6/7/10

Ramón Vigo na radiONeria: "O Dumbría foi superior pero o Cee é un equipo competitivo e forte que pelexa por estar entre os mellores"

Seguimos repasando as reaccións ao triunfo do Dumbría o pasado domingo, na Final da Copa da Costa 2010. Desta volta ofrecémosvos ás verbas que recolleu a radiONeria do alcalde de Cee, Ramón Vigo Sambade. Vigo se amosou triste pola derrota do U.C. Cee, pero recoñeceu a superioridade do xogo do Dumbría. Esta foi a entrevista que lle fixemos ao alcalde da vila da Xunqueira.

  • Alcalde, triste, ¿non?
Foi unha mágoa, pero a verdade é que hai que felicitar ao Dumbría, que amosou no segundo tempo unha superioridade manifesta, dentro dun encontro que se desenvolveu na máxima deportividade posible. É unha festa na Costa da Morte, polo tanto felicitar ao Dumbría, e o Cee a intentalo en vindeiras ocasións. Nos últimos catro anos estivemos en tres finais da Copa da Costa, iso demostra que o Cee é un equipo competitivo e forte, e que pelexa sempre por estar entre os mellores. Hoxe non puido ser pero en calquer caso felicitar aos xogadores por chegar ata aquí e agardar a outras tempadas onde poida ser a cuestión máis favorable.


  • E agora a Copa Neria...
Si. É un trofeo que fai competir a todos os concellos da bisbarra, e nese senso é unha oportunidade máis de obter un trofeo que comeza a ter unha certa importancia e significación na zona, polo tanto a ver se hai mellor sorte que hoxe.

  • ¿Estes dous equipos son favoritos?
Eu penso que si. Cando un chega á final da Copa da Costa, un torneo tan competitivo e tan difícil, significa que teñen equipo e solidez para poder chegar tamén na Copa Neria á final ou cando menos ao máis alto posible.


  • ¿Recibirase no Concello aos xogadores, como subcampións?
Nós tratamos ao Cee como un equipo senlleiro no Concello. É a organización social máis antiga do pobo, e polo tanto, dende o Concello de Cee sempre se ten a mellor disposición para agasallar a un clube como o Cee.

  • ¿Quedou contento co fútbol que fixeron os dous equipos?
Aínda que non me guste, teño que dicir que me gustou máis o Dumbría, indubidablemente, sobretodo no segundo tempo. Na primeira parte non se viu moito fútbol e houbo moi poucas oportunidades, pero no segundo tempo o Dumbría foi claramente superior, e por suposto disfrutei do fútbol, aínda que non me gustara porque os meus colores son os que son, como non pode ser doutro xeito.


  • A festa do fútbol quedou aquí manifestada, cos de Cee disgustados pero co Dumbría desfrutando desta grandísima final, ¿non si?
Por suposto. Xogan dous, un gaña e outro perde. A nós tócanos hoxe perder pero ver este campo cheo e ver o campo do Cee o outro día cheo, nuns momentos de pouca afluencia de xente ao longo da tempada, fai ver que a Copa é unha competición viva e que atrae todavía a todo o mundo para desfrutar do espectáculo do fútbol.

  • O alcalde de Cee na radiONeria Descargar

No hay comentarios: