01 mayo 2010

Gema Freire: "A remodelación do Campo do Rollo vai traer crise e empobrecemento a Corcubión"

Continuamos repasando o que deron de si as intervencións dos tres líderes políticos de Corcubión, o pasado xoves en O Ronsel. Hoxe traemos a visión da concelleira do Partido Popular, Gema Freire (na foto). Os temas a tratar, o proxecto da praia artificial e as obras de reordenación do Campo do Rollo. Ésta foi a entrevista que lle fixo o noso compañeiro Óscar Rey á edila conservadora.
  • ¿Cal é a posición do Partido Popular con respecto ao tema da praia artificial?
Os anciáns e a xente maior de Corcubión saben que esa praia non era unha zona de baño senón que era unha zona onde se varaban os barcos, onde se marisqueaba, e onde viña desembocar todo o saneamento do pobo. O alcalde dixo nun pleno que aí sempre houbo praia pero se comeu co paseo marítimo. É mentira. Aí houbo sempre unha pequena praia e hai fotos antigas onde se ve, e onde hai incluso baleas varadas.Iso realmente ninguén o utilizaba para o baño. Agora parece ser que hai este macroproxecto que queren realizar en Corcubión e que ao Partido Popular non lle parece o máis axeitado. Nós sempre dixemos que non estabamos dacordo con este proxecto nin con facer unha praia artificial. Sempre pensamos que tirar 47.000 metros cúbicos de area de caolín non era a mellor opción para Corcubión, e de feito votamos en contra. En novembro de 2008 no pleno decidiuse que non queríamos esa obra. Independentemente diso o alcalde saíu coa súa teima e si ou si ía facela.

Dende o PP pensamos que esa praia o único que vai traer é unha ruina e un gasto para o Concello. Cada certo tempo hai que repoñer a area, cando haxa temporal hai que limpala e iso vai supoñer un custo. Sabemos que Corcubión é un concello pequeno con pouco persoal que traballa na rúa. Iso vai ser unha ruina económica. O Partido Popular non está coa transformación radical do pobo de Corcubión porque gústanos como está. Gústanos ver esas barcas onde están, gústanos ver como a xente pode varar un barco nesa pequena praia. A xente de Santa Isabel sempre foi a Santa Isabel dese xeito. ¿Pode ser que agora teña un pouco menos de area a praia? Iso pasa en todas as cousas. Se se quere desenvolvemento por unha parte hai que minguar pola outra. O que non queremos é ese macroproxecto dunha praia artificial. Nós si queremos obras e proxectos pero que o enfoquen dende outro punto de vista e que saneen a ría, que iso si que é importante.

  • Laiábase o seu compañeiro de corporación , Óscar Insua, de que o PP non tiña a mesma posición no Senado, na Xunta e en Corcubión…
Temos sempre a mesma opción. No Senado presentamos unha iniciativa por medio da senadora do PP María Jesús Sainz e foi aprobada con maioría e cos votos do BNG. Pedimos que se adicasen eses cartos, 1.200.000 euros, a un proxecto de rexeneración integral desta ría, non para facer esta praia senón para eliminar a contaminación da ría. O que quere o Partido Popular é sempre igual en todas partes. Nós estamos dacordo con proxectos. Pero ese proxecto non nos gusta, e máis cando non están dacordo os que viven do mar, como son as mariscadoras. As mariscadoras non queren ese proxecto porque pola súa experiencia noutras praias artificiais, saben que o marisco vai morrer. Nós estamos con esas 19 mulleres que traballan en Corcubión e co resto da poboación que tampouco quere ese proxecto.

  • ¿Hai moita oposición ao proxecto en Corcubión?
Si. Pero non sei que pasa en Corcubión porque a xente non quere falar. Hai quen a quere porque din que trae un futuro turísitico. Eu coido que o futuro turístico non está nesa praia artificial. Penso que o futuro turístico de Corcubión e de toda a bisbarra vai por outros camiños e outras infraestruturas e alianzas entre comerciantes e poboacións. En Corcubión non queremos un Riazor. Nós non queremos esas macropraias, porque realmente é unha praia onde tampouco dá o sol. É unha praia onde cos cambios de mareas e con eses temporais, a area non vai perdurar onde está porque vai subir o nivel do mar moito. Esa area vai subir ao paseo marítimo. Vai subir á estrada. Iso vai ter aí un gasto. Eu creo que o desenvolvemento económico de Corcubión non vai tampouco pola instalación de unha praia artificial. No Partido Popular temos outra visión e outra serie de cousas que non van por ese sentido. Corcubión creo que turísticamente xa está onde está. Pódese seguir medrando pero non por unha praia artificial.


