21 octubre 2024

 “Empeza por ti” a proposta de EMUGA para acadar os  obxectivos da Axenda 2030.

O proxecto “Empeza por ti” liderado por Emisoras Municipais Galegas, EMUGA, co apoio da Deputación da Coruña, botouse a andar. A proposta traballará os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable recollidos na Axenda 2030 a través da programación de programas, pódcasts e “pílulas” radiofónicas que contribuirán á difusión dos ODS entre a poboación, sobre todo entre os máis novos ao propor novos xeitos de facer radio, como o podcast.

A radio local ao servizo da estratexia deseñada para o desenvolvemento deste ODS plantexados por Nacións Unidas no ano 2015 e que o planeta está traballando de xeito global e para que ninguén quede atrás.

O programa especial inaugural do proxecto emitíuse o pasado sábado 19 e contou con entrevistas que amosan proxectos exemplificadores de boas prácticas a nivel local que poden ter un positivo impacto non só nas colectividades que os acollen, senón tamén no conxunto da poboación como espello do que pode facerse a nivel local para traballar a favor da Axenda 2030.

Da man de Antonio Díaz, cociñeiro e propietario do negocio, Autga Autóctonas, que traballa con produtos locais e razas galegas, coñeciamos a experiencia de posta en valor e aproveitamento económico, da produción e difusión das razas de gando e variedades agrícolas autóctonas. Os nosos produtos locais son un valor en alza que compre apoiar e valorizar e que contribúe a fixar poboación e facilitar a posibilidade de que as zonas rurais recuperen o seu atractivo para novos moradores.

O programa para a creación dunha rede veciñal contra as violencias machistas, O Lavadoiro, tivo especial protagonismo no programa. Lucía Ríos e Silvia López, participantes como mulleres facilitadoras neste proxecto, contáronnos como O Lavadoiro, que xurde como unha proposta institucional pero que implica a mulleres e tamén homes para o seu desenvolvemento, está en plena transformación, consolidándose como un recurso imprescindible para a loita contra as violencias contra a muller.

Con este programa inaugural empeza o desenvolvemento do proxecto “Empeza por ti” que será emitido, durante os próximos meses, na programación compartida polas Emisoras Municipais Galegas. 25 emisoras locais que comparten o obxectivo común de contribuír ao desenvolvemento das sociedades nas que están instaladas e ser parte dese Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 17, Tecer Alianzas para poder acadar os ODS, redes de colaboración sen as que sería imposible o desenvolvemento de calquera proxecto de participación cidadá como o que EMUGA ven de iniciar.


No hay comentarios: