29/6/10

Fran Hermida na radiONeria: "O Dumbría non matou o partido e pode pasarlle factura"

Pasou Fran Hermida o pasado domingo polo Especial da ida da Copa da Costa da radiONeria. Un dos homes que máis sabe de fútbol na bisbarra analizou para nós o Cee - Dumbría do pasado domingo. Hermida tamén nos contou o que agarda do encontro do vindeiro domingo. Deixamos aquí a entrevista que lle realizaba no Sampaio de Refoxos o noso compañeiro Fran Lago.

  • ¿Como viches o partido?
Vin un partido moi nivelado. Coido que o marcador reflicte bastante esa igualdade. O Dumbría quizais acabou bastante mellor o partido por condición fisica, por profundidade de banco e sobretodo porque quedou o Cee en inferioridade numérica. O Dumbría non matou o partido e pode ser unha circunstancia que ao final lle pode pasar factura.

  • ¿Partía como favorito o Dumbría?
O Dumbría ten un equipo moi completo e foi moi regular este ano. Pero nunha final entre dous equipos que se coñecen, que son veciños, e que teñen "contas pendentes", falar de favoritos é complicado. Quizais agora mesmo co 1-1 pódese pensar que si, que son máis favoritos. Pero o Dumbría tivo este ano momentos da tempada que en casa foi forte, e outros que en casa foi moi débil. Entón haberá que ver que clase de Dumbría é. Se é o Dumbría que está sendo nos últimos partidos eu coido que teñen un pouquiño de vantaxe.

  • ¿Que che pareceu o gol do Cee?
Con sete xogadores, e uns tirando cara dentro e outros cara fóra é moi complicado. É destas xogadas onde che encantaría ter repetición, como pasa nos partidos de Primeira División ou no Mundial. Co que se viu a simple vista, eu dende onde estaba non me podo pronunciar.

  • Destacable o papel de Parroto, ¿non si?
Eu creo que naceu un porteiro. Se aínda non o coñecía moita xente, porque este ano xa fixo bos partidos e non tiveron tanta repercusión como pode ter este escaparate dunha final de Copa, eu coido que hoxe se reivindicou dun xeito espectacular. Fixo un partidazo. Deulle moita seguridade ao Cee aí atrás e paréceme que moito ollo con Parroto porque vai dar que falar. Paréceme de dez o partido que fixo.

  • ¿Como prognosticas a volta?
Moi aberta. Eu creo que van ser noventa minutos, como mínimo, moi igualados. Penso que van ser noventa minutos destes que pagan a pena, e ademáis confío en que as afeccións se volquen cos seus respectivos equipos.


Máis información:

      No hay comentarios: