presentes Xóan Creus, Arquitecto ceense, profesor titular do departamento de Proxectos arquitectónicos, urbanismo e composición da Escola Técnica superior da Coruña; Iria Caamaño, profesora de socioloxía e comunicación, pertence ao Grupo de Investigación de Estudos Territoriais, e desenvolve liñas de investigación sobre turismo cultural, comercialización e planificación turística e Lucrezia López, directora do Centro de Estudos Turísticos da USC. Tamén nos acompañou Ubaldo Cerqueiro, director do xornal dixital Que Pasa na Costa.

03 xuño 2025

                                        

RADIO NERIA GRAVA UN PODCAST DESDE O CENTRO RECREATIVO CULTURAL DE CORCUBIÓN

Este pasado sábado Radio Neria saíu da emisora para gravar, desde o Centro Recreativo Cultural de Corcubión, un pódcast sobre "Turismo sostible e riqueza da comarca". Polo programa pasaron o Vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez "Drok" e o presidente de APTCM (Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte), Pepe Formoso.
No programa abordáronse as necesidades e potencialidades da Costa da Morte de cara a ser un referente dentro dos destinos turísticos de Galicia, pero sempre tendo en conta a sostebilidade.
O pódcast poderase escoitar este mércores 4 de xuño en https://radioneria.blogspot.com e tamén na plataforma Ivoox e Spotify.