  • ¿Cal é a posición do Partido Popular con respecto ás obras do Campo do Rollo?
O Campo do Rollo precisaba dunha remodelación. Co paso dos anos as cousas vanse deteriorando e van quedando anticuadas. Entón queremos remodelar e cambiar. Eu aí estou dacordo nun proxecto onde se cambie ou se mellore. O que non estou dacordo é en que se faga unha rúa peonil. Eu creo que en Corcubión sabemos convivir peóns con vehículos. Non estamos na cidade da Coruña, onde é un caos circulatorio. Eu creo que en Corcubión, Cee ou calquera pobo da Costa da Morte convivimos tranquilamente vehículos con persoas.

Din que as árbores que curtan carecen de valor. Eu supoño que para dicir iso terán un informe dun perito agrónomo. Eu creo que nese senso teremos que preguntar no vindeiro pleno por qué din que carecen de valor.

Por outra banda vai desaparecer unha rúa. É a rúa por onde discurre o Bar Suiza. Nós criticámolo e dixemos que curtar esa rúa vai traer unha perda de aparcadoiros, un declive de moitos dos negocios e dos baixos comerciais e como non, a perda de valor patrimonial de todo o entorno. Por exemplo, dende que se fixo o paseo marítimo, todos eses baixos comerciais que están ao longo da avenida e as casas gañaron valor. De feito dende que hai paseo, os baixos estanse alugando e hai negocios na avenida. E as casas revalorizáronse. Nós o que achacamos non é o proxecto en si. Nós o que achacamos é unha parte do proxecto, que vai traer moita crise e moito empobrecemento a Corcubión. Nós queremos arranxar e mellorar, pero non a costa de perder a nosa idiosincrasia. Queremos convivir. Non queremos facer unha praza de María Pita nin facer grandes cousas que non temos. Nós temos que adaptarnos ao que temos e adaptalo a nosas circunstancias.

  • A un ano vista das eleccións, ¿cales son as expectativas do seu grupo político? ¿Como vai a conformación das listas?
As listas non as temos conformadas. Estamos barallando aínda o tema. As previsións que temos son moi boas. A menos de catro anos vista, dende que o goberno socialista colleu o mando nove meses despois de comezar a lexislatura, non é o máis fructífero ao noso parecer. O cambio e a transformación non a vemos. O único que se está cambiando é un hormigón por un empedrado. Todos os pobos dos arredores estanse transformando cara o futuro e aquí non vemos futuro nin vemos que o goberno estea a traballar para desenvolver Corcubión. Corcubión precisa de moito traballo e polo traballo e o emprego non están facendo nada. Hai máis parados cada día. Hai moitas mulleres en paro que precisan traballar, porque as economías familiares susténtanse non só co que aporta o home senón co que aportan as mulleres tamén.

Agora non hai unha guerra na Xunta de Galicia, como hai un ano cando había unha guerra continua entre o BNG e o PSOE por unha cota de poder. Coido que agora goberna un partido serio como é o Partido Popular, e coido que temos moi boas expectativas e moi bo proxecto para dar a coñecer aos habitantes de Corcubión e agardo que confíen no Partido Popular.


7 comentarios:

Anónimo dijo...

e donde está a entrevista do representante do BNG?

radiONeria dijo...

http://radioneria.blogspot.com/2010/04/praia-artificial-e-o-campo-do-rollo.html

aquí está. saúdos.

Anónimo dijo...

parece merecer estar marxinado ,non debe aparecer o lado dos outros,pois faríalle demasiada sombra ó sr. alcaldillo.

Anónimo dijo...

aquí está,la puerta de alcalá

Anónimo dijo...

"El autor" que DEBE aprobar ,es decir,pasar por la CENSURA ,¿será el SR. D. Agulleiro ?

radiONeria dijo...

Aclaramos que a entrada coa entrevista ao voceiro do BNG, Óscar Ínsua, non aparece á par que as outras dúas por mor da temporalidade das entradas do blog, non existe outra razón máis que esa.

Reiteramos que poden ler as verbas do voceiro do BNG aquí:

http://radioneria.blogspot.com/2010/04/praia-artificial-e-o-campo-do-rollo.html

Desculpen as molestias.

Anónimo dijo...

MOLESTADO.