11/6/12

I Festival radiONeria: Unindo Corcubión

De éxito total podemos catalogar o I Festival radiONeria. Máis de 250 persoas case que ateigaron a Casa da Cultura de Corcubión para disfrutar cas actuacións de todos os grupos representativos da vila de San Marcos.

Maxistramente organizada e dirixida por Saulo, Sarah e Joanna, presentadores do programa Un máis un, a Gala durou dúas horas sen cansar, pasando do baile, á coral, pasando polas pandeiretas ou a poesía, con tempo, e todo, para os sorteos.
Moitos terían que aprender desta activa mocidade nas galas máis importantes do país, e como fiaron actuación e actuación coa voz en off de históricos como Marco Antonio Sande dan conta de que a canteira está asegurada.

Abriron os máis pequenos do Grupo de Baile Nerio, arrincando aplausos e risas das butacas. E dos máis novos, aos maiores, pois foron os membros da Coral Airiños de Quenxe os que tomaron o relevo e alzaron a voz.

Como dicimos, houbo tempo para os sorteos e se regalaron varios libros da Librería Ler, que por certo as súas representantes fixeron unha fermosa lectura de textos de Eduardo Galeano, Carnicería Antelo, a EMPRECOR e mais o Hotel El Hórreo.

Saltaron ao escenario os medianos do Baile Nerio e de seguido Manolín trouxo un par de poesías da súa autoría ademais dunha lembranza a Gonzalo López Abente.

Fixeron resoar as pandeiretas en todo Corcubión as bravas de Millo Verde, xa toda unha referencia non só na vila, se non en toda a comarca. Para dar paso aos maiores do Baile Nerio.

Foi Dolores Oliveira, unha das máis queridas na vila, a que puxo a última nota coa súa excepcional voz (25 anos gañándose a vida en misas e bodas do país o refrendan) para pechar por todo o alto este I Festival radiONeria.
Foto de familia e xa pensando no ano que vén.

No hay comentarios: