18 octubre 2024


ESTE SÁBADO, PROGRAMA ESPECIAL "EMPEZA POR TI", NAS EMISORAS MUNICIPAIS GALEGAS

Galicia tamén ten que coidar a auga. A crise hídrica afecta á metade da produción de alimentos e ao 8% do PIB mundial, segundo conclue a Comisión Global da Auga. Ainda que na nosa comunidade poida parecer que non falta o líquido elemento, os expertos alertan sobre os problemas de calidade. Será un dos elementos a abordar no programa especial “Empeza por ti”, que Emisoras Municipais Galegas emitirá o vindeiro sábado 19 de outubro coa colaboración da Deputación da Coruña. Faráse fincapé tamén na necesidade de optar por produtos de proximidade e pola economía circular.

O programa, que comezará as 13,00 horas do sábado, poderá sintonizarse no 107.7 da Frecuencia Modulada e na web www.radiofusion.gal. Forma parte do proxecto “Empeza por ti”, producido por EMUGA, para achegar á poboación, sobre todo á máis nova, os contidos da Axenda 2030 e os Obxectivos para o Planeta que Nacións Unidas acordou no ano 2015.
O espazo do sábado terá continuidade nun “pódcast” que tamén se poderá escoitar todos os dias ás nove da mañá a partir do luns dia 19 de outubro.
A Axenda 2030 é unha chamada a acción colectiva e como emisoras de radio asociadas queremos asumir o noso papel como comunicadores e achegar os 17 ODS propostos nesta Axenda global acordada por 193 países.
Compre actuar, porque ningún dos aspectos do comportamento humano é inocuo para o planeta, a produción dos nosos alimentos, os nosos hábitos de consumo, a utilización dos plásticos, o saneamento dos nosos refugallos, o noso comportamento ten consecuencias para o planeta e compre que tomemos conciencia.
E esta será a proposta que abordaremos no programa especial do sábado no que escoitaremos a persoas de recoñecido prestixio e con coñecementos máis que acreditables como o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Lois Otero e o presidente da Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula, Xabier Ribeiro. Tamén se falará no programa de accións sobre a igualdade de xénero e arredor dos produtos de proximidade na gastronomía. Escoitaremos ao arquitecto Iago Lestegás abordando o valor patrimonial dos hórreos como elemento de importancia na paisaxe galega. 



Na imaxe, As Lolas da Cascarilla na Feira da Artesanía de Fene en 2022, agasallos artesáns e de proximidade en San Sadurniño.
Fotografía Xan Xe 

No hay comentarios: